Galicia 2000-2023: economía foguete?

O primeiro capítulo do Informe Ardán deste ano 2025 destaca un resultado espectacular: “Galicia es la Comunidad Autónoma que ha avanzado más puestos y ha experimentado un crecimiento mayor de su PIB per cápita relativo en el período de análisis… ha pasado de la decimoquinta posición a la novena”.  Imos como un bólido, nunha economía foguete. Bombas de palenque!

Un podería imaxinar que Galicia, entre 2000 e 2023, foi gañando peso no PIB do conxunto de España e mesmo tamén na súa poboación, por deixar de emigrar a nosa poboación máis moza. Pero as cousas non foron así, máis ben todo o contrario. Un moi preocupante síntoma de que este resultado espectacular non é o que semella témolo ao comprobar que non hai nin rastro nesta análise de Ardán da “emigración” crónica dos galegos. Das mozas e mozos galegos que, a pesar dese “éxito” -de gañar seis posicións- seguen véndose forzados a buscar fóra de Galicia as oportunidades de emprego que non atopan aquí.

Abonda con lembrar que entre o ano 2006 e o 2024 (datos da EPA do INE) a poboación activa galega autóctona pasou (en índices) de 100 a 95, mentres que no conxunto de España fíxoo de 100 a 108. Son trece puntos de diferencia que supoñen cen mil galegos que teríamos que ter como poboación activa a maiores, e non temos. Por iso sosteño que somos un país minguante.

Se facemos esta comparativa (a evolución dos activos non inmigrantes) coas seis Comunidades Autónomas adiantadas polo “éxito-foguete” no PIBpc de Galicia entre 2000-2023 (que son Canarias, Castela-A Mancha, Murcia, Comunidade Valenciana, Asturias e Cantabria), o resultado é que só no caso de Asturias a situación é moi semellante á nosa, o que quere dicir que no resto dos casos o “éxito” galego en PIBpc ten na trastenda unha dinámica perversa de emigración e caída da natalidade que conforman un fracaso social. O que veño chamando unha “Galicia minguante”.

Fonte: elaboración propia con datos do INE [ampliar cadro]

A poboación autóctona emigra -e perdemos peso na poboación- e non gañamos peso no PIB, aínda que, iso si, mellora o PIB por habitante ou a enigmática “produtividade”. Facemos o mesmo PIB con menos xente (ou máis coa mesma), pero non melloramos así as oportunidades de emprego. E non só para os nacidos aquí que emigran. Tamén para atraer aos que veñen de fóra, como recollo na seguinte táboa coa porcentaxe dos inmigrantes (os nacidos fóra de España) na poboación ocupada en 2024 nas mesmas Comunidades Autónomas ás que adiantamos en PIBpc.

Fonte: elaboración propia con datos do INE [ampliar cadro]

De novo estamos nas mesmas. O noso éxito en PIBpc non é resultado dunha mellora da “produtividade” que dependa de factores alambicados tal como se anota no capítulo do Ardán que estou citando: “el crecimiento económico registrado se ha producido gracias, sobre todo, al tejido empresarial autóctono, fundamentalmente de capital y base familiar; y a las estrategias de apertura al exterior, tanto a través de exportaciones como de la localización de parte de la actividad en el extranjero”.

Pois abondaría con tomar nota de que esas Comunidades que adiantamos en PIB por habitante ao incorporar moita máis poboación ocupada inmigrante (ademais de máis autóctonos que non emigran dos que xa falamos) están facendo caer a produtividade global da súa economía, dadas as características das actividades nas que se ocupan (en servizos persoais e hostalería sobre todo). E non hai máis. Pero, iso si, ao facelo aumentan a súa poboación total, o que xoga en contra do crecemento do seu PIB por habitante.

De resultas, a “economía foguete” de Galicia tiña en 2000 o 6,5% dos ocupados de España, mentres no ano 2025 temos o 5,3% de ocupados. Se mantivésemos a porcentaxe deberiamos ter 1.424.000 ocupados en vez de 1.150.000, é dicir, 260.000 ocupados máis. E moitos menos emigrantes.

Galicia adiantou a Valencia en PIB por habitante, certo, pero Valencia tiña en 2000 o 10,8% do emprego de España e en 2025 mantiña ese peso. A evolución dos números absolutos das oportunidades de emprego son máis que reveladores.

Fonte: elaboración propia con datos do INE [ampliar gráfico]

Conclusión: Galicia apanda coa economía dun país minguante porque nin retén boa parte da súa poboación activa (que emigra), nin é quen de incorporar moitos ocupados estranxeiros. Que son xusto as dúas razóns que explican que poida así adiantar a outras Comunidades Autónomas españolas en PIB por habitante.

 

 

 

P.D. Nas páxinas 130-131 do meu ensaio “Galicia. Un país desnortado e minguante (Universidade de Vigo, 20024) xa facía unha crítica sobre o espellismo do PIB por habitante ao avaliar o noso desenvolvemento social; máis recentemente facíao neste artigo en Tempos Dixital, e antes neste outro.

2ª P.D. No mes de xaneiro deste ano xa saíra ao paso destas fanatasías no xornal Nós; aquí en aberto: https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/galicia-2009-2023-lider-espana/20250107102025214070.html