Fálase de condonar, pero é mutualizar (mal)

A proposta do Ministerio de Facenda para condonar parte das débedas autonómicas en España tenta dar resposta a un problema de fondo de infra financiamento[1] no actual sistema das Autonomías transformando esas débedas en débeda “federal” do conxunto dos cidadáns. Mutualizandoas no conxunto (algo que debera facerse -ben- tamén dentro da UE pero que non se fai). Co que a  un problema autonómico, dáse unha particular solución federal. Particular porque a proposta, na miña opinión, ten dous problemas substantivos.

En primeiro lugar a cifra de condonación da débeda autonómica por habitante derivada da proposta feita polo Ministerio de Facenda para as CC.AA. de réxime común[2] non se axusta como debera ao grao de deterioro relativo dos servizos públicos nos últimos anos.

A  un problema autonómico, dáse unha particular solución federal que ten dous problemas substantivos.

Na primeira columna de datos da seguinte táboa recollo a miña avaliación dese deterioro: canto máis negativo peor (sinalo en vermello as tres peores: Canarias, Valencia e Murcia), e canto máis positivo menor deterioro relativo (sinalo en verde as tres con menor deterioro: Galicia, Estremadura e Castela-A Mancha), algo que xa analizara polo miúdo nun traballo previo[3]. Sendo Canarias (con -7) a que tivo un maior deterioro e Castela-A Mancha (con + 7) a que tivo un menor deterioro.

Fonte: elaboración propia e [El País] (25/2/2025) [ampliar cadro]

A condonación-mutualización non se axusta a ese deterioro, pois Canarias e Baleares anotan unha quita (en vermello na terceira columna) menor que outras CC.AA. (como Cataluña, Andalucía ou o caso extremo -en verde nesa columna- de Castela-A Mancha) que anotan un menor deterioro dos servizos públicos. E, á inversa, Castela-A Mancha beneficiase dunha quita por habitante moi por riba da que  se axustaría ao seu nivel relativo de deterioro dos servizos públicos. Certo é que no resto das non citadas (incluída Galicia) a quita ou condonación da débeda autonómica por habitante estaría axustada ao nivel de deterioro relativo.

As cinco que teñen unha maior quita (por 2.284 euros por habitante) reducen así a súa carga autonómica respecto da media que esta débeda ten hoxe no reino de España, que son uns 7.000 euros (datos Banco de España débeda autonómica cadro 11.b), case nun 33 %.

A condonación-mutualización non se axusta ao deterioro dos servizos públicos.

O segundo problema é aínda máis substantivo. Como a débeda que deixa de ser autonómica -nesta quita ou condonación- pasa a selo do Estado[4] (que por termino medio ascende hoxe a uns 31.000 euros por habitante, datos Banco de España débeda estatal cadro 11.b), en realidade o saldo neto por habitante desta mutualización (saldoNetopc) é moi diferente e asimétrico do que vimos de comentar. Recollo as cifras nun segundo cadro de datos (deixando de novo fora do cálculo as CC.AA. forais).

Fonte: elaboración propia [ampliar cadro]

Só as cinco Comunidades Autónomas coloreadas en vermello cun saldo neto negativo se benefician dunha rebaixa neta por habitante da súa débeda total (o saldo entre a menor autonómica, máis a maior do Estado), mentres que todas as demais empeoran a súa débeda pública total por habitante para facer posible a rebaixa das cinco sinaladas.

Non todo o mundo gaña en termos netos con esta proposta, como semellaba pasar cando só reparábamos na rebaixa da débeda autonómica. Para que cinco melloren, as dez restantes empeoran a situación da súa cidadanía en termos relativos. Para reducir a carga de débeda do 58 % da poboación española aumentamos a carga do 42 % restante, aumentando máis a destes que reducimos a dos outros (por habitante). Os cidadáns desas cinco Comunidades apandan cuns 400 euros menos de débeda global por habitante despois da condonación[5], mentres que os das dez restantes rematan tendo entre 340 e 520 euros máis de débeda global por habitante[6].

Para reducir a carga de débeda do 58 % da poboación española aumentamos a carga do 42 % restante.

No caso de Galicia cada cidadán soportará certamente 1.369 euros menos de débeda autonómica (ver primeiro Cadro) despois da quita, pero terá que soportar 1.892 euros máis de débeda estatal mutualizada por todos os cidadáns do reino de España. Polo que o seu saldo neto (1.892-1.369) despois da quita proposta será que terá unha débeda pública as súas costas de 523 euros máis.

Aínda así, ¿estamos diante dunha mutualización federalizante redistributiva e progresista?.

Non o vexo así, porque pouco ou nada ten que ver esta asimetría co nivel de riqueza respectivo e, de novo, tampouco co nivel de deterioro dos servizos públicos. As dúas Castelas son un bo exemplo da asimetría desta situación. Pois sae moito máis beneficiado un cidadán que vive con servizos públicos menos deteriorados nos últimos anos que o que vive onde os servizos se deterioraron máis. E Cataluña e Baleares -para un semellante nivel de riqueza e nivel de deterioro dos servizos- un mellora despois desta quita (Cataluña), e outro empeora (Baleares) o saldo neto de débeda total despois da quita.

