Francesca Albanese: cando a verdade é perseguida

| As claves, Global

Francesca Albanese, relatora especial da ONU para os territorios palestinos, está sufrindo en carne propia o que pode supoñer nos tempos que corren contar a verdade -especialmente cando se trata, como neste caso, da verdade sobre o xenocidio palestino levado a cabo en Palestina polo goberno sionista de Israel-. Francesca está sendo obxecto dunha brutal campaña de difamación internacional impulsada polo lobby xudeu, que conta co apoio da administración Trump, tal que lle supuxo a retirada do visado, a prohibición de entrar nos Estados Unidos e a conxelación de todos os seus bens. Asemade, os gobernos de Alemaña, Francia, Italia e Chequia pediron a súa dimisión como relatora especial da ONU para os territorios palestinos ocupados.

Cal foi o monstruoso pecado cometido por Francesa Albanese? Simplemente informar ao mundo da verdade sobre o xenocidio que o goberno sionista de Israel, comandado polo nazi Benjamin Netanyahu, está cometendo co pobo palestino.  Un pecado cuxa penitencia é un asañamento contra a súa persoa que “revela algo perturbador, o encarnizamento co que algúns estados prefiren arremeter contra a mensaxeira antes que refutar a mensaxe” (Francesca Albanese: “Anatomía de una difamación”. Le Monde Diplomatique, marzo 2026).

En realidade Francesca Albanese non fixo mais que cumprir co seu cargo na ONU que entre outras funcións ten “as de investigar as violacións por parte de Israel dos principios e fundamentos do dereito internacional humanitario… recibir, comunicar… escoitar as testemuñas recorrer ás modalidades de procedemento que considerara necesarias para cumprir o mandato… ademais de informar, con conclusións e recomendacións, ao Consello de Dereitos Humanos ata o fin da ocupación israelí deses territorios” (F.A.). Por cumprir con estas obrigas do cargo  foi polo que está sendo obxecto dunha campaña internacional de persecución. Algo que, por caso, non lle sucede a ningún dos outros catorce relatores da ONU entre os que están os de Afganistán, Rusia e Irán.

Agás algunhas poucas excepcións, como España e Eslovenia, os Estados do Vello Continente optaron pola inacción ou a complicidade. (Francesca Albanese)

Pero Francesca tivo o atrevemento de informar que nos terreos ocupados o goberno sionista “aplica aos colonos israelís o dereito civil, mentres que aos palestinos -nenos incluídos- se lles aplica o dereito militar. Israel é, en efecto, o único país do mundo no que hai nenos sistematicamente xulgados ante tribunais militares. Describir este sistema como un apartheid exercido contra os palestinos baixo o formato dunha ditadura militar non é unha provocación, senón unha cualificación xurídica” (F.A.). Israel “instaurou un réxime carcerario, variable na súa intensidade e métodos, no conxunto dos territorios palestinos ocupados que condicionou todas as dimensións da vida cotiá. Constantemente vixiados, cos seus desprazamentos entorpecidos por postos de control, muros e unha rede burocrática opresiva; sempre expostos a seren arrestados ou a sufrir detencións arbitrarias, torturas e outros tratos crueis, inhumanos e degradantes, os palestinos viven nunha especie de panóptico a ceo aberto” (F.A.).

Por se non fora abondo o atrevemento de Francesca, esta foi quen de seguir informando sobre “a vida cotiá duns nenos privados de protección e de inocencia que medran no medio dunha violencia omnipresente: asasinados, mutilados, orfos, testemuñas da morte ou da humillación continua dos seus seres queridos e da destrución do seu fogar… Ignorar a súa desesperación é renunciar a unha parte da nosa humanidade e esquecer a obriga máis sagrada do mundo e do dereito internacional: protexer a infancia” (F.A.). Unha situación que non só se dá na franxa de Gaza, senón que se estende a Cisxordana e a Xerusalén Este.

“Poñer fin ao xenocidio pasa tamén por desmantelar as estruturas materiais que o fan posible… e rendible (Francesca Albanese)

No seu informe, Francesca tamén describiría a “economía do xenocidio, unha rede de actores privados cuxos investimentos, tecnoloxías, servizos e cadeas de subministro sustentan materialmente unha realidade xa descrita en informes previos. O seu nivel de complicidade agocha responsabilidades. Poñer fin ao xenocidio pasa tamén por desmantelar as estruturas materiais que o fan posible… e rendible” (F.A.). Foi este informe o que daría pé a unhas sancións estadounidenses que lle supoñen, por caso, que estea illada financeiramente do mundo e que calquera que teña unha relación para con ela, incluso si é un familiar, poida verse ameazado con multas de un millón de dólares e penas de vinte anos de cadea.

“Estados Unidos é con diferencia” -afirma Francesca- “o principal fornecedor de armas a Israel, mentres que varios estados da Unión Europea seguen procedendo con estes envíos; de feito, a UE segue sendo o principal socio comercial de Tel Aviv. Agás algunhas poucas excepcións, como España e Eslovenia, os Estados do Vello Continente optaron pola inacción ou a complicidade. Francia, por exemplo, autorizou en varias ocasións a Benjamin Netanyahu a sobrevoar o seu espacio aéreo a pesar da orde de arresto na súa contra emitida polo Tribunal Penal Internacional” (F.A.).

Para mellor entender a inxustiza e a ignominia do que está pasando compre saber que “todo o sistema do dereito internacional repousa no principios da responsabilidade dos Estados. Son os Estados os que asumen e cargan coas obrigas xurídicas, e son eles os que en primeiro lugar teñen que responder da súa violación. Israel non é unha excepción: as críticas ao Estado de Israel non se dirixen contra o que este é nin contra a relixión que profesa, senón contra o que fai, en especial no que atinxe ao dereito internacional, que vulnera de xeito grave, reiterado e cunha persistente inmunidade” (F.A.).

Para rematar este relato quero recoller un parágrafo especialmente notable do texto que di “podemos fuxir da verdade, pero ocultala resulta máis complicado. É só unha cuestión de tempo. A xustiza petará na porta de quen perpetuaron crimes en Gaza e dos seus cómplices. A destrución de Gaza espertou conciencias que críamos anestesiadas e volveu visible o que moitos se negaban a ver, non só a brutalidade da ocupación, senón tamén a complicidade activa das nosas democracias occidentais na súa perpetuación”.

Remato lembrado que por todos estes informes que relatan a verdade de limpeza étnica que está levando adiante o goberno sionista en Palestina a señora Francesca Albanese, relatora especial da ONU para os territorios palestinos ocupados, está sufrindo unha brutal campaña de difamación internacional.