O comercio global de gas natural está a modificarse radicalmente. Primeiro tras da guerra en Ucraína, e logo pola guerra arancelaria iniciada por Donald Trump. A primeira supuxo graves problemas para que Rusia seguise a exportar a Occidente, en favor do outro maior exportador global que é Estados Unidos. E a segunda está a provocar que China, que é o maior importador global, teña que deixar de comprar nos Estados Unidos gas natural para ter que facelo a Rusia con maior intensidade aínda (ENERDATA, 2023).
O resultado combinado empurra para que Estados Unidos coloque o seu gas natural nas economías europeas importadoras (Alemaña, Italia, Francia ou España) e no Xapón. Algo moi favorecido pola actual depreciación do dólar, que o fai máis barato, e pola caída do seu prezo ao retirarse do mercado “libre” o maior importador global (China) por causa duns aranceis de resposta disuasorios.
EVOLUCIÓN DO PREZO DO GAS NATURAL

Fonte: Google [ampliar gráfica]
Nesta encrucillada os Estados Unidos teñen no gas natural, como primeiro exportador mundial, un argumento negociador de moito peso para que os países occidentais máis ricos non lle repliquen aos seus aranceis do mesmo xeito que China, se fagan “bos” como quere Trump, e pensen dúas veces tomar medidas fiscais ou antimonopólicas coas súas GAFAM.
Por suposto á administración Trump pouco lle importa activar ao máximo a súa extracción de hidrocarburos para exportar se con iso ten un as negociador na manga, por moito que na UE se digan preocupados pola descarbonización e o colapso climático.
Por caso, en Galicia. Lembraba aquí hai poucos días que nos hidrocarburos importados dos Estados Unidos temos a partida que provoca que teñan con nós un saldo favorable (o quen exportamos é menos do que importamos) e nos desfavorable. Dependemos dos Estados Unidos máis que de ningún outro país para este asunto.

Fonte: elaboración propia con datos do Ministerio de Economía [ampliar gráfica]
Para o caso do gas natural para calefacción a alternativa tería que pasar por fontes renovables (electricidade hidráulica ou biomasa) que temos en abundancia, e para os combustibles líquidos para o transporte a alternativa pasa polo transporte colectivo electrificado e non por estrada. Pero como somos un “País desnortado” (sinto ter que repetirme) seguiremos tendo un regasificadora en Mugardos que nunca se debeu instalar en Galicia. E menos aínda en Mugardos.
Pero somos, xa se sabe, de mallar na mesma pedra: Lourizán, Alcoa, Altri, ….





