Os dirixentes europeos, co eco de todos os grandes medios de comunicación e do poder financeiro, empeñanse en dicirnos que Europa debe multiplicar os seus orzamentos para gastos militares como única forma de ter seguridade e autonomía e, ademais, que iso debe facerse reducindo o Estado do Benestar.
Ao meu xuízo, están completamente equivocados por tres razóns principais.
Europa tamén xerou inseguridade para si mesma.
En primeiro lugar, porque confunden, ou enganan, cando falan sobre a orixe da inseguridade e a natureza das ameazas. Os dirixentes europeos non fan un balance autocrítico do que ocorreu nos últimos anos. Empeñanse en culpar a Rusia da situación actual, cando a propia Unión Europea e os Estados Unidos contribuíron a provocala, incumprindo os seus compromisos de non expansión da OTAN e xerando unha verdadeira e innecesaria ameaza existencial para Rusia. Producirían risa, se non fose pola situación dramática na que estamos, as declaracións de Macron advertindo de que Putin se propón invadir toda Europa (cando non deixaron de dicir que Rusia sería derrotada militarmente por Ucraína e que iso non só era posible, senón seguro; incluso dicindo que tiveran que substituír os carros de combate por burros).
Non vou negar que Europa se enfronta a ameazas exteriores, pero non son todas as que nos poñen en perigo. A política insensata, belicista, antieuropea, seguidista fronte aos Estados Unidos, provocadora e incendiaria que seguiron os seus dirixentes tamén creou inimigos e converteuse nun risco para a propia Unión Europea.
Máis gasto militar non asegura máis defensa nin autonomía estratéxica
En segundo lugar, os dirixentes europeos equivócanse porque é materialmente imposible que Europa poida lograr seguridade e autonomía mediante o incremento dos seus orzamentos militares.
Nun artigo que acabo de publicar sinalo as razóns que xustifican a miña opinión:
– Para dispoñer dun exército capaz de facer fronte hoxe a calquera ameaza bélica cómpre ter unha base industrial potente e un sistema de investigación, innovación e desenvolvemento avanzado e independente. Europa non os ten, no grao necesario, porque as políticas neoliberais aplicadas nos últimos anos desmantelaron a súa industria e deixárona nunha situación de grande dependencia.
– Para ter garantías militares de disuasión e defensa suficientes fronte aos seus supostos inimigos militares, Europa necesitaría un orzamento militar moito máis elevado, non só do que ten agora, senón mesmo superior ao extraordinario que os seus dirixentes afirman que van dispoñer nun futuro inmediato. Sobre todo, cando o previsto é que ese último se active por parte dos distintos países e non da Unión Europea como conxunto.
Se de forza militar se tratase, o que necesitaría Europa, en todo caso, serían sinerxías, máis cooperación, vertebración e integración.
– En calquera caso, para garantir a súa seguridade e dispoñer de autonomía estratéxica, o que necesita Europa non son máis cartos para o orzamento militar. Se fose un só país, sería a segunda potencia militar mundial, tras os Estados Unidos e con 3,5 veces máis gasto militar per capita que China. Porén, ese xa elevado orzamento militar conxunto (aumentado nun 30% nos últimos tres anos), máis o dos Estados Unidos (entre ambos, case o 55% do total mundial en 2023, segundo o SIPRI), non foi quen de reducir a inseguridade e o perigo. Pola contra, aumentáronos, segundo recoñecen os propios dirixentes europeos cando afirman que agora estamos máis en perigo ca nunca.
Se de forza militar se tratase, o que necesitaría Europa, en todo caso, serían sinerxías, máis cooperación, vertebración e integración cando fose necesario, investimentos coordinados e complementarios… En suma, un Exército europeo e non unha suma de milicias.
