A estas alturas xa deberan quedar poucas dúbidas sobre os reais obxectivos do goberno israelí de quenda coa súa ofensiva, en Gaza e Cisxordania antes e, agora, no Líbano. Non deberan quedar dúbidas porque estamos diante de guerras de exterminio, de auténticos xenocidios. O goberno israelí cos seus actos de barbarie desminte calquera xustificación de que actúa en defensa propia e aí están, por se non foran suficientes as imaxes de destrución que nos chegan, as terribles cifras de mortalidade infantil: segundo un organismo tan pouco sospeitoso de extremismo como Unicef, Gaza estase convertendo nun cemiterio de nenos, cuxo asasinato se contabiliza por decenas de miles. Unhas matanzas que se continuaron en Cisxordania e que agora se ampliaron ao Líbano.
Se Israel está cometendo un xenocidio en Oriente Medio, que se pode dicir da actitude da Unión Europea fronte a esta barbarie criminal do goberno de Netanyahu? Que se pode dicir duns gobernos europeos que parecen querer pecha-los ollos, ou mirar para outro lado como, por caso, Venezuela? Porque a verdade, aínda que se trate de ocultar poñendo o foco noutras realidades, é que os gobernos europeos están facilitando a venda de armas a Israel que este utiliza para matar nenos/as palestinos. Un comportamento que supón tamén que a Unión Europea deixou de ser un referente democrático e de dereitos humanos para converterse nunha unión sen alma que prima os negocios, aínda que sexan criminais, sobre a vida das persoas. Por razóns como esta, habería mais como o trato da inmigración, compréndese que a extrema dereita avance imparable.
Como non ía a suceder isto se Europa permanece impasible diante dunha bestial inhumanidade que incluso é quen de organizar cruceiros para que os turistas (maioritariamente xudeus fundamentalistas) poidan ver arder Gaza dende o mar? Porque como denuncia a magnífica Liana Badr, escritora e cineasta palestina, “a actual intervención militar sionista vai moito mais aló dun xenocidio. Esta destruíndoo todo e ese todo abrangue unha concepción ampla da sociedade palestina. Unha sociedade coa que Israel está acabando, dende as mais de 40.000 persoas -a metade delas nenos e nenas- ata os fogares, as universidades, os centros culturais ou museos privados espectaculares”.
“Digámolo moi claro” -continúa Liana Badr- “o goberno de Benjamin Netanyahu é un Goberno de estrema dereita moi extremista con sede de matar” e moitas das armas que usa para a matanza son de orixe europea. Por estas razóns as palabras de paz que repiten moitos dirixentes europeos soan a palabras ocas, baleiras cando non cínicas…porque estas palabras non poden ocultar que a Unión Europea é cómplice do xenocidio que Israel está programando en Gaza, Cisxordania e o Líbano.
Diante deste magnicidio un non pode por menos que sentir menosprezo, no mellor dos casos indiferenza, por moitas das novas que invaden a actualidade política e mediática en Galicia, España e Europa. Soan a frivolidade.