Hai algo máis dun ano publicaba unha análise titulada “Débedas públicas, mellor lonxe dos mercados” (12/11/2023) centrado no asunto do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) sobre o que, na recente Conferencia de Presidentes, se comprometeu Pedro Sánchez a facer unha proposta de condonación a cargo da débeda do Estado [1]. Para elo convocaríase un próximo Consello de Política Fiscal e Financeira a celebrar no mes de xaneiro próximo.
Como dicía naquela ocasión o recurso a ese Fondo foi un mecanismo de excepción para enfrontar a insuficiencia do financiamento e o deterioro dos servizos públicos asociados a crise do ano 2008 coa súa xestión neoliberal. E aínda a día de hoxe nos estamos a recuperar daquela treboada perfecta: ingresos fiscais en caída e crecentes demandas de servizos públicos.
Algo antes daquela análise –en maio de 2023– publicaba outra previa sobre a corrosión do conxunto dos servizos públicos nas Comunidades Autónomas, en relación ao deterioro medio no Reino de España [2]. O lector interesado pode revisar esas dúas análises pois apenas vou aquí a cruzar e comentar dous resultados dos mesmos.
Así, cando ordenaba de menor a maior deterioro dos servizos públicos nas Comunidades Autónomas, comprobábamos que o factor determinante era o crecemento demográfico. Pois un insuficiente financiamento previo e, sobre todo, posterior a crise de 2008 estaba a castigar sobre todo a aquelas nacionalidades e rexións nas que medra moito a súa poboación fronte as que non o fai. Nun recadro poño en verde as de menor deterioro e en vermello as que o tiveron maior.
Así Valencia (-4) e Galicia (+4) son dous casos claros, de grande deterioro no primeiro e de menor deterioro no segundo. Sucede que en Galicia entre 2000 e 2020 a poboación estivo estancada mentres que na Comunidade Valenciana medrou un 22%, ou nas Canarias un 35%. Cousas de ser un país minguante.

Fonte: elaboración propia [Ampliar cadro]
O Banco de España [3] (páxina 274) ofrece os datos do endebedamento total das CC.AA. e do recurso ao FLA en xuño de 2023. Poño ordenadas (as que teñen usado máis de dez mil millóns do Fondo citado) segundo o maior uso porcentual do FLA noutra táboa, xunto a Madrid e País Vasco que non fixeron uso. E tamén figura Galicia que usou 2.759 millóns. Na táboa observamos a relación directa do recurso ao FLA co nivel de endebedamento, pero tamén co deterioro dos servizos avaliado na análise previa.
A excepción é Castela-A Mancha que recorre ao FLA e ten un alto endebedamento autonómico, a pesar do seu escaso deterioro relativo (con todo hai que dicir que a súa poboación medrou un 17%). Semella que conseguiu así evitar un grande deterioro dos servizos a cargo de endebedamento total e tamén do FLA.

Fonte: elaboración propia [ampliar cadro]
Madrid neste asunto practica ideoloxía neoliberal pura e dura. Pois cun deterioro dos servizos públicos moi superior ao de Galicia (4 nós, -1 eles, pois a súa poboación medrou un 26%) se permite rebaixas fiscais, escaso endebedamento relativo e non facer uso do FLA. Claro está que o Banco de España nos informa de que duplica a carga por intereses (por euro de débeda) pagada aos seus prestamistas respecto da media do reino de España. Co que os prestamistas de Madrid estarán contentos, pero a cidadanía do común penso que menos ao sufrir as consecuencias.
Madrid imparte así unha doutrina neoliberal que pagan os usuarios dos seus servizos, mentres na Comunidade Valenciana, Murcia ou Catalunya [5] o FLA lles permitiu paliar en algo a galopante corrosión derivada do crecemento da demanda de servizos e dun sistema de financiamento autonómico agónico e desfasado, a cada paso máis endebedado. É o que hai: Valencia co 43% do PIB en débeda autonómica e, dela, o 84% no FLA marca o máximo. Antes da DANA.
Por iso penso, máis aló da quita do FLA a cargo de débeda “federal” do Estado que propón Sánchez, que a corrosión dos servizos públicos en España so se poderá superar cunha reforma fiscal progresiva que leva moito tempo por chegar. E que bancos, eléctricas e Ibex35 non queren ver nin en pintura.
Isto non se vai a superar facendo unha reforma do financiamento autonómico na que as nacionalidades máis ricas ou ben poidan seguir a facer catecismo de fiscalidade regresiva (Madrid), ou ben (caso de Euskadi… e pronto pode que Catalunya) se busquen a vida atendendo só o financiamento dos seus cidadáns (federalistas para as débedas, pero non para os ingresos). Porque sen un cambio radical do sistema fiscal do Estado este sería o camiño do sálvese quen poida: un modelo formalmente autonómico pero no fondo confederal e neoliberal.