Por que non medra a poboación de Galicia?

A resposta a este interrogante para moitos semella de caixón: porque temos un grave problema de natalidade. E, daquela, unha morea de “analistos” e xestores ocúpanse do deseño de políticas nativistas para facilitar a decisión de ter fillos. Sosterei brevemente nesta análise que estamos diante dun absoluto desenfoque da cuestión. Desnortados. 

Un erro de diagnóstico ao que se suma un erro de terapia e, o que é peor, un consciente encubrimento da verdadeira causa de fondo. Cunha vantaxe: así todos vivimos máis felices e imos como sonámbulos do Xacobeo, ao bum turístico, das festas gastronómicas á Cidade da Cultura, e do AVE ás luces de Nadal. 

Nos últimos vinte anos (2005-2025) Galicia está entre as únicas catro Comunidades Autónomas que perden poboación dentro do Reino de España (xunto con Estremadura, Castela e León e Asturias). Mentres isto sucedía o conxunto español aumentou un 13% a poboación; e mesmo superaron o 20% de aumento en Baleares, Canarias e Madrid. 

Galicia dobra a media española na destrución do emprego dos mozos, á vez que anota cinco  veces menos creación de emprego total. 

Que teñen en común estes mellores e peores datos, relativos ao medre da poboación dentro de España? Para aclaralo presento nun recadro o dato da evolución porcentual da poboación en cada caso acompañado doutro dato co que non se adoita cruzar (e do que non se fala case por ningures). 

Fonte: elaboración propia con datos do INE [ampliar cadro]

O dato que considero chave nesta breve análise é a variación da poboación ocupada máis nova (entre 16 e 34 anos). Vemos que no conxunto de España caeu nun case 29% (o que veño chamando1 dende o ano 2017 o drama dunha xeración arrasada), pero en Galicia chegamos a caer nada menos que un 43% mentres en Baleares foi apenas nun 8%. Cinco veces menos … e xustamente non por casualidade estamos diante das dúas Comunidades nos extremos da evolución demográfica: máxima en Baleares (medra un 32%) e mínima en Galicia (non chega a medrar nada nos vinte anos).  

Debe terse en conta que a caída media da ocupación nos mozos (entre 16 e 34 anos) neses vinte anos nun 29% enmárcase no contexto dun crecemento da ocupación total do 14%, mentres que en Galicia a caída do 43% nos máis mozos se asocia a un medre de menos do 3% da ocupación total. Co que Galicia dobra a media española na destrución do emprego dos mozos, á vez que anota cinco  veces menos creación de emprego total. 

Ben é certo que non son porcentaxes que poidan interpretarse máis que cualitativamente, como termómetros moi sensibles, porque se calculan sobre cifras absolutas moi diferentes pero que si teñen unha forte interdependencia ao menos por tres vías.  

A primeira porque as menores probabilidades de emprego dos máis mozos provocarán unha saída migratoria directa que resta da poboación total. A segunda porque estes mozos xa non terán a súa descendencia dentro do país (descendencia que non se sumará a poboación). E a terceira porque os mozos e mozas que sigan ocupados -que son xa só 240.000 en Galicia no 2025- non van a estar moi motivados a traer ao mundo fillos nun país con escasas probabilidades de emprego para os máis novos. E ollo porque, en relación a estas tres derivadas, Galicia foi a Comunidade cunha maior caída do emprego xuvenil nos últimos vinte anos (como pode o lector volver a comprobar na táboa de datos).

Nas antípodas Catalunya e Madrid concordan con semellantes crecementos demográficos (ao redor do 20%) tendo -ao mesmo tempo- semellantes caídas (a metade que en Galicia) da poboación ocupada máis moza. 

Certo é que hai tres Comunidades cun peor comportamento demográfico global, tendo tamén moi fortes caídas do emprego dos máis mozos (entre o 35 e o 40%) aínda que algo menores que a de Galicia. Pero esta diferencia  non pode facernos deixar de asociar unha cousa a outra. É un matiz que pode apoñerse ao desigual grado de envellecemento da poboación.  

Nas antípodas Catalunya e Madrid concordan con semellantes crecementos demográficos (ao redor do 20%) tendo -ao mesmo tempo- semellantes caídas (a metade que en Galicia) da poboación ocupada máis moza. Pero rexistran crecementos do emprego total moi superiores aos nosos: entre o 15 e o 20% fronte ao noso 3% nesas dúas décadas. 

A miña conclusión global non pode ser outra que soster que se un quere darlle a volta á caída demográfica de Galicia ten que darlle a volta ao moi grave afundimento das probabilidades de emprego dos máis mozos. Evitando a emigración dos que nacen aquí que, de rebote, xa non terán fillos no país. Ao mesmo tempo que debemos facer medrar a ocupación total de Galicia na liña da media do reino de España (e non cinco veces menos). Solucionado isto podemos pasar a falar como recibir inmigrantes, pero sen que unha cousa agoche a outra. 

______________________

Deixo aquí esta reflexión dunha emigrada de Galicia (vai xa para vinte anos): “A emigración, sobre todo a da mocidade formada, continúa a ser unha realidade incómoda e silenciada, e que non alcanza o romanticismo necesario para inspirar a autores literarios. É unha ferida aberta que poucas veces se recoñece polo que realmente é: un fracaso estrutural do país”.