Segundo os últimos datos para Galiza da axencia europea de estatísticas (Eurostat), en euros correntes por habitante pasamos do 77 % da media de riqueza por habitante europea en 2004 ao 76% en 2024. Pódese dicir que minguamos como galegos pois son 20 anos perdidos na converxencia.
A este resultado contribuíron durante eses vinte anos os esforzos da Xunta de Galicia (tandem Feijoo-Rueda) en sintonía con Abanca, Caixabank, BBVA e Santander. Con programas estrela como O Xacobeo e a Cidade da Cultura. Pero tamén Naturgy, Iberdrola, Repsol e referentes como Sogama ou Reganosa. Sen esquecer os motores de Inditex e Stellantis.
Mesmo de terse en conta os niveis de prezos relativos e o poder adquisitivo, Galiza neses últimos vinte anos (2004-2024) pasou dun 82% da renda media da UE ao 84%. Dous puntos en vinte anos. Non se pode dicir que sexa unha historia de éxito. Sería -con retranca- que medramos como galegos, pois de manterse este modelo de “éxito” Galiza acadaría a converxencia plena (o índice 100) dentro de cento sesenta anos: no ano 2184.
A referencia europea deixa nos dous casos as claras que o noso progreso na converxencia dentro de España se explica sobre todo pola nosa atonía demográfica, un factor que no conxunto da UE non nos “favorece”. Penso que ten que haber outro carreiro. Que pasa por deixar de andar desnortados tal como concreto entre as páxinas 164-169 do meu libro “Galicia. Un país desnortado e minguante” (agora en aberto).





