O director da revista Tempos Novos, Luís Álvarez Pousa, vén de recibir o Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo na súa vixésimo terceira edición. O xurado salienta no seu fallo a súa longa e intensa traxectoria profesional e a súa contribución á formación das primeiras promocións de xornalistas galegos, alén do seu compromiso co xornalismo cultural e a súa capacidade para xerar pensamento e debate na revista. Destácase no fallo a traxectoria desta publicación, que saíu do prelo ininterrompidamente dende 1997 xuntando ata agora 329 números.
O xurado estivo presidido polo vicepresidente 2º e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández. Contou como vogais con Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra; Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Silvia Viqueira, da Asociación de Xornalistas de Santiago, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); e José Manuel Rubín en representación do Colexio de Xornalistas de Galicia. Foi secretario do xurado o asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, Alberto Carnero.
Luís Álvarez Pousa, nado en Trasmiras en 1948, conta cunha dilatada e recoñecida traxectoria xornalística e cultural que se estende durante máis de catro décadas dende que a comezos dos anos 70 puxo en marcha as Xornadas de Cine en Ourense. A súa andaina profesional encetouna na delegación ourensá de La Voz de Galicia, sendo o primeiro cronista político deste xornal nos anos da Transición española. Entre 1983 e 1985 foi director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, destacando na súa xestión a creación do Centro Dramático Galego. Cómpre salientar tamén a súa faceta como presentador da Televisión de Galicia en Encontros -o seu primeiro programa de debate- e Extramuros.
No ámbito académico, Luís Álvarez Pousa é licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e en Teoloxía pola Universidade Pontificia Comillas, ademais de doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Formou parte do claustro de profesores que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación (Xornalismo) da USC, onde impartiu aulas ata a súa xubilación en 2018.
Na súa traxectoria destacan outros recoñecementos como o Premio Café del Bolengo ao mellor labor de opinión na prensa (1993) ou o Premio da Crítica (ensaio) polo libro A identidade fronte á rede (2000). Ademais, foi Premio Atlántida do Gremi d’ Editors de Catalunya polo seu traballo como xornalista cultural (2003) e recibiu o Premio de honra “Fernando Rey” da Academia Galega do Audiovisual (2003). Conta tamén co Premio de honra “Marisa Soto” outorgado pola Asociación Profesional de Directores, Actores e Técnicos do Teatro Galego (2005). En 2023 recibiu o galardón de honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia que recoñecía o seu impulso como director xeral de Cultura a un programa de estruturación, planificación e desenvolvemento de políticas teatrais.
En 1997, xunto a outras 150 persoas, Álvarez Pousa puxo en marcha a revista Tempos Novos, que durante máis de 300 números ten analizado de forma lúcida e comprometida, a través dun pluralismo de voces e ollares, a realidade de Galicia e do mundo, fiel a unha filosofía que pon no xornalismo unha responsabilidade social e civil.