Entre a redistribución (federal) e a solidaridade (confederal)

Nunha unión federal plurinacional os ingresos fiscais da Unión e das nacións ou Estados deben gardar un equilibrio para que a Federación poida cumprir obxectivos redistributivos. A situación actual de Galicia no Reino de España -nun encaixe nominalmente autonómico- está cerca do que atopamos en países federais (como Estados Unidos ou Alemaña) tal como se recolle no seguinte recadro sobre ingresos fiscais con datos do IGE.

Fonte: elaboración propia con datos do IGE [ampliar cadro]

Como vemos, máis da metade dos ingresos públicos son recadados pola facenda central e algo menos da metade pola administración galega. Estariamos dentro da lóxica dunha unión fiscal federal, pois achegarse ao cento por cento (como sucede en Euskadi, e agora se quere acadar en Catalunya) polo goberno dunha nacionalidade levaríanos a unha lóxica confederal (como en boa medida sucede dentro da actual Unión Europea cos seus Estados membros).

*

Claro que en realidade o control polo Estado dos recursos públicos é superior si temos en conta unha partida moi importante non incluída no recadro: as cotizacións á Seguridade Social. Para o ano 2011 un informe de referencia que imos a citar nesta análise (que con case 700 páxinas fora divulgado con este detalle, e só se actualizou ata 2014) estimaba que en Galicia recadábanse 7.019 millóns en cotizacións, o que faría subir a rateo federal controlada polo Estado a  case un 73 %, polo  que habería marxe para reducilo e mellorar o equilibrio federalizante do sistema. Claro que non é menos importante engadir neste punto que os pagos por pensións en Galicia naquel ano ascenderon a 10.470 millóns, o que implica unha balanza favorable para Galicia por máis de 3.400 millóns de euros (pagos por riba das cotizacións).

Para ese ano do que temos información máis detallada presentamos un recadro que recolle o volume desa balanza da Seguridade Social que en Galicia acada un índice positivo de 149 (pagos/cotizacións: 10470 / 7019) para visualizar a potencia redistributiva destes ingresos controlados ao cento por cen polo Estado.

Fonte: elaboración propia con datos de Fundación SEPI (2014) [ampliar gráfico]

Resulta evidente que as nacionalidades e rexións menos ricas do Reino de España saen máis favorecidas do endebedamento total (pagos por riba das cotizacións, índice 123) do sistema de Seguridade Social que as rexións máis ricas. Galicia con 149 e Madrid con 101 aforran os comentarios. Un sistema que está cento por cento centralizado e que ten un déficit global do 23% dos seus gastos, o que fai medrar o déficit e a débeda do Estado, cos conseguintes pagos por intereses que de seguido veremos como se redistribúen.

*

E que balance redistributivo podemos facer nese mesmo ano para o resto dos ingresos e, nomeadamente, para aquel 54% que recadaba o Estado en Galicia? Son ingresos dos que depende no só a crucial cobertura de necesidades preferentes (ensino, sanidade, protección social, terceira idade, etc.) senón tamén as partidas para desenvolvemento económico (infraestruturas, investigación, axudas a sectores, etc.). Coa mesma fonte elaboramos unha rateo entre o total dos ingresos públicos recadados (excluídas cotizacións) e gastos públicos territorializados (excluídas as pensións, pero incluídos -asunto crucial nun esquema federal- os custos da débeda).

Unha rateo que para Galicia toma o valor 120 o que quere dicir que nese ano 2011 os gastos superaron os recursos fiscais achegados por Galicia en 2.400 millóns de euros (un 20%). A panorámica para o conxunto das Comunidades Autónomas é a que recolle este novo recadro.

Fonte: elaboración propia con datos de Fundación SEPI (2014) [ampliar gráfico]

Neste caso, e tamén por recurso ao endebedamento, a rateo media no conxunto de España é do 107 (gastos por riba dos ingresos), pero a potencia redistributiva é menor: para Galicia pasamos de 149 a 120. Tamén é sintomática a situación do País Vasco por ser a única nacionalidade que ten de momento un encaixe confederal de facto (sistema foral e cupo) e que por tal motivo se sitúa moi cerca de Galicia, pois sendo unha nacionalidade moito máis rica o seu lugar estaría no outro extremo da gráfica.

Segundo se desprende dos datos, os efectos redistributivos danse dentro do esquema federal pero en absoluto no confederal (ou singular como agora queren chamarlle dende Cataluña). Tamén é anómala, pola súa dimensión, a colleita redistributiva de Canarias que só se entende pola súa compoñente lonxana-insular e fiscalidade privilexiada. E sobra dicir que os saldos fiscais positivos dos menos ricos caerían en picado si os tres máis ricos pasan a ser confederados fiscais como o País Vasco (aínda con achegas de “solidaridade”). Pois estímase que falamos para Cataluña de reter na súa Facenda máis de trece mil millóns.

*

Podemos resumir esta breve análise dicindo que Galicia sae beneficiada especialmente dun sistema centralizado como o da Seguridade Social, e está en liña das achegas cara as nacionalidades e rexións menos ricas do sistema federalizante de ingresos públicos do Reino de España (do que na actualidade controla o Estado Central algo por riba da metade).

Calquera modificación destes dous parámetros cara unha lóxica confederal (“singular” en neolingua) debera avaliarse con moitas reservas. Mesmo moitas máis que unha ruptura independentista pois neste caso, ao menos, os recursos produtivos galegos (humanos, naturais, enerxéticos, financeiros, mercados, etc.) non serían partillados tan doadamente por axentes non galegos, que semellan querer desvencellar o seu nivel actual de riqueza de telos partillado durante décadas. E que poderían seguir a facelo ao fío dun financiamento singular corrixido pola “solidaridade”.

Nesta encrucillada defendo unha folla de ruta máis federalizante que a situación autonómica actual, na que as nacionalidades e rexións máis ricas non practiquen o dumping fiscal pero tampouco  entendan a redistribución como “solidariedade” (coa camisa de forza da ordinalidade), pois sen dúbida o seu nivel de riqueza non é alleo a partillar recursos e mercados coas que son menos ricas. Si isto é así todos sairemos gañando, pero do contrario o mellor é que cadaquén vaia pola súa conta. En todo, non só nos recursos fiscais.

_______

A información manexada aquí para o ano 2011 só pode actualizarse ata o ano 2014 neste enlace:
https://www.hacienda.gob.es/es-ES/CDI/Paginas/OtraInformacionEconomica/Sistema-cuentas-territorializadas.aspx
Levamos, daquela, demasiados anos sen poder avaliar estes efectos redistributivos. Con estas últimas estimacións o saldo favorable da Seguridade Social para Galicia máis o noso saldo fiscal favorable mantívose en conxunto nuns + 5.800 millóns entre 2011 e 2014.