[A derradeira crónica política de Justo Beramendi] Democracia e esquerdas, á defensiva na UE

Éme imposible analizar a campaña e as votacións das eleccións europeas do 9 de xuño en todos os países, a primeira por descoñecemento e as segundas por falta de espazo. Así que despacho o achegamento ao ámbito europeo cun breve comentario sobre os resultados de conxunto e sobre algunha consecuencia inmediata de relevo.  

Cunha participación do 51%, case igual á anterior, os principais feitos a salientar, case todos acordes coas predicións das sondaxes, son o primeiro posto da dereita do PPE cun 25,7%, o leve retroceso de socialistas até o 19% e esquerdistas ao 5%, o descenso algo maior de liberais (ao 11,1%) e verdes (ao 7,2%), o avance apreciable dos partidos de ultradereita até situarse preto do 25% e a importante irrupción de forzas previamente ausentes do parlamento (7,5%). Con todo, a deriva cara o extremo dereito, con ser considerable, non foi tan grave como algúns temían. A tríada europeísta que sostiña o statu quo precedente (populares, socialdemócratas e liberais) resiste ben de momento cun 56% dos votos e 402 escanos dos 720, que serían 63% e 474 respectivamente se os Verdes se suman como até agora. Xa que logo, a única e moi improbable posibilidade dun xiro político radical na UE sería que o PPE decidise en bloque cambiar de bando coaligándose coa ultradereita.

O feito de que se poida descartar unha UE totalmente reaccionaria a curto prazo non debe levarnos a menosprezar nin o perigo que supón a medio prazo a tendencia ascendente dos que pretenden destruir dende dentro o actual modelo europeo nin o efecto contaminante sobre as políticas europeas.

Pero o feito de que se poida descartar unha UE totalmente reaccionaria a curto prazo non debe levarnos a menosprezar nin o perigo que supón a medio prazo a tendencia ascendente dos que pretenden destruir dende dentro o actual modelo europeo nin o efecto contaminante que ten xa a súa maior presenza sobre as políticas europeas (inmigración, defensa, acción exterior, federalización). Hoxe son xa demasiados os países, ben con gobernos dese signo (Hungría, Italia), ben cunha ultradereita capaz de influir con forza na dinámica política (Austria, Polonia, Chequia, Finlandia, Suecia, mesmo Alemania). Nestes comicios, as forzas ultras europeas foron primeiras ou segundas en países que suman máis do 50% da cidadanía da UE. E para mostra do que pode vir temos Francia, fundadora da UE e fundamental para o seu futuro como Italia e Alemania, onde o Rassemblement National de Marine Le Pen máis que dobrou os votos do candidato presidencial, provocando que Macron adiante as eleccións lexislativas co risco dunha “cohabitación” contra natura entre un presidente demócrata e un goberno antidemócrata e xenófobo. Negro panorama, e non só para Francia.

O que deu de si o proceso electoral no Estado

Pasemos ao que aconteceu no Reino de España. Como era de esperar, a campaña tivo pouco de europea e moito de ensaio xeral desas eleccións patrias anticipadas que Feijóo, á falta de ofrecernos algo substantitvo, ven esixindo teimudo. De feito, pretendeu converter estes comicios nalgo tan europeo como un “plebiscito” derrogatorio do sanchismo. Craso erro político, como veremos, ao que engadiu torpezas tácticas, que mesmo desconcertaron aos seus, como branquear a Giorgia Meloni cando o PSOE centraba o seu discurso no combate contra a ultradereita, ou non descartar unha moción de censura para a que necesariamente tería que contar o tándem imposible Vox-Junts. Tampouco era moi presentable abandonar as negociacións con mediación europea (esixida polo PP) sobre o CGPJ mentres Maxistrados Europeos clamaban que a súa non renovación “é un inaceptable incumprimento inconstitucional”.

Feijóo pretendeu converter estes comicios nun “plebiscito” derrogatorio do sanchismo. Craso erro político, ao que engadiu torpezas tácticas como branquear a Meloni cando o PSOE centraba o seu discurso no combate contra a ultradereita, ou non descartar unha moción de censura para a que tería que contar o tándem imposible Vox-Junts.

