Financiamento autonómico: unha reforma imprescindible, un acordo imposible

A avaliación do modelo de financiamento autonómico proposto polo Ministerio de Facenda non pode ser simple. Por unha parte, significa un alivio en relación coas expectativas, porque evita o territorio perigoso do concerto económico catalán e respecta os trazos básicos das diversas variantes de financiación autonómico que viñeron funcionando nos últimos lustros; ademais, parte do cálculo da poboación axustada (incorporando elementos de custes e necesidades diferenciais, as singularidades obxectivas), que ven sendo un trazo definitorio básico da descentralización española. En canto ao diñeiro, incorpora ao redor de 16.800 millóns de euros adicionais, unha contribución importante á capacidade das CCAA para atender os servizos que son da súa incumbencia (sanidade, educación, servizos Sociais, vivenda,…).

Se hai recursos para que todas as CCAA gañen (ou cando menos non perdan) en termos absolutos, e o modelo segue a pauta dos anteriores, por que non perfeccionar os seus trazos, instrumentos e resultados por medio da negociación?

Ao meu entender, as dificultades son dúas:

– Os resultados estimados (sempre provisionais, por canto hai algúns elementos inconcretos) alteran de xeito moi significativo as posicións relativas das CCAA. É certo (e debemos consideralo positivo) que reduce significativamente a dispersión de resultados do modelo anterior e as CCAA antes peor tratadas aproxímanse á media, parcial (Castela-A Mancha) ou totalmente (C. Valenciana). Pero con dous trazos extremadamente discutíbeis:

1. Introduce de forma explícita un criterio de nivelación parcial, o que se reflicte nas posición finais das CCAA: as que van estar por riba da media en financiamento por habitante axustado son as que dispoñen de maior capacidade tributaria por habitante. Ou sexa, o goberno dunha CA rica (Madrid, Cataluña, Baleares) vai ter máis recursos por unidade de necesidade (e canto máis próspera, máis) que o goberno dunha CA pobre. É unha novidade significativa, difícil de entender para os que lle damos un valor alto á igualdade de trato, e que carece dunha xustificación económica.

2. O trazo anterior vese alterado, para peor, porque o modelo crea dous fondos específicos, moi nesgados. Tanto o denominado Fondo para o combate do cambio climático como o Fondo de IVA-Pemes carecen de sentido, polo seu contido (que non se vincula con necesidades de gasto), o método de cálculo (arbitrario) ou as condicións de aplicación (son recursos incondicionados). A súa función no modelo enténdese mellor ao saber que o seu nesgo, moi marcado, beneficia ás CCAA do arco mediterráneo e, sobre todo, a Cataluña (que recibiría máis do 56% do total).

– O contexto político dificulta unha negociación efectiva entre o goberno de España e un número significativo de executivos autonómicos, tanto como a súa aprobación no Congreso dos Deputados. A maior parte dos gobernos rexionais son conservadores. Murcia, Valencia, Baleares ou Andalucía mellorarían intensamente coa aplicación do novo modelo. Pero a presión da cúpula do PP para evitar que entren nun diálogo necesario vai ser fortísima; por dúas razóns: non darlle ao goberno progresista un trunfo político, conseguido ademais nun ámbito no que está á defensiva debido á fonda polarización identitaria en sentido territorial, co ascenso do nacionalismo español e os nacionalismos periféricos. Ademais, a formación conservadora así evita o desgaste de ter que deseñar un modelo que poida ser defendido no conxunto das CCAA de réxime común. Mellor o desgaste que a solución dos problemas.

Como o modelo se afasta do concerto (houbo un intercambio de “principios” por pasta…) unha forza como JxCat ten tamén o pretexto para tampouco servir en bandexa unha vitoria aos socios progresistas do goberno catalá, co engadido de erosionar aos seus competidores de ERC.

Pero, como podería mellorarse o modelo desde unha perspectiva progresista e federal? (recollemos os elementos esenciais).

Primeiro, elevando a porcentaxe de nivelación. Por exemplo, subindo a proporción dos recursos que entran nun pool común, distribuído en función das necesidades, desde o 75% proposto, ao 80%; e complementando este efecto co uso dos recursos do mal chamado fondo climático e do fondo IVA-Pemes á nivelacion entre CCAA, aproximando máis a súa dotación por unidade de necesidade.

Segundo, perfeccionando a proposta en materia de poboación axustada (custes e necesidades diferenciais), introducindo mellor os custes fixos e mantendo as porcentaxes da dispersión e o avellentamento (que baixan).

Terceiro, recollendo a proposta de incrementar substancialmente os recursos para o Fondo de Compensación Interterritorial pero garantindo a súa finalidade de proceder á promoción do desenvolvemento das CCAA menos prósperas (especialmente necesario cando os Fondos Europeos poden dirixirse a financiar a provisión de bens públicos europeos).

O modelo de financiamento precisa dun consenso duplo: territorial (non debería reformarse contra un número significativo de CCAA) e político-social (sería adecuado contar cunha maioría moi cualificada nas Cortes Xerais). A polarización identitaria e territorial e a polarización política dificultan a consecución desa dupla meta. Pero unha eventual inversión do ciclo económico e/ou a chegada a posicións de poder de forzas que desconfían do estado das autonomías configuran un futuro con altas doses de risco. Están todos os actores facendo os cálculos correctos?