Israel, o pesadelo do xornalismo

| As claves

A semana pasada, cos derradeiros compases do ano, as tropas israelís mataron outros cinco xornalistas, todos palestinos, en Gaza. Un ataque aéreo segaba a vida dos cinco profesionais, traballadores da cadea televisiva Al Quds, cando se atopaban dentro dunha furgoneta identificada co rótulo PRENSA. A morte apañounos na entrada dun hospital. Estamos moi afeitos, terribelmente afeitos, a que os centros de saúde sexan obxectivos militares nesta espantosa guerra que arrincou -é un falar, porque o conflito dura xa décadas- o 7 de outubro de 2023.

A profesión xornalística non está exenta de riscos en moitos lugares do planeta, pero hai algúns concretos onde o carné de prensa parece tomar forma de diana de tiro. Se pensamos en xornalistas asasinados en acto de servizo, ou como consecuencia do seu traballo, inmediatamente veñen á cabeza atroces ditaduras. Se cadra imaxinemos as guerras contra o narco, a represión da oposición en países como Rusia ou, especialmente en Galicia, o asasinato de José Couso naquel afastado 2003 onde Iraq pagou a carraxe duns Estados Unidos feridos polo 11-S. Porén, a fría estatística non deixa lugar a dúbidas: Israel é o Estado que máis xornalistas mata hoxe no planeta, con máis de 155 durante a presente guerra.

Israel é o Estado que máis xornalistas mata hoxe no planeta, con máis de 155 durante a presente guerra.

No seu balance de 2024 de xornalistas mortos, encarcerados, secuestrados e desaparecidos no mundo, publicado a mediados de decembro -e que non incluía, por exemplo, os cinco mortos do día 26-, Reporteiros sen Fronteiras atribuía a Israel 18 dos 54 xornalistas mortos debido a ou durante o seu traballo nese ano. Sen ter en conta a acción de grupos armados sen identificar, os seguintes Estados presentes en tan deshonrosa lista eran Bangladesh, Birmania e Rusia. Dá para cavilar un anaco, cando se repite o escandaloso discurso da “única democracia do Oriente próximo” para se referir a un Estado que practica unha forma de apartheid e sustenta o seu dereito á existencia sobre un mito etnorrelixioso. Pero é que, ademais, Israel ocupa, logo da China e Birmania, o terceiro posto entre os países con maior número de xornalistas na cadea: 41. Se aplicamos un simple cálculo, vemos que en Israel hai un xornalista preso por cada 243.000 habitantes, mentres que en China hai un por cada 11 millóns.

A figura do xornalista en conflitos bélicos destaca pola súa singularidade no terreo de operacións. Non se trata dun membro das forzas en conflito e, aínda que é un civil, actúa decote vinculado a unidades de combatentes -os célebres “xornalistas empotrados”-. Do mesmo modo que o persoal humanitario, o xornalista está amparado por disposicións concretas do dereito internacional, que comezaron a desenvolverse no Convenio de Xenebra. Pola súa banda, ao consagrar a liberdade de expresión como un dereito fundamental, a propia Declaración Universal dos Dereitos Humanos sustenta o labor dos xornalistas en calquera escenario.

Se aplicamos un simple cálculo, vemos que en Israel hai un xornalista preso por cada 243.000 habitantes, mentres que en China hai un por cada 11 millóns.

A Conferencia Xeral da Unesco aprobou o 12 de novembro de 1997 unha resolución de condena da violencia contra os xornalistas que insta aos Estados membros a prever, investigar a castigar os crimes contra os profesionais da comunicación. Nove anos despois, a resolución 1738 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas definiu claramente como civís as figuras de xornalistas en zonas de conflito, demandando ás partes enfrontadas a responsabilidade da protección destes profesionais. Con especial interese para o caso que nos ocupa (o bombardeo deliberado dunha furgoneta de prensa), esta resolución aclara que as instalacións e equipos empregados polos xornalistas tamén son obxectivos civís e, por tanto, non aptos para accións militares.

A Asemblea Xeral da ONU aprobou a resolución 68/163 o 18 de decembro de 2013, que ademais de instituír o 2 de novembro como o Día Internacional pola Fin da Impunidade dos Crimes contra Xornalistas, insta aos Estados Membros a prever a violencia contra estes e a asegurar que se investiguen os episodios en que tal violencia se produza, levando os autores perante a xustiza.

É un deber alzar a voz en defensa non só dos xornalistas, senón do dereito de toda a cidadanía a unha información veraz, alicerce da democracia.

Para Israel, estas e outras disposicións son papel mollado. A extensión da consideración de combatente inimigo a practicamente calquera persoa sobre o terreo que non forme parte das forzas armadas israelís engloba, como non podía ser doutro xeito, os xornalistas dentro dos obxectivos que o exército daquel país considera lexítimos dentro da guerra de exterminio que lanzou hai xa case un ano e medio.

Como xornalistas, é un deber alzar a voz en defensa non só dos colegas de profesión, senón do dereito de toda a cidadanía a unha información veraz, alicerce de calquera deliberación democrática. Cada xornalista asasinado, en Israel, en Palestina e en calquera país, é moito máis que unha vida que se rouba: é unha fiestra que se nos pecha para ver, comprender e interpretar o mundo que nos rodea.

Fotografía: TVE