A enerxía en Galicia: unha estratexia para non andar desnortados

| As claves

Unha das dimensións básicas nas que, nun recente ensaio[1], sosteño que Galicia anda moi desnortada é a da enerxía. Por iso é moi de valorar que a CIG teña presentado un documento detallado sobre o particular co título “Bases para unha estratexia galega da enerxía” (no sucesivo citarei: Bases, 2025). De entrada é un acerto falar de enerxía e non só de electricidade, xa que unha estratexia sobre a enerxía é moito máis que unha estratexia sobre o modelo eléctrico do país. Porque o modelo eléctrico depende do modelo enerxético que se defina. Tanto na súa oferta (enerxías usadas) como na súa demanda (destinos das mesmas).

A mala nova é que a estratexia enerxética que propón a CIG se centra na electricidade e case nada no resto das enerxías que producimos/usamos en Galicia. E é unha mágoa porque, como vemos na gráfica que acompaña esta análise, a electricidade só supón a cuarta parte da cuestión enerxética en Galicia.

Fonte: Balance Enerxético de Galicia (INEGA, 2020) páxinas 7 e 27 [ampliar gráfico]

Só nunha páxina deste informe (Bases, 2025: 8) se presenta un cadro completo da enerxía en Galicia, e daquela comprobamos que das 6.536 Ktep usadas (consumo interno) en Galicia en 2020, apenas 2.546 son autóctonas, mentres 4.612 son importadas (case o dobre). As autóctonas son sobre todo enerxías renovables coas que facemos electricidade[2] (hidráulica e eólica sobre todo), mentres que as, moito maiores, importadas son combustibles fósiles (petróleo e gas natural sobre todo) cos que certo é que facemos a cuarta parte da electricidade en ciclos de gas, pero sobre todo son usadas para outros usos non eléctricos (transportes motorizados, industria e calefacción).

Sucede, reitero, que a estratexia que presenta a CIG apenas se centra na electricidade e case nada se fala do resto. E o resto é chave para avaliar a nosa autonomía enerxética e a nosa descarbonización. Pois de acordo co Balance Enerxético de Galicia[3] (INEGA, 2020)  para a electricidade xerada en Galicia só precisamos importar 509 Ktep de hidrocarburos, mentres que para o resto das nosas necesidade enerxéticas precisamos importar nada menos que 7.168 Ktep máis … e disto último non se ocupa esta estratexia (Bases, 2025).

E precisamos falar disto porque se non lle damos a volta -xusto a esa sete mil Ktep- non teremos autonomía enerxética nin descarbonización. E daquela precisamos falar moi en particular das 1.700 Ktep de hidrocaburos para transporte e das 1.300 para uso térmico[4]. Precisamos ver como nos facemos autónomos para  esas 3.000 Ktep de necesidades de enerxía que a día de hoxe non son electricidade (hidrocarburos en boa medida importados), e non só limitarnos a ver como xestionamos as 2.400 Ktep de enerxía eléctrica (en boa medida hoxe autóctona) que é o que fundamentalmente se fai nesta Estratexia[5]. Para conseguilo pode que precisemos algo máis de electricidade (renovable, sobre todo fotovoltaica para autoconsumo), pero sobre todo precisamos consumila doutro xeito se queremos non importar hidrocarburos[6].

Se ese fose o obxectivo para empezar temos que deixar de exportar 900 Ktep de electricidade, pero tamén ver como deixamos de usar hidrocarburos electrificando o transporte (colectivo para pasaxeiros e mercadorías por ferrocarril e tranvía), e como facemos o propio cos usos térmicos (auga e calefacción domestica). E para eso precisamos non estragar electricidade en usos electro intensivos, nin abrir novos mercados electro intensivos de exportación eléctrica (como o hidróxeno verde).

Sobre esas premisas e con toda a actual enerxía eléctrica propia e renovable -sen exportar e sen usos electro intensivos[7]– disporíamos a día de hoxe dunhas 3.000 Ktep de electricidade dispoñible fronte a un consumo interno non electro intensivo[8] (doméstico e servizos) de 700 Ktep, o que nos deixaría dispoñibles máis de 2.000 Ktep eléctricas para cubrir aquelas 3.000 Ktep de hidrocarburos que precisamos substituír no transporte e nos usos térmicos.