Pero, erros á parte, na procura dun triunfo esmagador, o PP pulsou a fondo as teclas que mellor lle viñan funcionando, sempre coa axuda imprescindible de certos sectores da xudicatura e da fiscalía. En primeiro lugar, retomou os asuntos da amnistía, aparcado durante as eleccións catalás, e o seu irmán siamés: as cesións sen fin aos secesionistas que acabarán por desmembrar España e destruir o Estado de Dereito. E aquí vale todo. Dende afirmar que Sánchez lle regalará a Generalitat a Puigdemont ou permitirá un referendo de autodeterinación a cambio de seguir na Moncloa, a convocar a enésima manifestación en Madrid o 26 de mayo contra a lei na que Feijóo reclamou eleccións xerais xa porque Sánchez “nos engañó a todos”. E que dicir do esperpento do TSJ de Madrid desautorizando á Xunta Electoral e autorizando un aquelarre ultra disfrazado de rezo do rosario diante da sede do PSOE en Ferraz nada menos que nas xornadas de reflexión e votación.

Pero nada disto impediu que o Congreso aprobase a lei de amnistía o 30 de maio por 177 votos (PSOE + Sumar + Podemos + ERC + Junts + PNV + Bildu + BNG + Ábalos) contra 172 (PP + Vox + CC + UPN) nin que se producisen reaccións, unhas normais, outras non tanto. Todas as CCAA autónomas gobernadas polo PP anunciaron recursos de inconstitucionalidade e o socialista García Page abriu a porta a facer o mesmo na súa. Por suposto, Felipe González xa puxera a parir a Sánchez e a Zapatero en El Hormiguero. E Pere Aragonés só tardou horas en avisar: “A amnistía non resolve o conflito de soberanía co Estado”. Así que ao día seguinte ERC iniciou contactos con Junts e CUP para que o PSC non teña a presidencia do Parlament, como efectivamente aconteceu, e Marta Rovira puxo a “soberanía fiscal” de Cataluña como condición previa a facilitar a investidura de Illa.

A segunda tecla maior foi a insistencia no “caso” de Begoña Gómez, esposa de Pedro Sánchez. Cun protagonista, o xuíz Juan Carlos Peinado, que vén bordeando a prevaricación reiterada por insistir nunha imputación que ignora o informe exculpatorio da UCO, os pronunciamentos limitantes da Audiencia Provincial de Madrid e até a asunción do caso pola fiscalía europea. Pese a todo isto, o PP colocou o asunto no centro da súa campaña dando por probada a corrupción e acusando a Sánchez de “populismo” por mor da súa segunda “carta a cidadanía”, e por convertir algo personal en cuestión de Estado. Pero desta vez o PSOE reaccionou en modo judo paseando a Begoña por actos e mítins para convertela en activo electoral a base de excitar emocionalmente á xente.

Polo demais, o PSOE defendeuse desta ofensiva de varios modos, sempre con pouca axuda por parte dos seus socios, cando non recibindo fogo amigo. En primeiro lugar, amplificou ao máximo a alerta Que ven a ultradereita! (en Europa e en España), que tan ben lle funcionou nas últimas eleccións xerais. E como para darlle a razón, Vox vai e monta o 19 de maio en Madrid un cumio mundial das diferentes tribos, con Le Pen e Orbán a cabeza, e na que o desequilibrado Milei (en resposta á lindeza previa de Óscar Puente) chamou corrupta a Begoña Gómez, o que deu lugar a un conflito diplomático con Arxentina que aínda segue.

En segundo lugar, o PSOE apúntase o tanto da relativa boa marcha da economía que segundo Sánchez “ya no va como una moto, va como un cohete”, ridícula esaxeración que non só provocou as mofas do PP senón tamén un severo correctivo de Yolanda Díaz, quen lle recordou que a economía macro poder ir ben pero a micro vai moi mal para millóns de persoas. Para que quede claro quen é de esquerdas.

En Cataluña, tanto Junts como ERC retroceden, algo previsible polos datos das recentes eleccións catalás. En Euskadi segue a tendencia descendente do PNV e a ascendente de Bildu. En Galicia, o BNG queda máis ou menos como estaba. E a parella divorciada de Sumar-Podemos recolle o castigo dos electores á súa contumacia na división e nos personalismos.

