Financiamento autonómico. Un concerto solidario xeneralizado? 

A raíz do pacto entre o PSC e ERC para achegar o actual modelo de financiamento autonómico (SFA) de Catalunya ao que teñen as Comunidades Forais (País Vasco e Navarra) semella de moito interese clarexar en que senso falamos de “achegar” e, non menos importante, se ese cambio -empurrado dende Catalunya- sería aplicable ao conxunto das Comunidades -incluída Galicia- e con que consecuencias. Sobre todo porque os documentos que imos coñecendo son moi pouco concretos en todos os aspectos relevantes 

Pois ben, para clarexar todos este asuntos o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (no sucesivo IVIE) e a Generalitat Valenciana fixeron público un detallado e cuantificado documento -da autoría de Francisco Pérez e Juan Pérez- que se pode consultar na internet dende o 11 de xullo de 2025, con simulacións baseadas en supostos ben explicitados. No que segue paso a resumir as súas principais conclusións -sempre referidas ao ano base de 2022- centrándome sobre todo nas derivadas para Galicia [1]. 

A situación de partida 

No ano 2022 segundo este estudo os ingresos fiscais [2] no conxunto de España acadaron a cifra duns 282.000 millóns de euros (ao redor do 20,4 % do PIB dese ano). Se temos en conta os recursos da administración local e da Seguridade Social (non incluídos nesta análise) os ingresos non centralizados no actual modelo autonómico roldan o 28 % do total, por baixo do 40 % que acadan en países federais como Alemaña ou Estados Unidos [3]. Pero aínda máis lonxe dos niveis dunha estrutura confederal (na que o cento por cento dos ingresos fiscais estaría baixo o control das nacionalidades e rexións como sucede xa hoxe nas Comunidades Forais) na que os ingresos non centralizados acadarían cerca do 60 % do total. 

En conxunto estamos diante dunha folla de ruta que sendo de facto confederal no sistema de ingresos asume importantes obrigas federais para soster a solidariedade e os gastos comúns do conxunto.  

Para Galicia iso supón que -despois das transferencias recibidas- no actual modelo de financiamento autonómico (SFA) xestionamos 9.869 millóns, e achegamos o resto dos recursos fiscais aquí recadados, un “cupo implícito” (CI) de 5.123 millóns, para financiar os gastos comúns [4] (dende a defensa aos intereses da débeda ou os investimentos centralizados) do reino de España. Esta situación de partida dos ingresos fiscais (en relación ao PIB de cada territorio) recollémola nun primeiro gráfico para Galicia, Catalunya e o conxunto do reino de España. 

Fonte: elaboración propia con datos do Cadro 2 de IVIE (2025). [Ampliar gráfico]

Vemos que tanto Galicia como Catalunya achegan recursos fiscais totais no sistema por riba da media do conxunto do reino de España, pero mentres Galicia se sitúa por riba da media nos fondos SFA (sempre sobre o seu PIB) que financian a Autonomía (e Catalunya por baixo), nos fondos que financian os gastos comúns do Estado (CI) a situación é inversa. 

No estudo que estou citando por fora do sistema de financiamento deste réxime común considérase que as Comunidades forais (País Vasco e Navarra) deberan achegar ao menos seis mil millóns para financiar os gastos comúns e de solidariedade (o que suporía un esforzo do 5,8% do seu PIB, por baixo da media das CC.AA. do CI actual do 9,6 %), conformando ao facelo así un sistema de facto federal. No que todos achegan ao conxunto, mentres os ingresos poderían ser recadados na súa totalidade por cada nacionalidade ou rexión (sistema confederal). Sobra dicir que no actual sistema autonómico as Comunidades forais non fan case ningunha achega de solidariedade [5], e que de xeneralizarse este modelo a actual facenda pública do reino de España sería inviable. 

Un novo sistema de concerto solidario xeralizado (SCSG) 

A proposta de modificación do sistema actual (SCSG) tería dúas patas complementarias. Como xa se adiantou suporía, por unha banda, que as Comunidades forais entran a partillar con seis mil millóns suplementarios os ingresos tributarios do Estado para o financiamento da solidariedade e dos gastos comúns e, por outra, que os fondos xestionados por cada Comunidade do réxime común actual se modifica cunha mais intensa nivelación.  

En conxunto estamos diante dunha folla de ruta que sendo de facto confederal no sistema de ingresos asume importantes obrigas federais para soster a solidariedade e os gastos comúns do conxunto.  

Para Galicia esta actualización supón que temos que achegar 2.300 millóns máis á caixa común (cupo implícito agora actualizado) de gastos comúns e de solidariedade (CA). 

En primeiro lugar a modificación e nivelación do “cupo implícito” (CI) para os gastos comúns e de solidariedade e a inclusión das Comunidades Forais no mesmo recollémola nun segundo gráfico. De xeito que no que se refire a este “cupo implícito” o seu axuste no modelo [6] SCSG -e a súa ampliación as Comunidades Forais- provoca as modificacións que se recollen na seguinte gráfica (sendo CI o cupo implícito actual, e CA o cupo implícito actualizado segundo este modelo de SCSG). 

Fonte: elaboración propia con datos do Cadro 4 de IVIE (2025). [Ampliar gráfico]

Para Galicia esta actualización supón que temos que achegar 2.300 millóns máis á caixa común (cupo implícito agora actualizado) de gastos comúns e de solidariedade (CA), mentres que para Catalunya supón unha rebaixa de 5.600 millóns. Co resultado de facer así un esforzo semellante en relación ao PIB respectivo. Que estaría moi por riba do esforzo que se lle reclama neste modelo as Comunidades Forais [7] (10,4% do PIB fronte ao seu 5,8% do PIB). Non semella que esta simulación poida ser asumida dende criterios de progresividade fiscal territorial. 

