José A. Martín Pallín, maxistrado emérito do TS: “A situación política e xudicial é anómala e un mal sinal”

Vivimos unha situación inédita: a poucos días dunhas eleccións europeas, o xuíz chamaba a declarar como investigada a Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno. Nin sequera esperou a tomar declaración ás testemuñas, e segundo os socialistas rompeu unha “lei non escrita” en relación coa interferencia en procesos electorais...

A situación é anómala ata tal punto que se fixo eco dela prensa dos cinco continentes. Tamén é unha proba da importancia do noso país. O asombro da maior parte da xente non ten límites. Lembremos que se están a producir actuacións xudiciais, estatisticamente comprobables, non só contra a muller do presidente do Goberno, senón tamén contra dirixentes de Podemos: Pablo Iglesias, Irene Montero, Ione Belarra, Ada Colau… Unha infinidade de persoas. E, á vez, outras como M. Rajoy, María Dolores de Cospedal, Esperanza Aguirre e agora Francisco Camps foron exoneradas de calquera responsabilidade e, sorprendentemente, condenados aqueles que chegaron a acordos delitivos con eles. Paréceme que é un mal sinal e non concorda co que debera ser o funcionamento constitucional dos xuíces e das xuízas.

Critícase dende o goberno que as decisións xudiciais interfiran no calendario electoral, pero tamén a forma en que naceu o proceso, a partir dunha denuncia de Manos Limpias e sen actuación de oficio. Falaba vostede de sicofantes non hai moito…

Si, aquelas persoas da antiga Grecia pagadas para denunciar e difamar, que quedaban impunes a maior parte das veces. No noso país, a acción popular que introduciu no século XIX Alonso Martínez foi moi positiva na sociedade do seu tempo, pero chegamos a uns límites onde creo que cómpre, sen prexuízo de mantela porque está na Constitución, regulala e limitala.

A Lei de Amnistía foi aprobada, pero parece que tardará en ser efectiva. Ameaza con ter impacto sobre o inicio da nova lexislatura catalá -escolla dos órganos da Mesa, do president da Generalitat…-. Podemos agardar que se estiren os prazos ao límite para obstaculizar estes procesos?

Concatenáronse moitas eleccións. As primeiras, as de xullo do ano pasado. Aínda non pasou un ano do comezo das negociacións para conformar o actual goberno. Despois, a amnistía causou o rexeitamento incluso en sectores do PSOE, de maneira incomprensible ao meu modo de ver. Era necesario desfacer o disparate xurídico que se cometera condenando uns políticos a trece anos de prisión. Eu espero que se publique o luns ou martes no Boletín Oficial do Estado. Estou seguro de que moitos xuíces comezaran a aplicala inmediatamente. Outros acudirán ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea con moi escaso éxito porque non ten cabida dentro das cuestións prexudiciais. Outros irán ao Tribunal Constitucional, que xa ten xurisprudencia suficiente para dicir que a amnistía é absolutamente constitucional.

Podemos falar de lawfare en España?

Eu son moi reiterativo: o lawfare creouse para derrocar presidentes de goberno como Luiz Ignácio Lula da Silva, Dilma Rousseff, Evo Morales, Rafael Correa, Pedro Castillo en Perú, Fernando Lugo en Paraguai… Esa é a orixe do lawfare, que se estende á persecución de políticos opositores ou gobernamentais, cando se quere favorecer outras opcións políticas máis á dereita ou de extrema dereita. Non me parece desacertado o termo lawfare, pero eu chamaría a isto activismo xudicial.

(A entrevista íntegra publicarase no número de xullo da revista Tempos Novos e en Tempos Dixital en exclusiva para subscritores).