Esperpento xudicial e político

  1. Como Pedro Sánchez (“que non é de fiar”) non atende á petición do señor Carles Puigdemont de someterse a unha moción de confianza (que segundo a Constitución española ten que presentar o Presidente de goberno), o seu partido, JxCat (seguindo a senda de PP, Vox, PNV e ERC), anuncia que votará non ao do Imposto ás enerxéticas. Parece claro que unha cousa é a amnistía, na que están de acordo, outro moi distinta que o goberno de quenda (PSOE/Sumar), español por mais sinais, lle meta a man a enerxéticas con domicilio en Catalunya (Repsol, Naturgy, Endesa, Iberdrola): “hai que sacar máis diñeiro de Madrid e non dos petos dos cataláns… en Catalunya páganse demasiados impostos polo que hai que baixalos e facelo de maneira que haxa equidade e xustiza” (Jordi Turull, secretario xeral de Junts per Cat). Claro que a continuación o mesmo señor Turull afirmaba con rotundidade que nunca apoiarían unha moción de censura do Partido Popular.

 

  1. O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz deixa en liberdade a Víctor de Aldama, comisionista da trama Koldo, trala súa declaración voluntaria diante do xuíz Ismael Moreno na que explicaba a súa relación co Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o pago de comisións a distintas persoas entre elas o exministro de Transporte Jose Luis Abalos e o Secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán. Compre lembrar que Víctor de Aldama, que estaba en prisión provisional por un presunto delito de fraude millonaria (182 millón) co IVE de hidrocarburos, está considerado un dos comisionistas do caso Koldo. En base ás declaracións deste delincuente convicto e confeso o portavoz de oposición e líder do Partido Popular, señor Núñez Feijoo, afirmaba que “se confirma que o Goberno apesta a mentiras e corrupción”. Cómpre lembrar que só neste ano que remata o Partido Popular tivo que ver como se lle abrían 30 casos por corrupción e que nos últimos anos 29 cargos directivos do partido tiveron que sentar nos bancos de acusados polas mesmas razóns.

 

  1. Alberto González Amador, a parella da Presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, anuncia accións legais contra o Periodista Xabier Fortes de TVE e os colaboradores Enric Juliana, Luis Arroyo e Pablo Simón por chamarlle defraudador confeso. Anteriormente o señor Gonzalez Amador xa presentara unha demanda contra o Presidente do goberno, Pedro Sánchez, e o Ministro da Presidencia, Félix Bolaños, por referirse a el como “delincuente confeso”. O citado González Amador está imputado polo Xulgado de instrución número 9 de Madrid por dous delitos de fraude fiscal e falsidade documental. Delitos que o señor González Amador recoñece a través dun correo enviado á Fiscalía polo seu avogado ao tempo que ofrecía a vontade do denunciado de chegar a un acordo. Correo ao que respondería a Fiscalía sinalando que “toma conciencia da vontade do seu cliente de recoñece-los feitos e satisfacer as cantidades presuntamente defraudadas”. A fiscalía interpón a denuncia e remítea ao xulgado que a rexistra. De repente entra en acción o Tribunal Supremo anunciando que, a instancias do avogado defensor do imputado, abría unha causa contra o Fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, por un presunto delito de revelación de secretos relativos ao señor González Amador. O mundo ao revés: un sector relevante da xustiza defendendo a un delincuente fiscal defraudador confeso contra a Fiscalía Xeral. Por outra parte, en relación co acusación, sinalar que segundo explica a propia Fiscalía, as informacións contidas na súa nota informativa, que utiliza o avogado para face-la recusación, xa foran sacadas a luz por distintos medios informativos de prensa e programas radiofónicos.

 

  1. O xuíz Juan Carlos Peinado que, a instancias das organizacións ultras Manos Limpias e Hazte Oir entre outras, ten en marcha unha investigación contra Begoña Gómez, esposa do Presidente do Goberno español Pedro Sánchez, polos presuntos delitos de tráfico de influencia e corrupción privada -expediente cuxo arquivo foi solicitado pola Fiscalía xeral diante da debilidade das acusacións-. Na actualidade, e logo de comprobar que efectivamente Pedro Sánchez e Begoña Gómez están casados, que os expedientes de contratación da UTE vinculada ao empresario Juan Barrabés segundo o informes da UCO non presentan probas que confirmen os delitos imputados, que as imputacións de novos delitos, agora de apropiación indebida e instrusismo profesional, tampouco teñen percorrido, este maxistrado, axudado polas organizacións ultras xa citadas anda á procura de novas probas que por fin demostren que, como afirma o señor Núñez Feijóo, “o señor Pedro Sánchez ten un problema coa corrupción… e utiliza a Moncloa como porta de atrás para conseguir fondos públicos”. Mentres o xuíz Juan Carlos Peinado está tamén á espreita de que as partes que actúan como acusadoras se poñen de acordo e nomeen un só portavoz.

 

  1. A Presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Ayuso, moi preocupada pola caída en popularidade e en asistencia dos espectáculos taurinos tal que poden poñer en risco esta festa nacional, vén de aprobar unha subvención (4,5 millóns de euros) para “a promoción e divulgación da festa dos touros” en toda a comunidade. Subvención que se suma a outra de 1,7 millóns para o Premio de Tauromaquia que promove a Fundación Toro de Lidia. Unhas axudas que se anuncian ao tempo que, casualmente, se coñece que a Comunidade de Madrid ten a intención de retirar o financiamento nominativo que viñan recibindo o Museo do Prado, o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza e o Museo Reina Sofía.

 

  1. O president da Generalitat de Valencia, señor Carlos Mazón, co gallo da facer fronte aos desastres provocados polo DINA, e moi preocupado polas familias damnificadas pola gota fría, adopta unha primeira decisión política relevante: nomea un novo goberno que nace “con moitas ganas de acelerar a recuperación tras o DINA. Como mostra desas ganas de traballar o novo goberno valenciano aproba axudas para os damnificadas pola DINA ao través dun decreto no que, casualmente, tamén se inclúe a eliminación do tope salarial para os novos conselleiros. Entre os novos nomeamentos tamén aparece, como director de Relacións con Les Corts, un imputado por suborno no caso Azud ao recibir reloxos de alta gama e outros regalos a cambio de favorece un pelotazo urbanístico en Valencia.