En novembro de 2023 publicaba no número 318 de TEMPOS NOVOS unha análise titulada “Autonomías, federalismo e autodeterminación”, e no número 323 de abril de 2024 outra titulada “¿Un horizonte federal para un país plurinacional?”. Con este fío condutor tamén analizara en Tempos Dixital (“Dun Estado autonómico a federal ou confederal”) os programas electorais e resultados das eleccións en Catalunya (TD 6.5.2024) en Euskadi (TD 18.4.2024).
O meu reiterado énfase no horizonte federal contrasta coa ausencia de calquera referencia a este conceptos -salvo moi contadas excepcións- nos programas electorais e documentos políticos recentes citados e manexados polo autor neses artigos. Por iso me parece oportuno deixar constancia neste ano 2025 de como entre 1935-1943 Castelao falou dese horizonte federal non menos de duascentas veces no seu “Sempre en Galiza” (que fora publicado no ano 1944). Mentres que “confederación” ou “confederal” apenas o fixo quince veces (case sempre para referirse á unión da Federación Hespañola con Portugal como Confederación Ibérica).
De entre aquelas duascentas veces escollín -e van de seguido- algúns pasaxes textuais que me semellaron dabondo clarificadores en relación aos asuntos tratados -oitenta anos despois- naqueles artigos meus recentes sobre unha cuestión que segue aberta e por resolver. As negriñas non son de Castelao.
Nota: O “Sempre en Galiza” foi consultado na súa edición dixital do Internet Archive (Editor: ePub base r1.0 / WolfWood, 364 páxinas, 2013), citando as súas páxinas entre paréntese: https://archive.org/details/sempre-en-galiza-alfonso-daniel-rodriguez-castelao-galego
*
Os que creemos que o sistema federal pode resucitar as mellores virtudes da tradición hispana, somos uns traidores. Os que, por acatamento ao réxime legalmente constituído e á súa Carta fundamental, nos conformamos cunha autonomía cativa e pedimos un Estatuto para a nosa Terra, somos uns criminaes. E velaí por qué os patriotas cataláns, vascos e galegos, somos aldraxados de cotío no café, no casino, na prensa, na cátedra, no púlpito, no coartel e até no Parlamento (p. 19).
*
A fórmula federalista sempre conduce á paz interior dos Estados plurinacionaes, e abre anchas espranzas ao ideal pacifista do mundo. Velaí están dúas grandes Federacións que o atestigan: os Estados Unidos e a Unión Soviética. En ambos Estados —un capitalista e o outro socialista— chegouse á solidaridade fraternal dos pobos porque a liberdade suprimeu todo motivo de conflito (p. 51).
*
As autonomías, tal como se conceden, poden trocarse en privilexios, e somentes o federalismo aseguraría un equilibrio práctico antre os diferentes pobos do Estado, para que ningún deles pesara con esceso na economía ou na política xeral (p. 51).
*
Os que non creíamos que a unidade hespañola fose anterior e superior á variedade, éramos uns canallas. Os que coidábamos que o sistema unitario causou a ruína material e moral de Hespaña, éramos uns falsarios. Os que non queríamos someternos á violencia asimilista que iniciaron os Austrias e Borbóns, éramos uns insurrectos. Os que creíamos que o sistema federal resucitaría o poderío da gran Hispania, éramos uns traidores. Os que por acatamento á Constitución da República pedíamos unha simple autonomía rexional e sometíamos a vontade das nacionalidades á deliberación do Parlamento central, éramos uns criminaes (p. 54).
*
Nas vísperas de proclamarse a República os galeguistas elaboramos un anteproieto de Estatuto. Este documento foi publicado polo “Seminario de Estudos Galegos” e saíu á luz o día 6 de maio de 1931, aos poucos días da proclamación. O primeiro artigo decía así: “A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Hespañola” (p. 58).

X. Canabal, Castelao e M. Meilán en Montevideo (1940)
*
Pero a República tampouco comprendeu os problemas hespañolísimos de Cataluña, Euscadi e Galiza. Tamén a República foi incomprensiva e torpe negándose a ser federal (p. 60).
*
Por non afincarse a unidade ibérica no recoñecimento das nacionalidades hespañolas e na unión libremente consentida de todas elas, pudo chegarse á separación de Portugal e pode chegarse, en efeito, a unha España rota, que dure séculos. O proceso de descomposición será inevitable para abolir o actual artificio do Estado e para reconstruír, dispois, a unidade federativa que reclama imperiosamente a complexa realidade da nosa Península. ¿Non sería mellor constituír, na paz dun acordo parlamentario, unha federación natural das nacionalidades hispanas, para reforzar o non romper os vencellos familiares? Presentimos que dispois da guerra vai realizarse o noso ideal federalista (p. 70).
*
Era evidente que os gobernantes da República non se decataban do erro cometido cando se opuxeron á estruturación federal do Estado, e a cada paso piaban pola “España única e indivisible”, identificándose cos nacionalistas da banda de alá no que se refire ás autonomías rexionaes. Estaban arrepentidos das súas pasadas compracencias co catalanismo e non se cansaban de decir que fora este o principal motivo da guerra civil (p. 116).