– Para que un exército sexa efectivo como instrumento de defensa fronte a un inimigo exterior é necesario que teña unha única bandeira, que responda a intereses colectivos que o respalden e apoien, que exista un forte lazo nacional e de pertenza entre a cidadanía e as institucións que a leve a sentirse protexida por un exército ao que considera seu, que apoia e está disposta a financiar co seu esforzo e sacrificio. Europa non ten nada diso porque as políticas neoliberais que aplicou produciron desafecto, afastamento e rexeitamento da cidadanía cara ás súas institucións, como demostra o avance das forzas de extrema dereita, nutridas, precisamente, da inseguridade e descontento que iso xera.
– É un auténtico despropósito e un insulto á razón e á intelixencia da cidadanía europea que os seus dirixentes afirmen que Europa gozará de seguridade e autonomía defensiva aumentando o seu gasto militar mentres permiten que no noso solo haxa 38 bases militares dos Estados Unidos con máis de cen cabezas nucleares (en realidade, é moi posible que moitas máis) que poden destruír varias veces todas as nacións europeas se se preme un botón en Washington.
Ou a Unión Europea aposta por seguir arrendando a súa defensa aos Estados Unidos e entón sométese aos seus ditados (como reclama con razón Donald Trump), ou quere ser verdadeiramente autónoma militarmente e entón non pode permitir que o presidente dos Estados Unidos siga tendo a chave do destino non só militar, senón existencial, de toda Europa.
Non é certo que un maior gasto militar esixa desmantelar o Estado do Benestar
Distintos políticos, economistas, xornalistas e líderes de opinión levan dicindo nos últimos días que, para financiar o necesario rearme europeo, cómpre reducir o gasto social: «recortar o Estado do benestar para construír un Estado de guerra», segundo dicía un artigo recente do Financial Times.
Esa afirmación é, falando claro, unha mentira que desmenten a teoría económica, os feitos e a historia.
Desgraciadamente, a historia humana está ateigada de escaladas armamentísticas e guerras, hoxe en día moi ben documentadas, e, por tanto, é doado coñecer como se financiaron e cal foi o resultado das distintas vías utilizadas para iso. Como tamén se saben perfectamente as desvantaxes económicas de todo tipo que ten o gasto militar fronte ao civil.
Reducir o gasto para financiar a defensa ou a guerra, en detrimento dos impostos ou da débeda, é un despropósito económico, político e social.
Na historia contemporánea, case sempre foron financiadas cunha combinación de fontes: impostos, débeda, axuda exterior, sobreexplotación de recursos naturais, achegas do gran capital privado ou mediante comercio ilegal ou mafioso. Entre todas, sobresaen os impostos e a débeda, e por iso pode dicirse que ningún rearme nin guerra teñen bos resultados económicos (agás, claro está, para os gañadores se aproveitan a súa vitoria para saquear os vencidos e compensar os seus custos).
Pola contra, reducir o gasto para financiar a defensa ou a guerra, en detrimento dos impostos ou da débeda, é un despropósito económico, político e social.
Non convén economicamente porque a menor gasto (por suposto, incluído o social) hai menos demanda produtiva e iso debilita a economía, cuxa fortaleza é fundamental para soportar o gasto militar e o esforzo bélico, se a guerra chega a producirse. É unha rémora política porque a menor produción de bens e servizos civís merma o apoio cidadán e deslexitima aos gobernos que deben levar a cabo a escala armamentística. E reducir o gasto social é tamén un lastre social pesadísimo en momentos de ameaza ou conflitos bélicos porque crea pobreza, exclusión, descontento e rexeitamento ao sacrificio e ao patriotismo, cando se comproba que estes recaen de xeito desigual sobre a poboación.
Cando se oe falar de financiar aos exércitos convén informarse para non deixarse enganar. E quizais non haxa mellor vía para iso que coñecer o que fixo o presidente Roosevelt cando tivo que declarar o estado de guerra ante a ameaza nazi e o ataque xaponés a Pearl Harbor en 1941: introduciu un imposto xeral sobre a renda cun tipo que en 1944 foi do 91%, pediu préstamos masivos e multiplicou o gasto público por dez. En só catro anos gastou máis diñeiro (en dólares daquel momento) que desde que se fundou o seu país, 152 anos atrás.
