Euskadi e Galiza: desnortadas e minguantes? 

Veño comprobando en varias análises sobre a situación de Galicia -no contexto español- cun estraño paralelismo con Euskadi. Recentemente analizaba a evolución demográfica nos últimos doce meses e mentres Galicia se situaba en cuarta posición pola cola das Comunidades que menos medraba a poboación, Euskadi (lonxe de acompañar en cabeza o grupo das máis ricas como Catalunya ou Madrid) situábase penúltima (1). 

Dous preocupantes paralelismos (o declive demográfico total e do emprego dos máis mozos) entre Galicia e Euskadi que concordan coa idea de que as probabilidades de emprego dos máis mozos condicionan a redución da natalidade.  

Noutra análise sobre a crise demográfica de Galicia atopaba explicativa da mesma a caída da poboación máis moza (16-34 anos) ocupada nos últimos vinte anos. No noso caso era a porcentaxe máis elevada de España cunha caída do – 43,1%, pero no caso de Euskadi o asunto non era mellor porque tiña unha caída do – 41,2%. Eran datos do INE que nos facían campións e sub campións de España respectivamente (2). 

Dous preocupantes paralelismos (o declive demográfico total e do emprego dos máis mozos) entre Galicia e Euskadi que concordan coa idea de que as probabilidades de emprego dos máis mozos condicionan a redución da natalidade. Teño argumentado nun libro recente que para Galicia esas probabilidades dependen de que andamos desnortados. En que andará desnortada Euskadi, que parte dun nivel de riqueza moi superior ao noso? 

Para clarexalo penso que pode ser útil comparar a evolución respectiva do emprego entre 2008-2025 -en Galicia e Euskadi- respecto do sucedido no conxunto de España (segundo datos da Enquisa de Poboación Activa do INE). Para facer esta comparación compre lembrar que o ano 2008 marcou un máximo de emprego antes da Grande Recesión, que non se volvería a acadar no conxunto de España ata o ano 2022 (catorce anos despois que se di pronto). E compre salientar que os niveis absolutos de emprego en Galicia e Euskadi móvense en niveis semellantes, algo por riba do millón de ocupados. 

Pois ben o total do emprego comportouse tanto en Euskadi como en Galicia peor que no conxunto de España nuns dez puntos porcentuais que se traducen en cen mil empregos menos (3). Nos dous casos non se tería recuperado aínda o nivel de emprego previo. Algo que combinado coa caída moi superior do emprego dos máis mozos fai que as probabilidades de emprego nos dous casos non axuden nada ao dinamismo demográfico. 

No total industrial tanto Galicia como Euskadi non recuperan emprego e fano por baixo da media española. A excepción vémola nas actividades da enerxía en Euskadi, pero é un sector que representa un volume absoluto moi pequeno. 

Cando analizamos as distintas actividades que se desagregan polo INE, e farémolo pola orde da súa importancia absoluta, vemos que as de comercio, transporte e hostalería se comportaron mesmo en Euskadi algo peor que en Galicia (sempre respecto da media española). No total industrial tanto Galicia como Euskadi non recuperan emprego e fano por baixo da media española. A excepción vémola nas actividades da enerxía en Euskadi, pero é un sector que representa un volume absoluto moi pequeno (4). 

O conxunto industrial -e as manufacturas en particular- acusan impactos como os que cito e se anotan nunha análise recente (5) «Mercedes, a empresa vasca líder —só superada por Osakidetza, o sistema público de saúde do País Vasco, en termos de número de empregados—, experimentou constantes paradas de produción debido á baixa demanda de vehículos novos en Alemaña, onde tiñan como destino a maior parte das furgonetas producidas na planta de Vitoria-Gazteiz. E cando a economía franco alemá espirra, o País Vasco —como exportador neto a estes territorios— colle un arrefriado», ou ao comprobar “a caída das vendas experimentada cos Estados Unidos —de onde proceden moitas das carteiras de investimento presentes nas empresas vascas— foi aínda maior, do 27 %, afectada pola incerteza económica provocada pola guerra arancelaria desatada pola administración Trump“. 

O seguinte sector en importancia polo volume absoluto do emprego é o dos servizos e sector público. Neste caso Euskadi deixa de manifesto as vantaxes que o seu sistema foral e de concerto económico lle da para manter eses servizos e o emprego asociado, pois a súa evolución supera en vinte puntos o índice de Galicia. De non contar con este compensador o balance vasco sería aínda máis preocupante do que xa é. Un efecto balsámico que se traslada tamén ao grupo doutros servizos (sociais, dependencia, etc.) que tamén se benefician dese financiamento exclusivo en España, para o Estado de Benestar para unha das súas nacionalidades máis ricas. 

As actividades da construción seguen en mínimos (mesmo con investimentos públicos importantes) o que rematará está detrás dun novo shock inmobiliario. Mentres observamos que as actividades inmobiliarias, aínda cun peso absoluto moi reducido, están a ter unha eclosión no conxunto de España pero para nada en Euskadi.  

