Galiza desnortada: AVE centrípeto e sen cercanías

| As claves

Dende o ano 2017, que recollía este mapa de España, na Galiza seguimos a ser a excepción pois non temos unha rede de ferrocarril de cercanías. Pouco importa que exista a área urbana de Vigo-Pontevedra ou da Coruña-Ferrol.

Fuente: Airef 2020: 159

Fuente: Airef 2020: 159

Pouco importa que segundo un informe da Airef do ano 2020 (páxina 157) se diga que “combinado adecuadamente con el resto de los modos de transporte, el ferrocarril de cercanías permite rápidos desplazamientos de gran cantidad de población desde los diferentes núcleos de las áreas metropolitanas a sus nodos urbanos, generalmente a través de líneas radiales en distancias casi siempre inferiores a los 60 km”. Porque na Galiza semella que todo se nos vai en ter un AVE de novos ricos centrípeto (cara a Madrid por fóra, e cara a Compostela por dentro).

E convén tomar nota neste punto que no conxunto de España cos últimos datos dispoñibles do terceiro trimestre de 2025 fronte a 17 millóns de pasaxeiros en Alta Velocidade a rede de cercanías moveu 98 millóns (datos CNMC). Cinco veces máis. Na Galiza cero: país desnortado.

E tampouco é que a nosa aposta pola Alta Velocidade poida considerarse un éxito. Pois imos á cola no número de viaxeiros entre os distintos corredores existentes. Sen esquecer que mesmo para os corredores de maior éxito o informe da Airef que citaba ao comezo era contundente: “El análisis coste beneficio de los corredores de alta velocidad concluye que los beneficios directos conjuntos en términos de ahorro de tiempo, disposición a pagar, tráfico generado, externalidades y costes evitados en los modos de los que se desvía tráfico, están lejos de compensar los costes fijos de construcción y los costes de operación.” (Airef 2020: 148).

Do que se deduce que ningún km de AVE debeu construírse en España. E daquela deberamos destinar eses fondos ás melloras da rede convencional (moi abandonada) e a creación dunha rede de cercanías inexistente na Galiza. Desnortados.

Onde non andan desnortados é na veciña Portugal: non teñen AVE en Porto, pero si rede de cercanías (Braga, Guimarães, Aveiro e Marco de Canaveses) e metro urbano electrificado de última xeración.