Na actualidade, os bancos, as compañías de seguros e os fondos de investimento teñen fortes intereses nos mercados de armamento, o que acentúa o brazo especulativo dos mesmos. Esta ligazón fai que “as guerras se teñan convertido en grandes negocios ligados máis á especulación que ao comercio de armas tradicional” (Juan Hernández Viqueras, El casino que nos gobierna). Velaí que os mercados financeiros globais e a especulación non sexan alleos á carreira armamentística mundial (J.H.V.). Paralelamente a esta especie de simbiose entre a industria armamentística e os mercados financeiros, tense avanzando enormemente na relación entre quen xestiona as guerras e as empresas armamentísticas, entre gobernantes e contratistas.
Esta tripla relación industria armamentística-gobernos-mercados financeiros derivou en que a primeira rematara tendo un índice bolsista propio que mide as variacións nas cotizacións das accións de empresas armamentísticas. Variacións que se moven en función das vendas, das perspectivas empresariais e da visión que os accionistas teñen das mesmas.
Neste marco, enténdese que as variacións do gasto en defensa inflúan sobre o índice bolsista, e así todo aumento daquel é seguido por unha alza no índice, e o contrario se hai recortes. O mesmo sucede se hai un conflito militar, unha guerra, cando os mercados financeiros mostran máis interese pola industria armamentística arrastrando á alza os valores bolsistas relacionados coa mesma: sucede así con todas as guerras, que rematan sendo unha fonte de negocio financeiro que se reflicte nas cotizacións das empresas armamentísticas. A ecuación é moi simple: novas guerras – maior produción e venda de armamento – maior rendibilidade dos investimentos – alza nos índices bolsistas respectivos – maiores gañancias para os accionistas.
Esta dinámica conduce a que os grupos bancarios e financeiros, as compañías de seguros, os fondos de investimento e outros axentes orienten cada vez máis os seus investimentos cara a industria militar, que pode chegar a converterse, como sucede nos Estados Unidos e tamén en Israel, nun dos sectores máis importantes da economía. Un sector no que os axentes financeiros de carácter especulativo (fondos de investimento, fondos de pensións…) pasan a converterse nos accionistas principais e, xa que logo, nos grandes estrategos dunha industria militar cada vez máis poderosa, con maior poder político.
A industria armamentística israelí ocupa o décimo posto no comercio internacional con tres corporacións que están entre as cen máis importantes do mundo: Elbit Systems, Israel Aereospace Industries e Rafael Advanced Defense Systems. Entre os produtos que fabrican destacan os mísiles Li22 que están sendo utilizados contra Gaza colaborando coa súa eficacia ao xenocidio da poboación palestina. Son armas cuxa utilidade é “testada en combate”, tal e como aseguran os directivos destas corporacións, e que utilizan como reclamo nas feiras internacionais.
Israel, que xa tiña un gasto en defensa moi elevado (25.181 millóns de dólares, 5,32% do PIB), non cesou de incrementalo dende que comezou o xenocidio en Gaza (46.500 millóns de dólares en 2024: 8,6% PIB). Un gasto público que se financia maiormente con bonos soberanos entre cuxos compradores están bancos estadounidenses, alemáns, franceses, italianos e británicos, xunto aos seus respectivos axentes financeiros. Paralelamente, as noticias que nos chegan confirman que o xenocidio de gazatíes está movendo á alza os mercados bolsistas que reflicten os fortes incrementos na rendibilidade das empresas armamentísticas que alimentan ao exército israelí. Alzas nas cotizacións de compañías estadounidenses (Lockheed Martin, Raytheon Technologies, Northrop Grumman, General Dynamics), francesas (Dassault Aviation, Thales), italianas (Leonard), británicas (BAE Systems) e alemás (MTU Aero Engines, Rheinmetall) que, de media, se moven entre o 6 e o 9% anual.
Israel dispara o gasto militar, increméntanse as ganancias das principais industrias armamentísticas de occidente que alimentan o exercito israelí, danse fortes alzas nas cotizacións bursatis para felicidade dos axentes financeiros… e ao tempo, un número crecente (perdas masivas segundo UNICEF) de nenos/as, son asasinados ou mutilados en Gaza. Consonte medra o número destes, medran as ganancias daqueles/as: velaí o sinistro negocio das guerras.