En terceiro lugar, intentou seguir coas medidas sociais dende o goberno, pero con máis dun tropezón. E así, por un lado, apróbase que as grandes empresas paguen polo menos o 15% dos seus beneficios e unha oferta récord de máis de 40.000 prazas de emprego público, pero polo outro, a oposición de Sumar, moi necesitada de facerse notar, fai que o Congreso rexeite a lei sobre proxenitismo e que o goberno retire a lei do solo para non ter dúas derrotas en dous días.

E por último, presumiu de peso na política internacional recoñecendo o Estado palestino, condenando o xenocidio de Israel en Gaza e aprobando máis axuda militar a Ucrania, cuestión esta última que provocou tamén unha protesta de Sumar.

A Táboa recolle os resultados destes esforzos que, como tantas veces, admiten unha lectura e a contraria nalgúns casos. O PP pode cantar vitoria porque medra moito, sobre todo grazas ao desastre de Cs, pero fica lonxe do plebiscito derrogatorio, e por riba o espazo á súa dereita no canto de iniciar o retorno á casa nai, medra moito pola súa conta. Dobre frustración que sabe a fracaso. En cambio, o leve retroceso do PSOE en circunstancias moi desfavorables permítelle evitar o lamento e presumir de estar entre os que máis frearon á ultradereita en Europa, agochando que esta pasa agora en España de unha a dúas patas e que as dúas crecen.

En Cataluña, tanto Junts como ERC retroceden, algo previsible polos datos das recentes eleccións catalás. En Euskadi segue a tendencia descendente do PNV e a ascendente de Bildu. En Galicia, o BNG queda máis ou menos como estaba. E a parella divorciada de Sumar-Podemos recolle unha vez máis o que vén sementando: castigo dos electores á súa contumacia na división e nos personalismos.

Poucas consecuencias electorais

Que consecuencias poden traer estas eleccións, ademais de confirmar a crecente dereitización da UE cunhas esquerdas á defensiva e o conseguinte perigo de involución democrática? Penso que en España poucas, e menos en comparación co terremoto que xa provocaron en Francia. Fóra do dimito pero me quedo de Yolanda Díaz, que leva a un novo escenario os problemas preexistentes de Sumar, aquí os grandes preitos seguen a estar basicamente no mesmo punto que antes do pasado día 9, empezando pola gaiola de grilos á esquerda do PSOE.

A probabilidade de que o sudoku catalá desemboque nunha repetición electoral é maior que a dunha investidura de Illa, a non ser que unha ERC, hoxe en aberta guerra interna, decidise pagar o alto prezo de renunciar a un concerto económico que ela mesma puxo como conditio sine qua non, e que dificilmente pode conceder o PSOE.

O máis probable é que, sexa cal sexa a saída á situación catalá, a lexislatura cumpra os seus catro anos con pouca produtividade, e cun goberno feble e incapaz de facer moito porque os seus socios necesitarán marcar distancia, pero cunha oposición que tampouco poderá mesturar allos con bugallos para gañar unha moción de censura, e seguramente continuará como até hoxe coa vista posta nos seguintes comicios.

Respecto do sudoku catalá, penso que a probabilidade de que desemboque nunha repetición electoral é maior que a dunha investidura de Illa, a non ser que unha ERC, hoxe en aberta guerra interna, decidise pagar o alto prezo de renunciar a un concerto económico que ela mesma puxo como conditio sine qua non e que dificilmente pode conceder o PSOE. E se cede a cambio dalgunhas melloras na financiación, o govern de Illa, emparedado entre o secesionismo e as dereitas españolas, será un calvario. De momento, unha das almas de ERC deulle a Junts a presidencia do Parlament e a outra pactou co PSC no Concello de Barcelona. E Josep Rull, o novo presidente da cámara, logo de comprobar na rolda de consultas que nin Puigdemont nin Illa contan con votos dabondo convocou o “acto equivalente” no Parlament, co que, de non haber investidura antes do 26 de agosto, teremos neste ano as quintas eleccións.

Así que, como dixo Murguía, onde estabamos, estamos. Bonito panorama. Sería un presaxio que o último gran descubrimento pictórico en España fose un Caravaggio, e non un Sorolla?