*
Pero endexamais cavilan que o único sistema de convenios en que se pode basar a paz permanente de Hespaña estea no réxime federal; é decir, no pacto das nacionalidades hispanas e na autonomía das súas rexións. A cada paso descobren que non hai “unidade nacional”, nin ideal común, nin interés colectivo, nin patriotismo hespañol; e chegan á conclusión de que Hespaña é un país ingobernable (p. 119).
*
Xa vai sendo hora de que os hespañoes demócratas afoguen os seus sentimentos centralistas e unitarios, porque endexamais se poderá asentar en Hespaña un réxime democrático sen unha previa estruturación federal do Estado (p. 124).
*
Os políticos da esquerda non quixeron constituír unha República federal e declarárona federable, para que o Estado non ficase definitivamente constituído sobor de bases de igualdade. Velaí o erro. Certo que fóra de Cataluña, Euscadi e Galiza, non eisiste unha disposición de ánimo favorable á ideia federal; pero todos saben que unha federación é o contrario do separatismo, e que este sistema nin sería novo nin esclusivo de Hespaña, pois está implantado e consolidado en dúas terceiras partes do mundo (p. 125).

Castelao e Alonso Ríos na Casa de Galicia de Montevideo en 1945, un ano despois de teren fundado, xunto cos deputados Villaverde e Suárez Picallo, o Consello de Galiza.
*
Para nós o federalismo sóio debe inspirarse no moderno principio das nacionalidades, e, polo tanto, a República federal hespañola basaríase no libre consentimento de Castela, Cataluña, Euscadi e Galiza. Xa se sabe que dentro destas nacionalidade: eisisten rexións con personalidade sobrada para mereceren unha autonomía político-adeministrativa, que debería outorgárselle sen regateos pola nación a que pertenecen. Sóio así concebimos o federalismo hespañol e sóio dentro desta estrutura xurídica nos sentiríamos cibdadáns verdadeiros de Hespaña (p. 157).
*
Esta terceira República será federal, se é que quer ser definitiva (p. 168).
*
Xa dixemos repetidas veces que non hai máis que un modo de chegar á unidade hespañola: implantando unha República federal. Tamén apuntamos, no primeiro libro, que a bondade deste sistema está de vulto nas dúas grandes Federacións que hoxe eisisten: os EE.UU. é a URSS. Eu tiven a oportunidade de visitar ambas Unións, unha após da outra, e de comprobar cómo a solidaridade económica e monetaria é de abondo para suprimir todo motivo de conflito. E vin que sóio pola bondade do sistema federal se puderon ensaiar e consolidar en dous mundos antípodas as dúas concepcións económico-sociaes que agora están en loita (p. 168).
*
Unha República federal, e non axeitada ao modelo de NorteAmérica, nin da Unión Soviética, senón ás súas peculiares realidades, porque Hespaña, como función das súas diversas nacións, é unha sociedade inconfundible e única (p. 170).
*
En Política deixamos de chamarnos “nacionalistas” porque non pretendemos convertir a Galiza nun Estado independente, e de antemán facemos uso da autodeterminación que a toda nacionalidade lle corresponde, para oferecer dos nosos dereitos todo canto sexa necesario en favor da unión hespañola… Somos xenerosos ante Hespaña e seriámolo moito máis ante un Estado peninsular organizado en réxime federal (p. 225).
*
Vimos que unha simple concesión de autonomía rexional calmou o resquemor de Cataluña e republicanizou a Euscadi. Podemos, pois, maxinar a que sería unha Hespaña federal, basada no moderno concepto das nacionalidades. Teñamos por ben sabido que a Hespaña non lle convén a hexemonía de Castela —nin a hexemonía de ningunha outra nacionalidade—, e que nin a Cataluña, nin a Euscadi nin a Galiza lles convén unha independencia absoluta (p. 228).
*
A “República Federal” que agora nos andan a oferecer algúns inconsolables rexidores do réxime perdido, consistiría na restauración dos Estatutos autonómicos de Cataluña e Euscadi, e cicais na promulgación do Estatuto galego, deixando abertas as posibilidades deste mesmo dereito para calisquera rexión que o reclamara. Eu non quero entrar a furto na intención dos inconsolables; pero é doado presumir que se a República foi federable polo feito de dispoñerse a conceder autonomías rexionaes, en canto estas foran concedidas xa sería, para eles, unha “República Federal”. Mais eu digo que non era federable, aínda que creéramos na sinceiridade dos gobernantes provisionaes daquela República, porque para chegar a ser federal sería necesario escrebir unha nova Constitución (p. 243).
*
Os cataláns tiñan daquela unha gran influencia; pero estaban satisfeitos co seu Estatuto, seguros de que unha República federal non aumentaría o número de atribucións nin o grado de liberdade que o Goberno e as Cortes se dispoñían a concederlles. O que lle importaba aos cataláns era o ovo e non o foro. Por iso Alcalá Zamora cualificou, impunemente, de federable a unha República condenada a ser unitaria e, por ende, inestable. E Cataluña recibiu un ovo choco, estéril… (p. 244).