Xa por último nas actividades financeiras o axuste de emprego medio en España duplícase no caso de Euskadi, mesmo por riba do anotado en Galicia). Sen que o dinamismo de información e comunicacións (nos dous casos por baixo do crecemento medio en España) compense aquela desfeita. Tampouco a agricultura e gandería axuda na boa dirección a evitar un peor balance que no conxunto de España. 

Con estes vimbios técese o cesto total. Reitero: o total do emprego comportouse tanto en Euskadi como en Galicia peor que no conxunto de España nuns dez puntos porcentuais que se traducen en cen mil empregos menos. Nin os recursos do concerto (por exemplo para Finkatuz), nin Kutxabank, nin o complexo de Iberdrola e Repsol (cun neoliberal Josu Jon Imaz (6) partillando con Trump o petróleo de Venezuela) semellan suficientes para coller rumbo (casos Fagor, Talgo, Sidenor, ITP Aero, Euskaltel, Gamesa, etc.) á desnortada economía vasca no medio das dificultades da economía alemá, a emerxencia da China (7) e os cortes de manga dos Estados Unidos. 

Segundo datos de Eurostat a converxencia de Galicia coa media europea (PIBpc) está atascada dende 2014-2023, e a de Euskadi mesmo retrocede lixeiramente do seu nivel envexable. 

Un cesto total no que partillamos un algo -galegos e vascos- o andar desnortados, e un moito o de ser minguantes. Tanto no PIB como, sobre todo, na poboación tal como recollo nunha gráfica para o que levamos de século XXI (2000-2023). 

Fonte: elaboración propia con datos Contabilidade Rexional de España (INE) [ampliar gráfico]

De resultas de todo o anterior segundo datos de Eurostat a converxencia de Galicia coa media europea (PIBpc) está atascada dende 2014-2023, e a de Euskadi mesmo retrocede lixeiramente do seu nivel envexable (8). E segundo os datos da Seguridade Social as cotizacións sobre os pagos de pensións no ano 2024 eran só dun 66 % en Galiza e dun 70% en Euskadi (fronte a un 86% de media no conxunto de España) un indicador moi preocupante para os dous casos, que mesmo se está estragando a maior velocidade en Euskadi (9). O que fai necesarios 3.700 millóns en 2024 para equilibrar as cotizacións e as pensións pagadas (tanto en Galicia como en Euskadi) por ter en ambos casos unha porcentaxe de poboación maior de 65 anos superior á media española (10). 

Son avisos para navegantes galegos que dependemos tamén de empresas globais da automoción europeas en dificultades: unha partillada ameaza. Que tamén partillamos contar con empresas locais que son globais (Iberdrola ou Inditex): unha partillada fortaleza.  

Pero, no que toca as asimetrías, no vector financeiro mentres eles contan co tandem Kutxabank-Goberno Vasco para procurar activar o benestar social e o desenvolvemento empresarial, nós (coa parella A Banca-Xunta de Galicia) temos máis complicado que as duascentas empresas galegas que Antón Baamonde identifica (11) nun recente ensaio teñan o percorrido que merecen. E, non menos importante, que os servizos públicos e sociais galegos non anden de capa caída fronte aos vascos (12). Pode que algo disto explique a moita distancia que hai entre os oitenta mil empregados das cooperativas da Corporación Mondragón e os sete mil do noso Grupo Coren. 

_______________

1 Con 0,45 % eles, mentres nós tíñamos un 0,55 % e a media española medraba a un 1,10 %, o dobre. Nos últimos anos a poboación estivo medrando en Euskadi por riba da de Galicia, pero as dúas por baixo da media española, segundo a Contabilidade Rexional de España (INE).
2 https://www.ine.es/dynt3/inebase/index.htm?padre=10912&capsel=10915
3 En liña cun menor crecemento do PIB entre 2010-2024 dun 1,1% en Galicia e Euskadi, fronte a unha media do 1,3% no conxunto de España, segundo a Contabilidade Rexional de España (INE)
4 De 8 a 14 mil ocupados: Iberdrola, Repsol, Gamesa, …
5 https://zonaestrategia.net/el-ocaso-del-modelo-vasco-cuando-la-industria-ya-no-es-suficiente/
6 Que aconsellaba «ningún Decreto Ómnibus debería preocupar aos investidores para que non sigan apostando por Repsol e Iberdrola», https://zonaestrategia.net/el-ocaso-del-modelo-vasco-cuando-la-industria-ya-no-es-suficiente/
7 Para o caso de Navarra ver aquí: https://gedar.eus/es/kolaborazioak/nafarroa-kontinente-bat-da
8 https://ec.europa.eu/eurostat/databrowser/view/nama_10r_2gdp__custom_19792890/default/table
9 https://www.seg-social.es/wps/portal/wss/internet/InformacionEconomicoFinanciera/InformacionPresupuestariaFinanciera/393/3378/3379/2574/2680
10 https://www.ine.es/jaxiT3/Tabla.htm?t=65286&L=0
11 https://temposdixital.gal/economia/rompendo-moldes-no-debate-industrial-en-galicia.html
12 https://attac.es/bancos-y-fundaciones-las-obras-sociales-en-espana/