En segundo lugar, e sobre esa base, no que se refire as modificacións deste SCSG sobre a outra grande partida dos recursos fiscais (SFA) para o financiamento da respectiva autonomía os resultados finais da simulación dos escenarios de nivelación e de solidariedade (coa inclusión das Comunidades Forais) resumímolos nun terceiro gráfico. 

Fonte: elaboración propia con datos IVIE, Cadro 10.a  [Ampliar gráfico]

Con estas premisas, para Galicia as simulacións realizadas con datos do ano 2022 suporían unha perda de entre seiscentos e douscentos millóns ao ano, o que se traduce en dúas décimas de PIB (con achega das forais), sobre os case nove mil novecentos millóns de recursos actuais, mentres que por caso para Cataluña este modelo suporía unha mellora de case un punto do PIB , e para Madrid máis dun punto. 

Conclusións sobre esta simulación 

Comprobamos que na situación actual as nacionalidades e rexións máis ricas (Madrid, Catalunya) achegan recursos fiscais para o financiamento autonómico e do Estado en relación ao seu PIB por riba da media do reino de España, algo que tamén -en menor medida- sucede en Galicia. 

O sistema proposto non inclúe ingresos fiscais suplementarios derivados dunha reforma fiscal (que, por exemplo, nos iguale á media da UE en ingresos sobre o PIB) para facer fronte aos crecentes gastos necesarios no sistema (tal como visualizan na gráfica 6.a desta análise). E se ben incorpora as Comunidades Forais ao financiamento da solidariedade “federal” esta achega queda aínda moi por baixo do que realizan as Comunidades do actual réxime común no chamado “cupo informal”. 

No sistema proposto podería abrirse camiño a recadación da maioría dos recursos fiscais polas Comunidades, o que suporía unha folla de ruta de facto confederal, se ben polo lado dos gastos a proposta recoñece que non menos do 40% teñen que ver coas necesidades comúns e de solidariedade, o que aconsellaría manter unha porcentaxe semellante como ingresos federais da facenda central. 

Con estas premisas o sistema proposto equilibra a carga das achegas “federais” (cupo informal) entre as Comunidades ricas (Catalunya, Madrid[8]) e as menos ricas (como Galicia) en relación ao seu PIB, ao tempo que reforza os recursos autonómicos (sempre sobre o PIB respectivo) das Comunidades que teñen que enfrontarse as necesidades derivadas dun intenso crecemento demográfico nas última décadas [9]. 

En conxunto seméllame unha solución contraditoria que, por riba, descansa en supostos de dubidosa seguridade xurídica e institucional.

Sobra dicir que calquera mellora que supere os dous mil millóns de financiamento autonómico para Cataluña, ou supere os tres mil millóns para Madrid (ou ben se as Comunidades forais non acheguen como pouco seis mil millóns ao cupo) agravará máis a diminución de recursos da maioría das nacionalidades e rexións -incluída Galicia- de acordo con esta simulación.   

Pódese dicir que a proposta, na procura de encaixar unha demanda confederal para os ingresos das nacionalidades e rexións do reino de España,  vese obrigada a asumir un enfoque federal no tocante aos gastos (centrais e sub centrais). En conxunto seméllame unha solución contraditoria que, por riba, descansa en supostos de dubidosa seguridade xurídica e institucional. 

___________

[1] Pérez, F. e Pérez, J. (2025), “¿Permitiría un concierto solidario generalizado solucionar los problemas del sistema de financiación autonómica de 2009?”, IVIE-Generalitat Valenciana, 

[2] É moi importante deixar anotado que queda fora desta análise e das simulacións o conxunto do sistema da Seguridade Social e a Admón. Local que suman outros 200.000 millóns (páxina 9), co que os ingresos públicos non centrais no reino de España están hoxe algo por riba do 28 % do total. 

[3] 4 OCDE, enlace 4z1eyr.xlsx 

[4] Cadro 2, páxina 11; entendendo “cupo entre las comunidades para financiar los servicios que presta el Estado, y los objetivos de solidaridad interterritorial” (páxina 6). Algo que algúns analistas por caso galegos consideran se “succiona” dos recursos dos que Galiza debera ter “a chave da caixa”, https://www.nosdiario.gal/articulo/politica/sistema-fiscal/20241213230101212755.html.

[5] Textualmente no informe para solidariedade dise “en los sistemas forales de manera marginal, a través de una contribución a un Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) actualmente insignificante” (páxina 5). 

[6] No Cadro 4 (páxina 15) o cupo implícito de Galicia debera chegar aos 7.400 millóns (axustados ao noso peso no PIB españoldende os actuais 5.100 millóns. 

[7] cupo anual estimase en 2.500 millónshttps://elpais.com/economia/2024-04-06/el-cupo-vasco-y-el-navarro-aportaron-al-estado-2565-millones-en-2023-un-23-mas.html. Mentres que se propón chegar aos 6.000 millóns.

[8] Neste caso pasaría do 14,9 ao 10,4 % do seu PIB. Un axuste que non encaixa para nada nunha simulación que persiga unha progresividade das cargas fiscais para os gastos comúns e de solidaridade.

[9] Andalucía, Valencia ou Murcia tamén con grande expansión demográfica estarían por tras da fenda do gráfico 6.a desta análise. Ver tamén, https://sinpermiso.info/textos/reino-de-espana-la-desigual-corrosion-de-los-servicios-publicos-en-las-comunidades-autonomas