Supoñamos que Galicia produce un PIB de 100 unidades con 80 traballadores e 20 parados (100 residentes en total), daquela o PIB por habitante (PIBpc) será de 1 unidade, pero se dez deses vinte parados emigrasen, daquela o PIBpc será de de 1,11 unidades. Mellora: así de simple. E se o PIBpc medio de España fose de 1,2 unidades, Galicia tería pasado de estar nun 83 % (1/1,20) a estar nun 92% (1,11/1,20).
Quere isto dicir que un país pode achegarse á media da riqueza por habitante doutro simplemente porque a súa poboación diminúa, emigre. E pode que emigre porque as probabilidades de atopar un emprego sexan a cada paso menores, mesmo menores que as daquel outro país cara ao que se emigra.
Por que nós perdemos poboación e España non? Pois a razón ten moito que ver coa evolución dos traballadores ocupados (cotizantes á Seguridade Social) que vemos que en Galicia cae mentres no conxunto de España aumenta moito.
Agora poñamos datos reais dos dous países: Galicia e o conxunto do reino de España. E comprobaremos como Galicia se acerca a boa velocidade á media do PIBpc español (converxencia)… pero perdendo poboación por perder oportunidades de emprego e, mesmo, sen gañar peso na riqueza xerada (PIB). Minguantes. Comprobámolo con datos dende un ano previo á crise do 2008 e o último dato dispoñible de 2023 nun recadro de datos.

Fonte: elaboración propia con datos do INE e IGE [ampliar cadro]
Por que nós perdemos poboación e España non? Pois a razón ten moito que ver coa evolución dos traballadores ocupados (cotizantes á Seguridade Social) que vemos que en Galicia cae mentres no conxunto de España aumenta moito. Por iso pasamos de ter de 5,6% de cotizantes a apenas 5,1%. As probabilidades de emprego para os parados son radicalmente distintas e, xa que logo, teremos emigración de xente moza galega cara ao resto de España e cara a fóra de España.
O “modelo español” de crecemento xera moito emprego e tira da poboación, o “modelo galego” non xera emprego e expulsa poboación (parados que abandonan o país).
A xornada media habitual, que no ano 2000 era aínda de 41 horas en Galicia, pasou a 39 horas no ano 2020 (Eurostat), unha redución que non só é moi cativa para vinte anos senón que se debe ao maior peso do emprego a tempo parcial.
O “modelo galego” permítenos acercarnos así á media española en riqueza por habitante (PIBpc) e en riqueza por ocupado cotizante (produtividade). Pero o “modelo español” crea máis emprego, por vez de emigración favorece máis a inmigración, e incrementa a poboación. De resultas o “modelo galego” de crecemento lévanos a a ser un país minguante (en emprego, en poboación) aínda que converxente nominalmente (en PIBpc, en produtividade). Eu teño claro que modelo é preferible para o benestar social.
***
Xa que a mellora da “produtividade” vemos que non nos levou a mellorar o emprego, nin a medrar a poboación, nin a evitar a emigración, ¿en que se traduciu esa mellora da produtividade? Hai algún tempo publicaba no Nós diario unha gráfica rotunda sobre a nosa produtividade. Era esta que adxunto de novo aquí.

Fonte: elaboración propia con datos do datos do IGE (2000=100) [ampliar cadro]
Da análise que realizaba daquela para o caso galego concluía que a xornada media habitual, que no ano 2000 era aínda de 41 horas en Galicia, pasou a 39 horas no ano 2020 (Eurostat), unha redución que non só é moi cativa para vinte anos senón que se debe ao maior peso do emprego a tempo parcial, mentres o emprego a tempo completo segue a facer as mesmas horas. O que provoca un milagre non menos problemático: pois traballándose menos horas totais no país os ocupados mesmo poden medrar un chisco se o fan a tempo parcial. A produtividade crecente non se transforma en desenvolvemento social, pois ben pola contra, trataríase de ter un traballo decente a tempo completo con xornadas cada vez máis reducidas (xa que o país produce máis riqueza con menos traballo), e non cada vez máis traballo non decente a tempo parcial.
Claro que aquela maior produción de riqueza con cada vez menos horas de traballo necesarias tamén podería un imaxinar que abrise oportunidades para traballar menos anos ao longo da vida. Que no só a xornada laboral minguase, senón que tamén o fixese a idade de xubilación. De novo a realidade nada ten que ver con esa posibilidade. Todo o contrario. Os datos (Eurostat) para o conxunto do Reino de España informan que de ter traballado 30 anos antes da xubilación en 2000 pasamos a traballar case 36 anos en 2021.
A produtividade crecente non se transforma en desenvolvemento social, pois ben pola contra, trataríase de ter un traballo decente a tempo completo con xornadas cada vez máis reducida […], e non cada vez máis traballo non decente a tempo parcial.
Vemos que, de novo, a produtividade crecente do traballo en Galicia non se traduce en maiores oportunidades de emprego (o que favorece unha emigración crónica que nos facilita o “éxito” da converxencia en PIBpc) porque os ocupados non traballan nin menos horas a semana nin menos anos durante a súa vida. No que se traduce é en maiores beneficios para unha parte moi minoritaria da poboación.
***
Visto o que precede, que problemas e confusións pode haber no uso e abuso do concepto de produtividade? Recentemente titulaba unha análise así: “Los consejeros de la productividad”. Lembraba que é, como pouco, un concepto borroso pois sempre se refire a un cociente ou división entre o valor do que se produce e os recursos empregados, de xeito que no denominador un problema difícil é a agregación de horas de traballo de cualificacións moi diferentes, mentres que no numerador un non pequeno problema vai ser a valoración relativa dos servizos (dominante hoxe) con respecto ás actividades de produción material.
Malia eso é moi usado polos supostos expertos económicos. Dúas cousas que xa tiñan claras hai case 50 anos Sweezy, P. e Magdoff, H. (“The Uses and Abuses of Mesauring Productivity”, revista Monthly Review, vol. 32 nº 2, 1980), cando escribían referíndose á produtividade: «o que en realidade non é máis que un fetiche burdo converteuse nunha das armas máis poderosas na loita do capital contra os traballadores».
Nós acabamos de comprobalo aquí -para o caso de Galicia e España- pois a mellora deste indicador por unha banda en nada favoreceu melloras substantivas para os traballadores (menor xornada laboral, menos anos de vida laboral), e si se comproba que favoreceu a converxencia co PIBpc medio español para Galicia foi pola vía torta de ter provocado unhas menores probabilidades de emprego, emigración e parálise demográfica.








