Madrid: capital federal imposible

Nunha recente análise, sobre o nivel de federalización  dos ingresos públicos en distintos países, concluía que o Reino de España estaba lonxe (cuns ingresos non centrais do 27 % sobre o total) da estrutura centralista de países como Francia, Italia ou Portugal, pero tamén a un nivel escaso se os referentes fosen Canadá (55 %) ou Alemaña (38 %). Co que, sen chegar ao 70% (a Seguridade Social excluída) do acordo PSC-ERC para Catalunya (ou no actual encaixe do concerto vasco), dentro de España podemos avanzar moito daquel 27 % ao, poñamos, 40 % para ser un país máis federal.

Sin embargo puidera ser que as dificultades para federalizar máis o Reino de España non fosen tanto desta natureza como doutra orde. Non me vou referir aquí á mestura entre pluri nacionalidades e rexionalismos, e ás dificultades para artellar pactos federais singulares en cada caso, senón á cuestión da capital federal como asunto moi problemático.

Neste sentido sostiña no último número de Tempos Novos Antoni Castell o que segue: “Non hai ningún país federal cunha capital como Madrid. Ningún! Se Ottawa fose Toronto, Canadá non sería un país federal. Como non o serían os Estados Unidos se Washington fose Nova York, nin Australia se Canberra fose Sidney. Por que? Porque ante a rivalidade lóxica entre territorios que existe nun país federal, o Goberno estaría a favor dun destes estados de antemán. rompendo por completo o equilibrio e a competencia entre territorios. En España, nesta competencia, o árbitro está a favor dun territorio. Como vas crear así un país federal?”. É este un asunto no que creo paga a pena deterse a analizar.

De entrada avaliando o peso porcentual da poboación da capital en cada conxunto Federal (real ou potencial para o caso de España) ou nacional tal como recollemos na seguinte gráfica. Na que vemos como en xeral se comproba unha perfecta correspondencia entre a graduación centralismo (a esquerda) e federalismo (a dereita) da nosa anterior análise coa que resulta agora ordenando polo tamaño relativo da capital.

Fonte: elaboración propia con datos Eurostat e Banco Mundial para 2023 [Ampliar cadro]

Nos países de estrutura centralista a súa capital ronda un tamaño dun 20 % da poboación total, mentres que nos países federais o tamaño relativo da capital é catro veces menor (dun 5 % do total), sendo o caso norteamericano singular tanto pola decisión tomada no seu día ex novo como polo tamaño do propio país. Neste contexto federal o tamaño de Madrid (co 14 %) está fora de escala pois triplica o tamaño dos referentes de Berlin e Ottawa, algo que non sucedería por caso con Barcelona (que supón a día de hoxe un 3,5 % do total español). Sobre as forzas e estratexias que levaron a Madrid a situarse fora de escala (para xogar un papel equilibrado nun potencial modelo federal do reino de España) ocúpome nun ensaio que ven de editar o Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, “Galicia. Un país desnortado e minguante” entre as páxinas 118 e 123.

Claro está que as opcións alternativas para que Madrid non poida ser (polo seu tamaño) un distrito federal capital existen, ao menos se reparamos no caso de Ottawa. Pois lemos na wikipedia que pese a que Canadá é un Estado federal, a súa división administrativa no ten ningún distrito federal coa Capital Federal, a semellanza doutros países como Alemania (Berlín) ou Estados Unidos (Distrito de Columbia), pois Ottawa pertence a provincia de Ontario como unha municipalidade. Co que a capital federal nin ten porqué ser un distrito federal de seu, nin debera ser un unha megalópole.

Sobre todo en pleno século XXI con tantas cousas que estamos poñendo de seguido ao día por quedar obsoletas. Capitalidades que a escala nacional resolveron bastante ben en Euskadi con Gasteiz (co 11 %) (e non Bilbao) e mesmo nós con Compostela (4 %) fronte a cidades alternativas máis grandes, non así en Catalunya con Barcelona (no 20 %). Por aquelo de dificultar ao máximo as desatadas forzas centrípetas dos núcleos de maior dimensión sobre a estrutura territorial dun país. A actual capitalidade e dimensión de Madrid non se axeita nada a unha lóxica federalizante e plurinacional. A non ser que un pense que o Reino de España debe organizarse neste asunto como os veciños Francia ou Portugal e non como Alemaña ou Canadá.