Infiltrados nas aulas: Cataluña leva os mossos ás escolas

No ano 2026, a Generalitat de Cataluña introduce os Mossos de Esquadra como figuras profesionais presentes nas aulas. Bautízaos como “Axentes de convivencia” e fórmaos en mediación como unha forma de previr os conflitos antes de que ocorran.

A Generalitat non recoñece a existencia dun problema serio de convivencia nos centros. Tampouco etiqueta ningún como de especial preocupación pola violencia que se presenta. Pero decide que é necesario contratar Mossos para mellorar o clima relacional que se desenvolve nas aulas.

Esta medida é inadecuada por varios motivos. Por un lado, o profesorado catalán no presente curso leva varias folgas esixindo melloras nos centros, con baixadas de ratio e aumento de persoal. Contratar mossos e non profesorado especialista aumenta o “queime” profesional e manda unha mensaxe clara: apostamos pola autoridade, non pola educación.

Contratar Mossos e non profesorado especialista aumenta o “queime” profesional e manda unha mensaxe clara: apostamos pola autoridade, non pola educación.

Por outra banda, vixente en todo o Estado, a Lei Orgánica 8/2021 de 4 de xuño de Protección Integral da Infancia contra a Violencia xa creou a figura do Coordinador de Benestar. Esta figura encárgase de organizar todo aquilo que ten que ver coa mediación e xestión de conflitos, comunicándose con Servizos Sociais nos casos de graves dificultades familiares. O problema é que foi un cargo asociado ao profesorado xa existente. Non veu acompañado dunha partida orzamentaria propia, cargando ao persoal de máis traballo e burocracia. Se a Generalitat desexase apostar por unha mellora da convivencia, dotaría de persoal a tempo completo para cumprir estas funcións.

Antes que contratar policias, existen dúas figuras profesionais con formación específica para a convivencia escolar. Os educadores e traballadores sociais son profesións pouco invasivas, capaces de abrir canles de comunicación cos rapaces e traballar o conflicto dende o vínculo. Coa súa intervención, o alumnado adquire as ferramentas necesarias para mediar nos conflitos dos seus compañeiros.

Apostar pola presenza policial nas aulas é unha postura política autoritaria. Supón un desprezo ao profesorado e a súa capacidade de xestión dos conflitos. Introduce unha figura de autoridade externa, con capacidades punitivas superiores ás dos docentes e sen realizar unha consulta previa á comunidade educativa. E todo isto nun contexto de crispación social, onde as esixencias dos especialistas e das familias apuntar cara ao aumento do persoal educativo.