Naturalmente, un estado de guerra que obrigou a multiplicar por corenta e dous o gasto militar produciu grandes sufrimentos á poboación. Pero, ao revés do que se propoñen facer os dirixentes europeos, repartiuos equitativamente e non só non detivo senón que seguiu a aplicar políticas de benestar: aumentou o salario mínimo e prohibiu o traballo infantil, comezaron a pagarse cheques de xubilación e aumentouse a cobertura das axudas por desemprego e pobreza, multiplicouse a construción de vivendas públicas accesibles, tomáronse medidas contra a discriminación racial no traballo, racionalizáronse alimentos e combustibles para asegurar o subministro a toda a poboación, impulsáronse as axudas para educación ou vivenda a veteranos de guerra… No canto de diminuír a forza do New Deal que puxo en marcha fronte á Gran Depresión de 1929, continuouno e reforzouno. Todo iso fixo posible que a pobreza baixase entre 15 e 20 puntos porcentuais de 1940 a 1944, xusto neses anos dramáticos de guerra e ingente gasto militar.
Non trato de facer, nin moito menos, unha defensa destes últimos como motores das economías (o PIB dos Estados Unidos duplicouse nese período e o programa de gasto masivo de Roosevelt foi a base do seu inmenso poder imperial na posguerra). Simplemente, quero sinalar que afrontar unha escalada de gasto militar como a que pretenden os dirixentes europeos, sen reforzar a equidade e dinamitar a cohesión social e o benestar é unha vía suicida que traerá a consolidación da extrema dereita e moita máis inseguridade e quizais novas guerras en Europa.
A Unión Europea está a facer o ridículo e paga os pratos rotos
O discurso dos dirixentes europeos é mentireiro, catastrofista e ameazante. Busca xerar medo na poboación, esaxerando as ameazas e mentindo, como dixen, sobre a súa verdadeira natureza, para que se acepten sen protestar as súas propostas. Xa o fixeron na crise iniciada a partir de 2007-2008. Ameazaban co colapso total das economías se non se aplicaban recortes cuantiosos no gasto social e resultou, como moitos advertimos, que foron as súas políticas de austeridade as que, en realidade, provocaron o seu derrubamento. Dicían que non había diñeiro para benestar, cando si o había e deron sen límite billóns de euros aos bancos privados e ás grandes empresas. Agora tentan facer o mesmo.
Europa non se pode deixar envolver polo discurso dos seus dirixentes. Hai razóns dabondo para demostrar que se equivocaron provocando a Rusia.
Europa non se pode deixar envolver polo discurso dos seus dirixentes. Hai razóns dabondo para demostrar que se equivocaron provocando a Rusia e logo crendo que sería posible vencela militar e economicamente mediante sancións. Unha estratexia que afundiu na miseria e na dor a Ucraína e que tivo dous vencedores: o país invasor e os Estados Unidos, en detrimento de Europa, que é quen está a pagar de verdade os pratos rotos. É normal que Trump e Putin se mofen de todos eles na súa propia cara.
Hai esperanza se se aposta pola paz
Non é certo, como din os dirixentes europeos, que a nosa alternativa sexa involucrarnos cada día máis na política de ameazas, deixarnos levar polo canto dos belicistas, aumentar o gasto militar e prepararnos para a guerra.
A Unión Europea pode ser, pola contra, un bastión de sensatez e luz nos tempos de escuridade nos que vivimos se asumise outros principios fundamentais, talvez como os seguintes:
– A tregua e o fin da guerra é o obxectivo primordial cando xa se desatou. A Unión Europea debe apoiar o camiño que leve a acadalos, veñan de onde veñan e o antes posible.
