O pasado 23 de febreiro o IGE facía pública a súa estimación de crecemento económico para Galicia en 2023. Un dato que foi agochado nas páxinas de economía dalgunhas das nosas principais cabeceiras de desinformación.
Recollo os datos oficiais para Galicia e o Reino de España neste recadro con vistas a facer un moi breve balance do quinquenio 2019-2023, e poder así dar resposta a si no último quinquenio deixamos ou non de vivir nunha Galicia minguante no que se refire ao PIB no conxunto español.
Fonte: IGE [Ampliar gráfico]
Certamente, á vista dos datos, os dous últimos anos non son para tirar foguetes, pero dado que a depresión do Covid foi menos intensa en Galicia (ao cabo dependemos menos do turismo exterior), podería un imaxinar que o balance global do quinquenio nos favorecese de xeito claro.
Pero non foi así. Si tomamos un índice cen co PIB de 2018 chegamos en 2023 a un nivel moi semellante en Galicia e España (104,5 e 105,0). Do que se deduce que estamos diante dun quinquenio perdido para recuperar peso económico no conxunto de España. Algo que era moi necesario, pois de acordo cos datos do INE (Contabilidade Rexional) o peso económico de Galicia viña minguando nos dez anos anteriores (dende o ano 2008 ao 2018).
Ben seguro que aínda así o noso PIB por habitante está hoxe máis cerca da media española que hai cinco anos. Pero non será por ter aumentado máis o PIB, senón por ter aumentado moito menos a poboación. Son os efectos ópticos de seguir a vivir nun país minguante. Iso que algúns traducen como “a Galicia que funciona”.