Semella que sería un obxectivo manexable a medio prazo[9]. Manexable se non estragamos ese recurso en exportacións de hidróxeno verde, como axeitadamente se defende na Estratexia[10] da CIG. Pero tamén se non exportamos electricidade en bruto, e se non a estragamos en vellos usos electro intensivos.

Poderíamos daquela soster que Galicia deixou de estar desnortada no eido enerxético, que pasou a ser autosuficiente en enerxías limpas (e non só en electricidade), e cunha nota máxima na achega á descarbonización que precisa o planeta. Alguén da máis?

Certo é que isto non poderemos facelo se non é cun sector público da enerxía eléctrica[11] tal como teñen os países máis desenvolvidos da UE (ou tentan facer xa en Euskadi ou Catalunya). Porque falamos dun ben público ou un servizo público (a electricidade, non a enerxía en xeral) (Bases, 2025: 35) e non se entende que iso se acade sen un dominante sector público (Bases, 2025: 38). Sobre todo porque en Galicia, afortunadamente, podemos chegar a facer realidade que a maior parte da enerxía -o 80%- consumida sexa propia en forma de electricidade como veño de argumentar. E, entón si, falar de electricidade sería, case, o mesmo que falar de enerxía.

_________
[1]     “Galicia, un país desnortado e minguante” (Universidade de Vigo, 2024), ver páxinas 54-64
[2]     No ano 2020 (Bases 2025: 10) sabemos que foron 24.213 Gwh totais de electricidade dos que 6.000 foron con hidrocarburos non renovábeis (a cuarta parte); o Balance enerxético de Galicia do INEGA (2020 p. 6) das 2.391 Ktep xeradas de electricidade estima que 509 Ktep foron con hidrocarburos (tamén a cuarta parte), e que daquel total 900 foron exportadas.
[3]     A estratexia da CIG analiza o Balance Eléctrico de Galicia (Bases, 2025: 9 e 11), pero nunca o Balance Enerxético de Galicia
[4]     Si deixamos a un lado as exportacións de produtos petrolíferos e gas natural (que non temos pero importamos), por case 2.900 Ktep; e tamén si deixamos de exportar case 900 Ktep de electricidade; as dúas cifras en (INEGA, 2020: 6)
[5]     O 25,4 % do gráfico que inserimos
[6]     Que suman case o 50% da enerxía do gráfico que inserimos.
[7]     Unhas 500 Ktep (INEGA 2020: 34) que está previsto obterse cuns 2.000 Mwh de nova potencia eólica; Alcoa aparece só nunha páxina en Bases (2025: 36), pero non para suprimir este consumo. No informe do CES (2023) “O sector enerxético galego” anótase (páxina 190) que Alcoa consumía en 2022 uns 3,8 millóns de Mwh dos 15,4 millóns do total galego de electricidade (nada menos que o 25 % do total de Galicia)
[8]     INEGA (2020: 34)
[9]     A “Axenda enerxética de Galicia, 2030” da Xunta de Galicia (2022) considera un obxectivo de cerca do 60 % para o 2030 (páxina 82), mentres que o obxectivo que propoño nesta nota sería do 80 % para o 2040.
[10]   Bases (2025: 24 e ss.) asumido como alternativa de almacenamento o bombeo hidráulico (páxinas 11, 23 e 43) por vez do hidróxeno. Só Maerks consumiría 2.000 Mwh de nova potencia eólica; ver aquí: https://www.libremercado.com/2022-11-03/maersk-quiere-producir-el-10-del-hidrogeno-verde-para-sus-barcos-en-galicia-y-andalucia-6950362/
[11]   https://www.sinpermiso.info/textos/el-colapso-electrico-y-la-mano-invisible
https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/falta-empresas-publicas-fai-do-sector-electrico-espanol-anomalia-union-europea/20250514202529222723.html

En particular sobre as concesións hidroeléctricas proponse (Bases 2025: 11, 38-39 e 47) unha auditoría para saber como están os prazos de cara á reversión ao patrimonio público. Pola miña parte penso que debera reclamarse adaptar as Leis básicas do Estado aos máximos de duración permitidos na UE (ver esta análise), porque segundo a Directiva europea sobre concesións de 2014 (art. 18.2.): “la duración máxima de la concesión no podrá exceder el tiempo que se calcule razonable para que el concesionario recupere las inversiones realizadas para la explotación de las obras o servicios, junto con un rendimiento sobre el capital invertido, teniendo en cuenta las inversiones necesarias para alcanzar los objetivos contractuales específicos”.