– A paz só pode basearse na ausencia de ameazas. Europa tería que asumir os seus erros pasados, entender que os acordos deben respectarse e que non se pode acosar a ningún país. A mellor contribución que a Unión Europea pode facer agora á paz é recoñecer que contribuíu a quebrala, tal e como hoxe en día é sabido a través de multitude de testemuños de líderes políticos ou diplomáticos.
– Hai que poñer enriba da mesa novos acordos de desmilitarización permanente. Europa debería liderar a aposta por subscribir os que impulsen a desmilitarización e poñan freo ao incremento salvaxe do gasto militar. Comezando pola necesaria reconsideración do papel da OTAN, que actuou como detonante e aceleradora de conflitos máis que como instrumento da paz.
– A paz á que aspiremos non pode ser a dos cemiterios nin podemos crer que será completa. A paz sempre é imperfecta e seguramente limitada, o resultado de acordos fráxiles, difíciles e case sempre sobre o arame. Por iso, o mellor que se pode facer para acadala e asegurala é soster os principios que a rexerán sobre unha base de respecto mutuo, benestar e progreso dos pobos.
A Unión Europea debe ser realista, pragmática e intelixente.
– A mellor forma de fortalecer a Unión Europea e de garantir a súa seguridade é o que ata agora non vén acontecendo: a prioridade das súas institucións debe ser proporcionar mellores niveis de vida á súa cidadanía e reforzar a democracia, liberándose da influencia dos grupos de interese e dos poderes na sombra que ditan as súas decisións de forma antidemocrática. Cómpre impulsar unha revisión dos tratados europeos que sustentan as políticas que manteñen a «Europa encadeada», como escribiu Sami Naïr no seu último libro.
– A Unión Europea debe ser realista, pragmática e intelixente. Debería decatarse do que realmente está ocorrendo no mundo: o ocaso do imperio estadounidense que substituíu ao británico. Por iso, deixarse caer cegamente nos brazos dos Estados Unidos de Biden (e antes doutros presidentes, aínda que agora no medio dunha guerra) foi un gravísimo erro histórico. Donald Trump non é un tolo, nin un pito sen cabeza, como inxenuamente se quere facer crer. Lidera, con moita máis decisión —aínda que de forma máis descarada, inhumana e ilegal, iso si—, a mesma estratexia que Biden: lograr atrasar o máis posible ese colapso creando condicións que favorezan a reindustrialización da súa economía, incentiven o regreso de milleiros de empresas actualmente deslocalizadas e permitan que o dólar siga sendo a moeda de referencia mundial. Canto máis desconcerto xere, maior sexa a incerteza e máis debilite ao resto das economías, máis facilmente poderá lograr o seu obxectivo.
Europa está a tempo e ten diante unha oportunidade única.
Por iso, a seguridade e autonomía que debe buscar a Unión Europea non é a militar, senón a económica e política. Xusto as que perderá se aposta só polo rearme.
Europa está a tempo e ten diante unha oportunidade única. Agás un milagre impensable a estas alturas, os seus actuais dirixentes non van saber aproveitala, supoñendo que tivesen vontade diso e non fosen meros empregados da industria militar e financeira, onde están os únicos beneficiarios da estratexia de rearme que están a defender.
Europa necesita outros principios e tamén outra clase dirixente. Non caerán do ceo, senón que virán de onde veu sempre o impulso que trouxo paz, democracia, liberdade e progreso ás sociedades modernas: da cidadanía, da xente común.
Si, efectivamente; dixen que virán porque teño a completa seguridade de que, antes ou despois, a razón da paz imporase sobre a brutalidade da guerra. E se logramos que iso sexa un empeño xeralizado e vibrante, tamén estou seguro de que iso acontecerá máis pronto ca tarde.
__
Artigo orixinal dispoñible en Ganas de Escribir. Página web de Juan Torres López (juantorreslopez.com). Cedido polo autor para versión en galego.