*
Non se pode chegar á “República Federal” polo camiño iniciado en 1931, e aínda que prosperase o réxime de Estatutos sobre da idea federalista, só se concibe que nos ofereceran unha terceira República, co propósito firme de revisar a Constitución (p. 244).
*
Nin a República do 31 era federable nin se pode chamar federal a unha República que deixe en desamparo as autonomías particulares; pero tampouco aceptaríamos que á par de Cataluña, Euscadi e Galiza poidera erguerse unha Castela multiplicada, repetida nas varias rexións de fala castelán, porque esta iñorna falsearía groseiramente as garantías federaes. Nós sóio aceptamos o federalismo auténtico, axeitado ás auténticas realidades do país en que se instaure. E tratándose de Hespaña non se concibe máis que a federación de Castela, Cataluña, Euscadi e Galiza (p. 245).
*
Recoñecemos a eisistencia real de Hespaña (unha realidade que comprende a Portugal, porque abrangue a Península enteira) i entendemos que esta unidade debe plasmarse politicamente en forma de Estado plurinacional, o máis forte posible, a fin de que logremos o asentamento permanente e definitivo da paz e da convivencia. Queremos que Hespaña sexa forte para crear un outo intrés común, harmonizando nunha coordinación superior as varias nacionalidades que a compoñen e defendendo a soberanía de cada unha delas; é decir, a integridade funcional dos órgaos que lle han de dar vida. Comprenderedes que estamos falando dunha República federal basada no concepto novísimo das nacionalidades (p. 246).
*
Sabido está que un conglomerado de pobos diversos, como son as Hespañas, non ten máis remedio que organizarse en Estado federal, de modo que tódolos seus membros dispoñan de idénticas atribucións e que cada un deles se sinta servido e defendido polo poder central. Co federalismo hespañol curaríanse os trastornos da diversidade interior e suprimiríanse os motivos da diverxencia portuguesa (p. 334)
*
As forzas xeográficas, políticas, económicas e sociaes dun Estado federal suman maor enerxía que a do mesmo territorio dividido en comunidades independentes ou organizado en réxime unitario. Con esto abondaría para preferir o federalismo ao separatismo, visto que sirve para mellor goce da liberdade, e para non perdela. En canto á desconfianza en que os pobos federados deben manterse, non está de máis lembrar un poema de Walt Whitman, dirixido aos grupos autónomos do seu país: “Coa obediencia indiscutida vén axiña o ficar plenamente escravizado. Unha vez plenamente escravizado, xa non hai Nación nin Estado, anque dispois se recupere a liberdade”. Ten moita razón o gran poeta norteamericano, porque alí os pobos non son outra cousa que seres políticos (por algo se chaman Estados); pero na vella Europa os pobos son seres nacionaes, con língoa e cultura autóctonas, e poden permitirse o luxo de ser xenerosos politicamente, se con elo garantizan mellor a independencia e desenrolo da súa orixinalidade moral, que é o sustantivo nas verdadeiras nacións … Tamén a unificación económica se troca en fonte de graves querellas ou en base firme de harmonía según o Estado sexa unitario ou federal, porque sen control direito faise máis doado favorecer a uns pobos en perxuízo dos outros, en tanto que a ligazón ben controlada dos intreses locaes afirma os compromisos políticos e chégase a un Estado de confianza xeral, intimamente sentida. Tanto é así que nas Federacións soe reforzarse a unidade económica, cicais porque a democracia é mais directa, e, según se di, a papeleta eleitoral ten máis peso na man dos votantes (p. 350)
*
Prefireuse unha Hespaña única e indivisible a unha Hespaña múltiple e unida: pero hoxe non eisiste, en verdade, ningunha das dúas. Alí nada tende á unión, pero moito menos á fusión. ¿Que facer, pois? Ao noso xuízo, abrazar o federalismo, senón se quer fomentar o separatismo (p. 351).
*
Ao presentirse o adveñimento da segunda República hespañola, o “Seminario de Estudos Galegos” propuxo aos republicanos de Galiza un proiecto de Estatuto autonómico, que saíu á luz o día 6 de maio do 1931, aos poucos días de ser derrubada a Monarquía; e o seu primeiro artigo decía así: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Hespañola.” Este proiecto de Estatuto foi o primeiro que se formulou en Hespaña aos efeitos de exercer o dereito de iniciativa, conforme ás boas normas do federalismo. Ao mesmo tempo, a “Sección de cencias sociaes, políticas 1 económicas” do Seminario presentou á pública consideración, como anexo do proiecto estatutista, un estudo da custión económica-fiscal, formulado por Bóveda, no que se demostraba, con números irrebatibles, que o réxime de autonomía integral era comenente para Galiza e que non perxudicaba aos demais pobos de Hespaña (p. 358).