Miserias da partitocracia

“Cada día que pasa do bloqueo da axuda, os nenos e nenas enfróntanse a un risco crecente de fame negra, doenza e morte. Nos últimos 19 meses, Gaza foi letal para os nenos e nenas, xa que non hai lugares seguros. De norte a sur, están a ser asasinados e mutilados en hospitais, en escolas convertidas en refuxios, en tendas de campaña improvisadas ou nos brazos dos seus pais”.

Declaracións do director rexional de UNICEF para Oriente Medio e Norte de Africa, Edouard Beigbeder

Teño escrito neste medio e varias veces sobre o que considero “miserias da partitocracia”, por mor de pensar que con demasiado frecuencia os dirixentes políticos poñen os intereses partidistas, de conquista do poder político, non só por riba dos intereses xerais, senón que incluso chegan a antepoñelos aos dereitos humanos, ao dereito a algo tan sagrado como a vida. Neste semana tivemos no Parlamento español un exemplo do que apunto.

O martes, 20 de maio, o Congreso dos Deputados admitía a trámite unha lei de Sumar, Podemos e o BNG dirixida a que España leve a cabo un embargo de armas aos países que estean cometendo un xenocidio. Unha proposición de lei pensada, claro está, para impedir o comercio de armas con Israel polo xenocidio que o seu exercito está cometendo en Gaza. Saíu adiante cos votos a favor dos partidos do goberno (PSOE/Sumar) e dos do bloque de investidura (BNG, ERC, Junts, PNV…). Votaron en contra Partido Popular (PP), Vox e Unión del Pueblo Navarro (UPN). Unha vez máis, as dereitas españolas puxeron a súa obsesión por derrubar ao goberno de quenda por diante de calquera outra consideración política, ética ou moral. Nun momento en que as Nacións Unidas, UNICEF e outras organizacións non gobernamentais nos avisan de que 14.000 nenos/as grazatís están en risco de morte inminente, tanto polas accións do exercito e a aviación israelí como polo bloqueo que o goberno daquel país esta exercendo sobre a axuda humanitaria, impedindo que esta chegue regularmente ao seu destino: a poboación gazatí.

Amais da baixeza moral, sorprende a falta de reflexos políticos dos dirixentes populares (PP) e a pouca visión do seu líder (Nuñez Feijoo) ao non ser quen de ver que a masacre de nenos/as gazatís está sacudindo as conciencias de moitos cidadáns europeos.

Diante desta decisión, e vendo o que está pasando en Gaza, un non pode por menos que preguntarse se os/as deputados/as que votaron en contra teñen fillos/as ou netos/as. Se é así, tamén me pregunto que lles dirán cando cheguen ás súas casas e aqueles lles interroguen sobre Gaza. Cando lles pregunten que mal fixeron os/as nenos/as gazatís para que os estean asasinando e/ou mutilando. Contaranlles que a culpa é de Pedro Sánchez? Ou soltaranlles a milonga do Festival de Eurovisión?

Resulta indiscutible que a proposición de lei aprobada é manifestamente insuficiente, incluso tardía. Pero é un paso adiante, un recoñecemento de que estamos diante dun xenocidio, cometido consciente e orgullosamente polo goberno israelí, que ten como vítimas principais a nenos/as (xa suman uns 15.000 os asasinados polo exercito do Estado sionista). Que non estamos diante dunha operacións militar (Nuñez Feijoo, dixit) senón dun xenocidio contra un pobo (palestino) que ten dereito a súa existencia, como así recoñece o dereito internacional.

Amais da baixeza moral, sorprende a falta de reflexos políticos dos dirixentes populares (PP) e a pouca visión do seu líder (Nuñez Feijoo) ao non ser quen de ver que a masacre de nenos/as gazatís está sacudindo as conciencias de moitos cidadáns europeos, obrigando aos seus lideres políticos a rectificar posicións anteriores con relación ao goberno israelí e ao pobo palestino.

Non quero rematar sen volver sinalar que a decisión do Parlamento español resulta claramente insuficiente. Que os partidos políticos, e o Goberno español, teñen que ir máis aló en defensa do pobo palestino e deses nenos/as que están sendo asasinados por miles. Que o goberno español debe traballar arreo para que a Unión Europea teña co Israel de Netanyahu unha estratexia similar á que ten coa Rusia de Putin, e suspender o diálogo político, revisar o actual acordo de asociación, impoñer un embargo total de armas, elaborar un decálogo de sancións contra dirixentes políticos e militares israelitas, así como contra colonos extremistas… En caso contrario, habería que preguntarlle a aquela que xustifica unha posición política tan diferente con relación a Rusia e a Israel. E que os/as nenos/as gazatís non teñen os mesmos dereitos que os/as nenos/as ucraínos/as? E que o goberno israelí non está cometendo crimes de guerra como o goberno ruso?