Xornalismo, unha profesión de risco

| As claves, Global

Sabemos que en todas as guerras os bandos tamén pelexan por impoñer o seu relato sobre a marcha das mesmas: xustificando a propia guerra en base a que resultan necesarias para gañala paz, esaxerando as vitorias, ocultando ou diminuíndo as derrotas, satanizando aos rivais con enganos e mentiras múltiples.

Nestas estratexias por controlar a información, por gañar a batalla do relato, as primeiras vítimas son os propios informadores que traballan sobre o terreo, en plena zona de combate -como, correspondentes de guerra- tratando de trasladar á opinión pública a verdade do que está acontecendo. Un obxectivo profesional que case sempre choca coas propias estratexias dos gobernantes que promoven e manteñen as guerras como, por caso, estamos agora vendo en Ucraína, Gaza, Cisxordania ou Irán. Guerras nas que os xornalistas pasaron a ser obxectivos bélicos como nos mostran os datos seguintes.

Segundo o CPJ (Comité para a Protección de Xornalistas), en 2025 as mortes violentas de xornalistase traballadores de prensa no mundo ascenderon a 129, dous terzos dos cales foron en Gaza e se atribúen ao exercito israelí. Esta cifra supón o segundo récord consecutivo dende 1992, que foi cando o CPJ comezou a recompilar datos.

Os métodos  que os gobernos utilizan para silenciar xornalistas que traballan nas zonas de guerra son diversos: amezas, censura, apagóns informativos, cortes de internet, ataques aéreos a emisoras, xornais e televisións así como detencións e ataques contra a súa integridade física. Os casos máis extremos son os de asasinatos e así nestas semanas de guerra en Oriente Medio o CPJ leva contabilizadas, as  mortes de sete xornalistas, todos asasinados polos exércitos sionista e estadounidense: cinco libaneses, un palestino e un iraniano. Este relato non estaría completo si non fixeramos referencia a represión que o réxime dos aiatolas están exercendo sobre os xornalistas no interior de Irán con arrestos, torturas, secuestros, confiscación de material xornalístico e cortes de subministros.

Se ampliamos o foco en relación cos riscos da profesión xornalística é necesario engadir que as mortes de profesionais non se producen só en zonas onde se dan conflitos armados senón que poden producirse como consecuencia da delincuencia organizada, e así, no 2025, contabilizáronse un total de 207 xornalistas asasinados deste xeito en todo o mundo. Hai asemade xornalistas vítimas de execucións en réximes autoritarios, como é o caso de Arabia Saudí, que chega a executar xornalistas baixo a acusación de terrorismo e traizón.

A morte non é o único risco grave que por querer exercer a súa profesión corren, hoxe en día, os xornalistas, aínda que si é o maior. Así Reporteiros sen Fronteiras (RSF), ademais de ampliar a información sobre o asasinato de periodistas subministrada polo CPJ (Comité para a Protección de Periodistas) -citando por caso a utilización de drons en paises como Ucraina e en Honduras-, confirma que aqueles tamén poden ser obxecto de violencia e represión en rexións que non están en guerra. Segundo RSF, o número de xornalistas presos no mundo ascende (2025) a 503, con China (121), Rusia (48) e Birmania (47) como os maiores cárceres de xornalistas. Outros están desaparecidos, con Siria encabezando este sinistro ranking (252).

A profesión de xornalista é, hoxe por hoxe, unha profesión de risco en moitos países do mundo, e non so por razóns bélicas, aínda que as guerras sexan un dos peores escenarios onde exercer a profesión. Volverei sobre este tema.