Groenlandia: a seguridade no Ártico segundo os Estados Unidos

| As claves, Global

Antes das explosivas declaracións de Donald Trump sobre Groenlandia a comenzos deste ano 2025 -que xa foran comentadas neste dixital– e a súa reiteración no seu recente primeiro discurso no Congreso e acaído lembrar que o Senado dos Estados Unidos, en xuño do ano 2021, xa aprobara unha “Iniciativa de seguridade Ártica” que paga a pena comentar á luz desas recentes declaracións.

Fonte: Wikipedia

No citado acordo dise textualmente que “a seguridade, estabilidade e prosperidade da rexión ártica son vitais para os intereses nacionais dos Estados Unidos”, concretándose que “a defensa dos Estados Unidos e os seus aliados (verbo da República Popular Chinesa, a Federación Rusa, a República Popular Democrática de Corea, e calquera outro agresor) segue sendo a principal prioridade”. Para eso faise preciso “o mantemento ou restauración da vantaxe militar relativa dos Estados Unidos en resposta aos grandes competidores potenciais na rexión ártica”, e así garantir “a redución do risco de executar operacións e plans de continxencia do Ministerio de Defensa”.

Nese contexto, e no do quecemento global, a ruta de navegación entre o Estreito de Bering (Alaska-Rusia) dende o Pacífico ata o Estreito de Davis (Groenlandia-Canadá) no Atlántico, convértese nunha alternativa espectacular ao máis longo percorrido polo canal de Suez ou mesmo de Panamá: “diminuiría considerabelmente o traxecto marítimo entre Europa e Asia, converténdose nunha ruta alternativa ás do Canal de Panamá e o Canal de Suez: o traxecto Londres-Osaka supón 23.300 km por Panamá e 21.200 km por Suez; polo paso do Noroeste quedaría reducido a soamente 15.700 km.” (Galipedia).

O Paso do Noroeste, no Ártico. Fonte: Wikipedia

Nesta teima dos Estados Unidos sobre a seguridade e o control do tráfico marítimo global (en tempos de paz e, máis aínda,  en tempos de guerra) Groenlandia pasa a ser un complemento estratéxico (bases militares incluídas, pois en Canadá non as ten) a Alaska nesa ruta, pois, de momento a súa presencia no Ártico é minoritaria (só en Alaska). Sobre todo fronte da enorme presencia do litoral continental ártico de Rusia. E algo terá que ver, penso eu, todo isto tamén coas ameazas de Donald Trump sobre Groenlandia (a máis dos recursos naturais e minerais daqueles territorios).