Cos datos de hai case trinta anos publicaba en unha Economía de Galicia [1] da que resumo aquí algunhas conclusións. Constataba que na segunda metade do século XX Galicia se tiña incorporado ao grupo dos países do mundo de maior desenvolvemento económico e social. Cun protagonismo decisivo dos espazos metropolitanos litorais dende Vigo a Ferrol, cunha poboación moza a cada paso mellor formada. Engadía que ese era un bo punto de partida “para acometer o século XXI se sabemos readaptar colectivamente marcos institucionais trasnoitados nun país que ten xa moi pouco que ver coa Galicia dos anos 50”. Aquel agora pouco tiña que ver co antes.
E sinalaba algún destes marcos: as estruturas administrativas decimonónicas (provincias, deputacións, concellos), a perigosa concepción de fisterra e non de porta atlántica ben artellada, a non menos perigosa dependencia do sector da automoción, a dependencia dalgúns logros económicos (como a produción por habitante ou a taxa de paro) de ter unha poboación en retroceso por causa dunha emigración cronificada dos máis mozos, e doutros (como a cobertura sanitaria, educativa ou de pensións) que dependían dun fráxil marco solidario interterritorial no reino de España subordinado a lóxica do capitalismo financeiro. Sen esquecer as carencias de infraestruturas axeitadas a rede urbana interna e a posición atlántica, por estar subordinadas a lóxica centrípeta da España das Autonomías.
*
Ese era o meu marco interpretativo hai trinta anos: a Galicia capitalista do ano 1999 ben pouco tiña que ver coa dos anos 1960 pero que, de non mudar neses e noutros asuntos que veño de abreviar, podíamos ir camiño de ser un país desnortado e minguante dentro de España.
É mágoa dicilo, pero xusto ía ser esa a conclusión dun novo libro [2] sobre estes asuntos publicado -vinte e cinco anos despois- no ano 2024. Porque en case todo o que queda anotado o traballo que debera terse feito seguía pendente e mesmo noutros casos (enerxías e finanzas sobre todo) camiñamos cara atrás, sendo Fenosa, as Caixas e o Pastor tres fitos dese fracaso. Este texto está agora en acceso aberto para quen queira comprobalo polo miúdo (en menos de duascentas páxinas). Para así entender que andamos teimosamente desnortados e comprobar como somos -coma porcentaxe de España- minguantes en poboación (sobre todo na máis moza), en emprego e -mesmo- en PIB. Pero, outra volta, é ben certo: agora (2024) non é antes (1999), do mesmo xeito que aquel agora de 1999 non era para nada o antes de 1960.
*
Este longo preámbulo fáiseme preciso porque mo merece a lectura do último libro de Antón Baamonde (Agora non é antes, Galaxia, 2026). Resultado do esforzo dun dos escasos intelectuais galegos independentes que se interpelan por un marco interpretativo, valorativo e prospectivo que nos permita avanzar máis aló do que eu percibo como a triunfal “Gaiáslandia” provinciana das élites hexemónicas (que, dito queda, nos manteñen desnortados e minguantes).
Concordo, como veño de resumir, con Antón con que a Galicia de agora non é a Galicia de antes, por máis que sigamos subordinados a mesma lóxica do capitalismo financeiro (IBEX35) do reino de España. Que neses corenta anos subordinou as Autonomías e ao Estado centrípeto, bloqueando unha opción federal e unha sociedade decente dentro de España. Este bloqueo para Galicia supuxo pasar de estar no 82 % ao 84 % do PIBpc medio da Unión Europea nos 20 anos que van de 2004 ao 2024 (Eurostat). Non é ningunha historia de éxito, pois chegar a ese ritmo á media europea levaríanos máis de cen anos.
Para saír destas contradicións de agora (territoriais, sociais, ambientais, recursos naturais, fiscais, finanzas, etc.) en Galicia, no reino de España ou na UE sorprende comprobar que Antón confíe no seu ensaio (páxina 67) nunha folla de ruta… de antes: nun liberalismo e pacto social (citando o Quebec do ano 1960) que no mundo occidental xa saltou polos aires nos anos 80 como el ben comproba (páxina 150, a “belle époque” de Fukuyama). Que, coa complicidade dunha socialdemocracia, tamén abducida polo neoliberalismo globalista, abriu camiño ao capitalismo salvaxe e imperial destes comezos do século XXI.
Porque se xa hai que coller con pinzas o liberalismo mediático en Galicia, o liberalismo económico e social que eu coñezo da nosa clase empresarial vai de clientelismo puro e duro para zugar do público.
Un improbable retorno ao mundo de antes, para evitar a desfeita de agora. Para “domar” ou civilizar o capitalismo (páxina 68). Algo para o que, modestamente, entre as páxinas 164-169 do meu libro “Galicia. Un país desnortado e minguante” (2024) (agora en aberto) propoñía alternativamente unha folla de ruta á altura deste momento do século XXI (cara ao ano 2050) que superase aquel liberalismo e pacto social abandonado en masa polas nosas clases dominantes [3].
*
Chegados a este punto boto de menos unha reflexión de fondo no seu libro sobre o que supuxo nos últimos anos a mutación do sistema enerxético (Fenosa ou os eólicos) e financeiro galego (as Caixas, o Pastor), tan distinto en Galicia do que ten sucedido, e non por casualidade, en Euskadi ou Catalunya nestes sectores. Porque, como el di -referido a outros asuntos- “non foi unha experiencia agradable” (páxina 64). Non só por razóns de defensa nacional e territorial senón para pulsar a saúde dun bloque capitalista civilizado ou liberal (como se puxo de manifesto contra dun goberno bipartito na Xunta por eses mesmos sectores) tripulado dende Galicia.
Porque se xa hai que coller con pinzas o liberalismo mediático en Galicia (e diso sabemos algo por experiencia), o liberalismo económico e social que eu coñezo da nosa clase empresarial (salvo excepcións) vai de clientelismo puro e duro para zugar do público, máis subordinación da sociedade (e dunha Galicia provinciana, que el nomea como “desidia autonómica” do PP na páxina 60) aos seus intereses (e co affaire Altri teríamos o derradeiro exemplo).
Seguimos sen rastro da base social burguesa dun PNV ou dun Junts por estes lares. E pode que por iso non quede outra, si un é liberal e nacionalista como Antón, que mirar de influír no BNG ou no PSdG nese senso. Aínda que nestes dous casos, e por distintos motivos, para esa viaxe a Galicia de hoxe tampouco é a de onte. Porque os moitos persoeiros e monaguillos do IBEX35 -no Madrid antifederal de España (DF, páxina 88)- traballan por unha desidia autonómica, democrática e igualitaria que non nos vai por nada fácil avanzar nunha folla de ruta en Galicia -e no resto do reino de España- cara a unha sociedade decente dentro dunha unión federal. E ben me gostaría trabucarme.
____________
[1] Edicións Xerais de Galicia (1999) os últimos datos manexados eran de 1997 (as conclusións nas pp. 143-151).
[2] Publicado pola Universidade de Vigo, agora en acceso aberto online co título “Galicia. Un país desnortado e minguante”.
[3] Un futuro imaxinado de Galicia ou “mirar cara adiante” que reclama Antón (páxina 51), fora publicado aparte no ano 2022 aquí: https://luzes.gal/14/03/2022/en-aberto/galicia-2050-utopia-ou-distopia/








