Israel, Estado terrorista; Netanyahu, criminal de guerra

| As claves, Global

Imaxe: Nour Alsaqqa – Médicos sen Fronteiras (2025)

Unha coñecida feminista galega preguntábase nun diario do país se, hoxe por hoxe, se pode considerar o Estado de Israel como un Estado terrorista. A resposta, a vista das evidencias, non debera deixar lugar ás dúbidas: o Estado de Israel estase comportando como un Estado terrorista e o seu primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, como un criminal de guerra.

“Case 150 persoas morreron por inanición dende o inicio da ofensiva israelí tralos ataques do 7 de outubro de 2023 e 14 deles nas últimas 24 horas” denuncia o diario PUBLICO, “21 nenos morreron de fame en Gaza en so 72 horas. Centos de persoas morreron tiroteadas nos centros de axuda” (informa a ONG Avaaz). Autoridades gazatís aseguran que “100.000 nenos poden morrer en cuestión de días polo desabastecemento”. A coordinadora de Médicos sen fronteiras na cidade de Gaza “alerta do impacto da falta de comida nos pacientes máis vulnerables e o persoal médico. A gravísima situación afecta incluso os neonatos. Hai días nos que nin sequera hai leite de fórmula para os bebés da unidade de coidados intensivos… Nun só día 59 palestino e palestinas, persoas con familias, seres queridos, esperanzas e soños, viron as súas vidas truncadas e ao redor doutras 200 foron feridas e trasladadas ao hospital Nasser, no sur de Gaza. Os nosos equipos tiveron que transformar rapidamente a sala de maternidade do hospital, destinada a dar a benvida a novas vidas, en quirófanos de urxencias. Moitas das persoas feridas tiveron que sufrir amputación para salva-las súas vidas. O seu delito: intentar conseguir fariña”.

“Os nosos equipos tiveron que transformar rapidamente a sala de maternidade do hospital, destinada a dar a benvida a novas vidas, en quirófanos de urxencias”.

“Dende a posta en marcha, o 27 de maio, da Fundación Humanitaria de Gaza, como parte do plan estadounidense-israelí para instrumentaliza-la axuda, centos de palestinos e palestinas resultaron feridos e decenas morreron. Á maioría disparáronlles nos lugares de distribución de axuda mentres agardaban recibi-las necesidades básicas para sobrevivir” (Médicos sen fronteiras).

“A data de xullo de 2025, máis de 320.00 nenos e nenas, isto é, toda a poboación menor de cinco anos da Franxa de Gaza, corre o risco de sofrer desnutrición aguda e miles xa padecen desnutrición aguda grave, a forma máis letal de desnutrición. Os servizos nutricionais esenciais colapsaron e os bebes carecen de acceso a auga potable, substitutos da leite materno e alimentación terapéutica” segundo advirten UNICEF e o PMA (Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas).

Estas, ás que poderían sumar moitas máis, son declaracións do persoal das ONGs que con risco real para as súas vidas está traballando en Gaza aínda sabendo que o exercito israelí os ten no seu punto de mira. Logo de escoitalos queda algunha dúbida de que o Estado de Israel se está comportando como un Estado terrorista? De que o seu Primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, é un criminal de guerra?

Tampouco teño dúbidas de que Estados relevantes da Unión Europea son corresponsables directos do xenocidio que está tendo lugar en Gaza.

Eu non teño ningunha e así o proclamo. Tampouco teño dúbidas de que Estados relevantes da Unión Europea son corresponsables directos do xenocidio que está tendo lugar en Gaza, onde asistimos a un dos maiores asasinatos de nenos e nenas que se ten producido na historia da humanidade. Segundo recolle Pierre Rimbert en LE MONDE Diplomatique o ministro de Asuntos Exteriores alemán, Johann Wadephul vén declarar que “Alemaña seguirá apoiando a Israel e provéndoo de armas. Iso é algo que nunca se puxo en dúbida”. Entre o 7 de outubro de 2023 e o 13 de maio do 2025 Alemaña exportou bens de equipamento militar a Israel por un valor superior aos 485 millóns de euros (Pierre Rimbert). Aínda que en moito menor volume económico, Francia tamén está proporcionando armas a Israel. Bens de equipamento militar e armas que xa estamos vendo en que os emprega o goberno israelí.

Por outra parte e sabendo cales son as reais intencións do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, non pensemos que o xenocidio de Gaza é un final senón que é o principio dunha estratexia sionista de promoción de Israel como potencia hexemónica na rexión. Unha estratexia que conta co apoio total do actual presidente dos Estados Unidos, Donald Trump quen soña con converter Gaza nunha especie de “paraíso turístico”.