Guerra de relatos para pechar o ano

| As claves, De sete a sete

O ano novo é intre de facer propósitos e plans, pero a finísima liña de doce uvas que o separa do final do ano anterior tamén convida a enredar a vista no pasado. É un intre de transición e, entre lusco e fusco, onde nacen as memorias. E, contrariamente á idea, decote esgrimida contra as políticas de memoria histórica, de que a memoria é un concepto de carácter individual e limitado á experiencia persoal, é doado constatar a existencia dunha memoria social, dun recordo compartido ou, máis ben, aceptado, que integre, clasifique e proxecte no futuro o peso do pasado. É, en certo modo, unha variante do famoso relato.

A pelexa por asentar ese relato socialmente aceptado sobre 2024 rexeu a avaliación que dese ano xa rematado fixeron os principais líderes políticos galegos. Nun país onde o xefe de Estado, cuxo posto é vitalicio e hereditario, se dirixe á cidadanía na Noiteboa, violentando calquera principio de aconfesionalidade, a data de fin de ano é o momento para que os poderes electos e os que aspiran a selo rendan contas públicas.

No caso galego, e logo dun ano electoral que inaugurou o ruedismo propiamente dito, era de supor que dende o PPdG, o BNG e o PSdG houbese moito que dicir. E hóuboo, por suposto, sen ningún matiz nin punto de encontro próximo. A xulgar polo que se conta dela, existen polo menos dúas Galicias, se cadra tres ou máis. O fondo da cuestión é conseguir que a Galicia real se identifique cunha delas, e semella claro que durante os últimos dezaseis anos foron os populares quen o conseguiron.

Ese ton triunfal marcou un discurso institucional de Alfonso Rueda no cal, sen embargo, o presidente da Xunta non parecía sentirse cómodo, a xulgar pola súa linguaxe corporal. A súa alocución sacou peito implicitamente da primeira transferencia competencial desde o bipartito, a de costas, falando dun autogoberno do litoral ao interior. Posteriormente, minimizou calquera fenómeno de emigración entre a mocidade galega e defendeu a necesidade de crear postos de traballo de calidade no país. Un discurso optimista pero gris, que é unha estraña capacidade comunicativa que neste país é marca do PPdG. Coma naquela canción de Joaquín Sabina, “te puedo dar todo en la vida, excepto entusiasmo”.

Dende a oposición, as mensaxes non foron tan alegres para ler a situación galega. É certo que, coa estatua de Rosalía de Castro na alameda compostelá de fondo, a portavoz nacional do BNG Ana Pontón preferiu falar en positivo e presentar a potencialidade dun país guiado por valores progresistas e feministas, aínda que deixou recados como a súa disposición a evitar que ninguén “roube” a lingua galega. Unha aseveración que responde aos datos, coñecidos en 2024, segundo o cal o galego xa non é a lingua máis usada no país. Pontón optou no seu discurso por estruturar o seu nacionalismo sobre os carrís das loitas progresistas e emancipatorias, unha receita que lle está a dar beneficios electorais ao nacionalismo e que foxe do fetichismo identitario. Altri non puido faltar no seu discurso, convivindo coas listas de espera na sanidade ou o aumento no custo da vida.

Pola súa banda, José Manuel Gómez Besteiro decidiu explotar o seu carácter campechano (ignoro se esta palabra existía antes que Xoán Carlos I e os seus apoloxetas). Rodeado de xente nova que describía “a Galicia real” e cotiá, e cociñando un capón de Vilalba, o socialista desexou un ano mellor en 2025 do que foi 2024. O problema da vivenda ou a emigración da mocidade foron dúas das ideas que presidiron un vídeo onde Besteiro amosou o seu lado máis gastronómico.

Tres estilos, tres relatos, e un país que terá que escoller, de aquí a tres anos, novamente que quere pensar de si mesmo en fin de ano.