Golpe de Estado xudicial

Por se aínda quedaran dúbidas, un grupo de maxistrados do Tribunal Supremo viñeron eliminalas: “o franquismo segue vivo”. Así o confirma a sentenza da citada cámara que vimos de coñecer e na que se condena sen probas -onde queda a presunción de inocencia?- ao Fiscal Xeral do Estado ao tempo que se lle dá razón a un presunto delincuente: “Que debemos condenar e condenamos a D. Alvaro Garcia Ortiz, Fiscal Xeral do Estado, como autor dun delito de revelación de datos reservados, art. 417.1 do Código Penal, á pena de multa de 12 meses cunha cota diaria de 20 euros e inhabilitación especial para o cargo de Fiscal Xeral do Estado por tempo de 2 anos, e ao pago das costas procesais correspondentes incluíndo as da acusación particular. Como responsabilidade civil declárase que o condenado deberá indemnizar a D. Alberto Gonzalez Amador a 10.000 euros por danos morais”.

Estamos diante dunha sentenza xudicial que pasará a historia e fará medrar moi perigosamente a xa importante desconfianza cidadá no funcionamento do Poder xudicial, ao tempo que tamén medrarán as sospeitas sobre que intereses realmente defende. Estamos tamén diante dun golpe moi duro á democracia española e aos seus fundamentos xa que senta un precedente moi perigoso -como sucedera coa sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Catalunya de 2006 e como sucedeu cando este mesmo tribunal intentou derrubar a Lei de Amnistía en 2024- xa que vén afirmar que, en contra do que recoñece a Constitución Española -Título III, Capítulo I-, hai poderes que escapan ao control popular e que están por riba das cámaras -Parlamento e Senado- podendo chegar a tumbar leis parlamentarias, e incluso gobernos aínda que estes sexan lexítimos. E isto ten un nome: golpe de Estado. Neste caso golpe de Estado xudicial como os que tiveron lugar en Latinoamérica, máis concretamente en Brasil -contra Lula-, Bolivia -contra Morales-, Ecuador -contra Correa- e Honduras -contra Zelaya- como así nolo asegura o ilustre maxistrado (Jose Antonio) Martin Pallín. Quen nos ía dicir que algúns maxistrados quererían converter España nun estado bananeiro?

Estamos tamén diante dun golpe moi duro á democracia española e aos seus fundamentos xa que senta un precedente moi perigoso -como sucedera coa sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Catalunya de 2006 e como sucedeu cando este mesmo tribunal intentou derrubar a Lei de Amnistía en 2024-.

Porque non nos enganemos, detrás desta insultante condena ao Fiscal Xeral do Estado, hai toda unha operación de acoso e derrube dun goberno lexítimo (PSOE/Sumar). Unha operación que se puxo en marcha inmediatamente despois de que triunfara a moción de censura presentada no seu día por Pedro Sanchez -xuño de 2018- e que agora chegou a unha das súas cimas coa sentencia contra o Fiscal Xeral do Estado. O seguinte obxectivo será tumbar xudicialmente o Presidente do Goberno xa que por vía parlamentar non o conseguen.

Unha condena que por se non fora suficientemente ignominiosa e inxusta conta con perlas como que o Fiscal Xeral do Estado deberá pagar unha indemnización -”polos danos morais”- a un presunto delincuente fiscal. Cabe maior ignominia? Máis grande burla a xustiza? Nesta liña de despropósitos non resulta menos significativo que o Tribunal Supremo adiantase o fallo para dalo a coñecer precisamente un 20 de novembro coincidindo co 50 aniversario da morte do ditador Francisco Franco. Que mensaxe queren transmitir estes maxistrados do Tribunal Supremo con esta decisión de adianta-lo fallo, incluso antes de que a sentencia sexa redactada? Compre tamén subliñar que a sorprendente rapidez con que se fai público o fallo -sete días despois da finalización do xuízo- leva a pensar que esta sentenza xa estaba redactada incluso antes de que se celebrara o xuízo.

Á espera de coñece-los argumentos que esgriman os cinco maxistrados que votaron favorablemente a sentenza condenatoria atrévome a sinalar que, se moitos pensaban que Franco “estaba morto e enterrado”, mellor vaian pensando que poden estar equivocados porque se ben é verdade que o ditador está realmente morto o seu legado, o franquismo, nin está morto nin moito menos enterrado.

Para rematar quero declarar que fronte a estas ofensivas involucionistas das cavernas a cidadanía debería mobilizarse se quere que non lle rouben unha democracia e unhas liberdades que tanto custou conseguir.