A dobre crise que golpea o PSOE polos casos de corrupción e acoso sexual a mulleres está poñendo en evidencia varias realidades que convén destacar, pois vemos que non son poucos os que se negan, ou non son quen, a recoñecelas.
A primeira, e seguramente a mais decisiva, é a evidencia de que hoxe por hoxe e visto o escenario político, en España para avanzar en democracia e benestar social é imprescindible o liderado do PSOE. Non hai outra alternativa e así o confirman as enquisas máis fiables cando o presentan como o partido de maior apoio social e tamén mais capacidade para atopar alianzas.
Non hai outra alternativa porque as outras esquerdas, que se autoproclaman auténticas (Sumar, Podemos), tanto polo seu enfermizo cainismo como pola non menor pobreza ideolóxica e reducida implantación social non parecen ser quen de avanzar posicións no taboleiro político español, aínda que é xusto recoñecer o seu protagonismo nalgúns dos máis importantes avances sociais a cargo do goberno de quenda.
Hoxe por hoxe e visto o escenario político, en España para avanzar en democracia e benestar social é imprescindible o liderado do PSOE.
Un liderado partidista (PSOE) que, a pesar diso, carece dun proxecto a medio e longo prazo, o que lle resta apoios na sociedade e maior coherencia na gobernanza e que, en parte, explica crises como as actuais. Unha carencia que se en parte se pode explicar pola crise sistémica que atinxe a todo a socialdemocracia europea tamén se debe a terse convertido nun partido moi tecnocrático e burocratizado, con fallos na democracia interna e carencias na formación e a ideoloxía.
Estamos así diante dun partido (PSOE) e un goberno (PSOE/Sumar) que ao tempo que, como recoñecen todolos organismos internacionais, son unha referencia internacional tamén son unha excepción nun escenario dominado polas forzas totalitarias e de extrema dereita. Unha difícil conxuntura que dá moito máis valor ao labor gobernamental que están desenvolvendo. Moito máis valor aínda se atendemos a que este goberno se atopou, dende o primeiro día en que se constituíu, cunha permanente e feroz ofensiva de forzas escuras nostálxicas do franquismo (partidos, poder xudicial, forzas policiais, medios de información e opinión…) que non teñen reparos en utilizar medios ilícitos para derrubalo.
Para superar os casos de corrupción e de acoso sexual e seguir avanzando as forzas de esquerdas, co PSOE en primeira fila, deben emprender unha especie de revolución interna na dirección dunha maior democracia e transparencia no funcionamento como organizacións políticas.
Neste escenario e para que as políticas deste goberno de quenda (PSOE/Sumar) teñan continuidade deberían adoptarse, tanto por parte do PSOE como polo resto das esquerdas, decisións políticas importantes e firmes tanto fronte á corrupción e ao acoso sexual como a nivel de funcionamento interno e de estratexias a medio e longo prazo. Medidas que, aínda que poida non semellalo, están unidas unhas a outras.
Para superar os casos de corrupción e de acoso sexual e seguir avanzando as forzas de esquerdas, co PSOE en primeira fila, deben emprender unha especie de revolución interna na dirección dunha maior democracia e transparencia no funcionamento como organizacións políticas, unha maior apertura ao exterior -tanto a nivel territorial como social-, abrir grandes canles de comunicación cos movementos sociais e coa sociedade civil no seu conxunto -que pasou con aquelas “casos do pobo”?-, procurar unha maior presenza feminina nos centros internos de poder e, moi especialmente, elaborar unha estratexia consistente e ben artellada tanto a medio como a longo prazo que supoña unha auténtica revolución social: por caso fronte á actual crise do sistema capitalista non cabe outra alternativa que a reformista en clave socialista. Unha auténtica revolución social que lles vai esixir un fondo debate ideolóxico e cultural no que deberían participar tódalas esquerdas políticas e sociais.
Esta dobre crise do PSOE tamén puxo en evidencia que as dereitas españolas (PP/Vox) son, hoxe por hoxe, un perigo para a democracia e o benestar da maioría.
Unhas tarefas que a este goberno de quenda (PSOE/Sumar) tamén lle van a esixir un grande esforzo, pois paralelamente debe gobernar no día a día, pero que aparecen como imprescindibles para coller un impulso tal que lle permita chegar ás eleccións do 2027 en condicións de seguir gobernando e avanzando.
Esta dobre crise do PSOE tamén puxo en evidencia que as dereitas españolas (PP/Vox) son, hoxe por hoxe, un perigo para a democracia e o benestar da maioría. Un perigo como se pode comprobar facilmente se atendemos aá políticas que esa coalición está aplicando nas autonomías que goberna (Galicia, Castela-León, Madrid, Extremadura, Pais Valencia, Andalucia…) e que explican o rexeitamento que provocan no resto de forzas políticas de xeito que lles impide artellar, a nivel de Estado, unha maioría alternativa ao goberno de quenda.





