Gaza: un crime de guerra que pesará nas nosas memorias

| As claves, Global

A estas alturas xa non cabe outra cualificativo que un “crime de guerra” para a salvaxe actuación do exército israelí en Gaza. Un crime de guerra que en nada desmerece a moitos dos que as tropas nazis fixeron por Europa adiante. Xa que se inicialmente a xustificación da liberación dos reféns israelís en mans de Hamás podía ser un xustificante da invasión militar de Gaza, a día de hoxe as barbaridades de que somos informados, a crueldade das accións, o seu carácter indiscriminado, a natureza das súas vítimas entre as que se atopan miles de nenos/as inocentes, a política de destrución xeral que provocan (non se respectan escolas, hospitais, centros de saúde…) poñen en evidencia que o obxectivo real da acción militar é, como cando os romanos invadiron Cartago, “borrar Gaza da face da terra”.

Agora sabemos que o goberno israelí estaba informado da acción terrorista de Hamás e non fixo nada por impedila. Incluso hai dúbidas de se non foi estimulada, que non realizada, polos servizos segredos. A razón sería moi simple: serviría de xustificante para a barbarie que estaba programada.

Tamén sabemos que esta acción militar, que conta co apoio do goberno estadounidense e a doutros gobernos occidentais maiormente europeos, forma parte dunha estratexia máis ampla que ten como obxectivo central o control de Oriente Medio, dos seus inmensos recursos naturais. Unha estratexia que tivo os seus comezos coas invasións de Afganistán e Iraq, e que agora ten no punto de mira inmediato o Líbano, xustificándoo co obxectivo de combater a guerrilla de Hezbolá. E moi seguramente no medio prazo ampliarán as operacións ata Irán, cuxas reservas de petróleo e gas son inmensas: segundo datos do sector, este país conta coa segunda maior reserva mundial de gas natural e a cuarta de petróleo.

Oriente Medio xunto co Norte de África contan coas reservas comprobadas de cru máis importantes do mundo e o 35% da produción mundial: velaí a importancia estratéxica da mesma e non poucas das razóns da política dos Estados Unidos e os seus aliados na zona, ás que non é allea a nova configuración do escenario internacional froito da guerra en Ucraína. Un escenario con dous polos: Estados Unidos e os seus aliados por un lado China e os seus aliados entre os que Rusia ocupa un papel cada vez máis relevante, polo outro. Un escenario que, dadas as reservas de petróleo e gas de Rusia, afecta directamente ao mercado internacional e os intereses enerxéticos das potencias occidentais.

Volvendo a Gaza, é necesario tomar en consideración á hora de entender o bestial comportamento do exercito israelí a situación xurídica de Netanyahu. Un dirixente que segundo medios israelís estase agarrando á guerra en Gaza para así conseguir dilatar ata o ano 2025 a súa declaración nos tres xuízos por corrupción que ten pendentes. Xuízos que neste momento están parados por orde do Ministerio de Xustiza, decisión que este xustifica en base aos ataques de Hamás.

Á hora de falar de responsabilidades, a opinión pública occidental non pode negar a súa propia. A aparente indiferenza con que un sector nada desprezable está asistindo ao xenocidio dos gazatís non poderá impedir que, mais cedo que tarde, este crime de guerra pese nas nosas conciencias. As conciencias dunha opinión pública occidental que ao tempo que aplaude, e con razón, que se declare criminal de guerra a Vladimir Putin, non pide o mesmo para Benjamin Netanyahu.