Italia e Estados Unidos: Meloni e Trump

A indisimulada afinidade ideolóxica entre a primeira ministra italiana Meloni e o presidente Trump favorece unha situación de alto risco sobre as decisións dun país que é central na Unión Europea e na eurozona. Pois a política comercial e arancelaria é, xunto co euro e o BCE, das poucas que teñen un encaixe de facto federal na UE, e na que os Estados deben cumprir as políticas comúns definidas.

O problema potencial é que esa definición debe facerse por consenso e os vetos -explícitos ou soterrados- supoñen unha moi perigosa parálise. Mesmo que só fose unha parálise derivada de andar a esquivar a ruptura do consenso (cousa que xa está a suceder coa posición de Hungría verbo da administración Trump). Neste punto unha metástase italiana sería moito máis perigosa.

Tentarei resumir no que segue unha resposta a esta pregunta: ¿que posibilidades obxectivas -máis aló das ideolóxicas- hai para que isto suceda?

Moi resumida, a situación comercial global de Italia verbo dos Estados Unidos caracterizaríase[1] porque Italia é o terceiro país da Unión Europea cun maior saldo positivo cos Estados Unidos (despois de Alemaña e Irlanda) con 38.000 millóns de euros en 2024, o que supón a cuarta parte do superávit total europeo. Ese saldo xusto explica boa parte do seu saldo comercial positivo total (54.000 millóns).

Italia consegue o seu maior saldo favorable no mundo cos Estados Unidos ao exportar cara ese país por 63.000 millóns, sendo tamén o terceiro maior exportador europeo en 2024 cara os Estados Unidos. O seu balance comercial dentro da UE está bastante equilibrado, sendo así que é fora da UE (sobre todo cos Estados Unidos) onde recolle o seu saldo positivo. Pola contra, o seu maior saldo negativo teno coa China (34.000 millóns), seguido de Países Baixos e Alemaña.

Cómpre dicir que con estas cifras do saldo comercial de Italia con Estados Unidos, e das súas exportacións cara aquel país, se Trump lles aplicase a súa “fórmula arancelaria” por vez dun 20 % medio da UE (agora adiado por 90 días), Italia tería que soportar un 30 %.

Chegados a este punto, paga a pena concretar cales son os principais destinos exportadores da economía italiana nun recadro.

Fonte: elaboración propia con datos do Ministerio de Economía [ampliar cadro]

De xeito que Estados Unidos, sendo o seu segundo maior destino exportador, é o seu mellor “cliente”. Pois cómpralle a Italia moito máis do que lles vende, mentres que Alemaña, sendo o seu primeiro mercado exportador, coloca en Italia máis mercadorías. China é un caso extremo tamén para Italia, porque con ese país o saldo comercial negativo débese a unhas importacións moi por riba das súas exportacións.

En resumo: Italia partilla cos Estados Unidos un grande desequilibrio desfavorable con China e ten nos Estados Unidos un mercado exportador compensatorio.

Cabe imaxinar que, sobre esa base, a estratexia de negociar bilateralmente con Estados Unidos para deixar de importar da China (e pasar a facelo dos Estados Unidos) e, a cambio, poder seguir a exportar a Estados Unidos podería ser considerada con moito interese polo actual goberno Meloni e, por suposto, moi ben avaliada polo goberno de Trump.

As principais partidas importadas, tanto dende EEUU como dende China por parte da economía italiana (que recollemos noutro recadro en millóns de euros), presentan potenciais complementariedades nesa dirección. Pois das seis maiores partidas importadas dende China cara Italia en cinco delas (as coloreadas na táboa) Italia xa realiza importantes importacións dos Estados Unidos. Só na de automoción isto non se cumpre.

Fonte: elaboración propia con datos do Ministerio de Economía [ampliar cadro]

E a segunda partida importadora deste país dende os Estados Unidos (combustibles, sobre todo gas natural) é algo do que Estados Unidos está moi sobrado ao ser o primeiro exportador do mundo, e sobre todo tras da ruptura comercial de facto coa China que era o seu principal importador. O gas natural está a caer de prezo, máis coa devaluación do dólar, e Trump sabe que a moitos países (Italia, pero tamén Alemaña, España, Xapón ou Francia) vénlles moi ben esta bicoca.

Obviamente, tomar esta folla de ruta con Italia podería ter moi serias consecuencias nas súas relacións co resto dos membros da UE (con Alemaña moi en particular, pero tamén Francia ou España), se consideran que ese bilateralismo supón unha ruptura da unidade de mercado e arancelaria europea, así como unha fonte de conflitos no comercio internacional.

Iso sen esquecer que, no que levamos desta nova guerra comercial aireada dende os Estados Unidos, a perda de valor do dólar respecto do euro[2] xa ten suposto un arancel universal do 10 % sobre as exportacións europeas cara aquel país e, ao tempo, un estímulo de facto (o contrario dun arancel que acordase a UE) do mesmo 10 % para importar mercadorías dos EEUU dende a UE.

Á Italia de Meloni abondaríalle con partillar con Trump o non ter présa, e que a UE siga conxelando e diferindo a súa resposta. Porque a falla de resposta federal europea comercial[3] (se Italia pon obstáculos ou camiña polo seu propio interese como vimos de analizar) nun caso, combinada coa apreciación do euro, provocaría unha treboada perfecta contra da estabilidade económica e social da Unión Europea.

[1]     Todos os datos tómanse do portal de comercio exterior do noso Ministerio de Economía e Facenda:
https://comercio.serviciosmin.gob.es/Datacomex/principal_comex_ue.aspx
[2]     https://www.sinpermiso.info/textos/mas-aranceles-o-devaluar-el-dolar
[3]     De momento seguen en pé aranceis trumpistas para a UE do 25% aos coches, aluminio e aceiro