Cos últimos datos presentados polo Instituto Galego de Estatística na súa web (consultada o día 3 de maio de 2024), e que aquí pasamos a comentar brevemente, a evolución do crecemento do emprego en Galicia respecto do que sucede no conxunto de España está a ser sen dúbida preocupante.
Así, polo que se refire á evolución dos ocupados, os datos do primeiro trimestre deste ano amosan un crecemento en Galicia do 2,2 % fronte a un 3,0 % en España. Un dato trimestral peor en Galicia (oito décimas menos) que se debe engadir a datos anuais sempre peores entre 2021-2023.
Con un crecemento menor do emprego en Galicia, entre o comenzo do ano 2021 e o comenzo deste ano 2024, que no conxunto de España, non debe estrañar que falemos dunha Galicia minguante, pois pasamos de ter o 5,5 % do emprego español a ter o 5,3 % (INE-EPA).
E se reparamos na evolución dos cotizantes á Seguridade Social os datos non son mellores, pois no mes de marzo do ano 2024, fronte ao 2,6 % español, en Galicia só medraban ao 1,8 % (seis décimas menos). Tamén neste caso os crecementos anuais entre 2021-2023 sempre estiveron en Galicia por baixo do conxunto español.Daquela tamén somos un país minguante na porcentaxe de cotizantes á Seguridade Social do conxunto de España, entre marzo de 2021 e marzo de 2024, pois si eramos o 5,3 % en 2021 agora xa só somos o 5,1 %.