Migración ilegal e tráfico de inmigrantes

| As claves

Como diría un deses personaxes femininos marabillosos das películas de Almodóvar “ábrenseme as carnes” vendo o que está pasando con centos de miles (ou millóns?) de migrantes e refuxiados en moitas fronteiras de mundo. Diante destes dramas non podo por menos que preguntarme como é posible que a pesar das promesas e as medidas adoptadas (construción de muros e valados, creación de patrullas, reforzos e militarización dos controles fronteirizos….) practicamente ningún goberno no mundo conseguiu deter a inmigración ilegal. Todo o contrario, a carón dunhas medidas cada vez mais duras, o sufrimento humano non para de medrar (segundo a OIM, Organización Internacional para as Migracións, no ano 2023 morreron na fronteira sur da UE 3.997 persoas, un incremento do 35% en relación a 2022) (*)

Unha realidade que denuncia o fracaso das medidas contra o trafico ilegal de migrantes e que no caso da Unión Europea pon en evidencia que a “Europa fortaleza” non é mais que unha quimera, que ademais o que realmente está conseguindo e empeorar as cousas: segundo Eurostat na actualidade o número de inmigrantes ilegais en Europa superaba o 1 millón douscentos mil, un 15% mais que no ano 2023.

Por que sucede isto? Porque con toda seguridade, e como denuncian non poucos expertos, o tráfico de migrantes non é unha causa da migración ilegal senón un efecto, unha reacción aos controis fronteirizos. Bastaría, por caso, con desprazarse ao sur de España para comprobar como hai unha demanda continua de traballadores migrantes en sectores como a agricultura, a hostalería e a construción que a emigración legal non é quen de cubrir. Os ríxidos controis e os complicados requisitos para obter visados que os migrantes deben cumprir levan a que cada vez sexan mais os inmigrantes que tenta cruza-la fronteira de xeito ilegal. Saben ademais que ao outro lado lles espera un traballo (segundo a EPA no que vai de ano o 40% dos traballos creados foron cubertos por inmigrantes, un crecemento que fai que na actualidade o 20% dos postos de traballo estean ocupados por estes), unha certeza que os leva a aceptar a contratación dos servizos de traficantes para poder cruza-la fronteira. Neste marco, cantas máis dificultades teñen para facelo máis dependentes se volven deses servizos.

As evidencias demostran que as políticas restritivas aplicadas polos gobernos que reciben inmigrantes en lugar de erradicar o tráfico de persoas o que están facendo é que os migrantes que buscan traballo e os refuxiados que foxen das guerras e a persecución nos seus países, diante da ausencia de canais migratorios legais, dependan cada vez máis dos traficantes. Créase así unha espiral da que os gobernos non parecen ser quen de saír.

(*): Datos estimados, con toda probabilidade á baixa.