Sae moito máis beneficiado un cidadán que vive con servizos públicos menos deteriorados nos últimos anos que o que vive onde os servizos se deterioraron máis.

Todo isto non só ten incidencia nos maiores ou menores custos de intereses[7] imputables e soportados para uns que para outros no sucesivo (que son parte dos gastos xerais que partillamos como cidadáns do reino de España), senón que tamén modifica a parte ou carga da débeda común que debera “herdar” cadaquén nunha eventual separación do conxunto do reino de España.

Daquela sinto de veras ter que cualificar como un truco iso de que “se trata de un esfuerzo sin precedentes que beneficia a todas las comunidades de régimen común, tengan o no deuda con el Estado”, pois sendo ese beneficio certo nas contas públicas das Comunidades, non o é para as contas públicas que resultan para o conxunto dos cidadáns das distintas Comunidades: pois uns saen máis endebedados e outros algo menos. Sen axustarse a ningún criterio redistributivo ou de corrección do nivel de deterioro dos servizos públicos.

Non deixa de ser esta unha ocasión para constatar que é algo que se pode facer (ben ou mal) dentro do reino de España: mutualizar.

Considero que mutualizar débedas nun reparto federal suporía facelo cunha asimetría acoplada ao nivel de renda ou riqueza (a capacidade para recadar dos máis ricos), e inversa ao nivel de deterioro relativo dos servizos públicos. A proposta do Ministerio na miña opinión non cumpre con eses dous criterios.

Pero certamente non deixa de ser esta unha ocasión para constatar que é algo que se pode facer (ben ou mal) dentro do reino de España: mutualizar, partillar unha débeda dunha parte no total. Algo que na Unión Europea levamos precisando facer para ter unha débeda europea (bonos do Tesouro federais como nos Estados Unidos) e non ter que andar á vontade dos mercados financeiros e das primas de risco cada Estado membro.

Porque mutualizar débedas non é posible nunha confederación de facto como é a Unión Europea pero si é posible facelo nunha federación de facto como é o reino de España[8]. Só nos queda facelo ben. De momento creo que ese non é o caso da proposta do Ministerio de Facenda.

 

[1]     En boa medida derivado da ausencia dunha reforma fiscal que provoca a un tempo unha bola de neve de débeda (pois a total do Estado, CC.AA., S. Social, etc. pasou no conxunto do reino de España dun 40 % do PIB en 2008 a un 104 % do PIB en 2024, cadro 11.7. de Banco de España) e un deterioro xeneralizado dos servizos públicos.

[2]     A proposta é dunha quita global de 83.252 millóns de euros (de débedas autonómicas), que para unha poboación española (menos Navarra e Euskadi) de 44 millóns de habitantes, tradúcese nunha cifra media por habitante de 1.892 euros de maior débeda estatal. A parte do FLA analizábaa no Tempos Novos do mes de febreiro deste ano.

[3]     https://sinpermiso.info/textos/reino-de-espana-la-desigual-corrosion-de-los-servicios-publicos-en-las-comunidades-autonomas

[4]     Condonar (83,2 miles millóns de 334,8 miles millóns) débedas autonómicas (incluido o FLA) e mutualizala como máis débeda do Estado (que agora son 1.474,6 miles de millóns). Co que a débeda cambia de debedor pero non se esfuma, o total da débeda das AA.PP. segue a ser 1.622,2 miles de millóns (en novembro de 2024), nese sentido a mutación-condonación ten un claro horizonte neoliberal: “el objetivo: que las CCAA se financien de manera ortodoxa en los mercados y no con el Estado como banqueroFEDEA-Apuntes 2025/9, con esta consecuencia federal “conllevan costes sobre el acreedor … esto es, sobre el conjunto de contribuyentes españoles con independencia su lugar de residencia”.

[5]     Aforro neto por habitante de 404 en Cataluña estima Expansión

[6]     Factura de más 490 euros para cada madrileño titulaba Expansión,

[7]     Que na actualidade ascende a unha carga de intereses de 35 mil millóns anuais (733 euros por habitante e ano) a pagar aos prestamista privados (Bancos e Fondos de Investimento) dado que na área euro o BCE ou o Banco de España non poden asumir débedas públicas no mercado primario como si fai a Reserva Federal dos Estados Unidos.

[8]     Defendo facer outra mutualización federal (condonación) das débedas autonómicas. Non unha simple restructuración desas débedas ao fío dunha reforma do financiamento autonómico como declaran as CC.AA. gobernadas polo Partido Popular. Porque a orixe das débedas autonómicas esta xusto niso: nas eivas dun sistema autonómico que se resisten a deixar mutar en federal.