Este pequeno artigo que comeza cunha cuestión organízase en tres partes, arrincando cada unha delas con tres preguntas que o autor lanza ao aire co fin de que o lector ou lectora reflexione sobre elas antes da lectura.
Por que arde Galiza todos os veráns? Por que somos territorio de sacrificio? Hai algún plan intencionado detrás?
Todos os anos, en maior ou menor medida, os incendios forestais son portada habitual nos medios, tanto no verán como nos comezos de outono. Co paso do tempo o número de incendios diminuíu do mesmo xeito que a superficie queimada aumentou. Son os incendios de última xeración, dificilmente extinguíbeis cos medios actuais e que ameazan aos núcleos de poboación e á vida das persoas. Esta clase de incendios son causados fundamentalmente por dous factores: o cambio climático, que nos deixa unha meteoroloxía extrema e cambiante por mor do aumento da temperatura media do planeta, e un territorio rural mal xestionado, cun exceso de biomasa nos montes por mor do abandono ou a existencia de grandes superficies de monocultivo forestal de especies de rápido crecemento (eucalipto e piñeiro). Moitas veces esa falta de xestión vén derivada do déficit demográfico das zonas do interior de Galiza porén, tamén arden áreas próximas ás cidades nas zonas de litoral.

Vida abrollando tralo incendio no monte de Quintela (Castro de Rei) en xullo de 2026 / Arquivo do autor
O rural galego foi e segue sendo un territorio moi produtivo en distintos aspectos. A retirada dos poboadores nativos que aproveitaban os recursos dun xeito sostíbel (ata a Revolución verde) está sendo acompañada pola entrada en xogo de grandes empresas que fomentan o extractivismo no territorio convertendo a Galiza nunha “Terra de sacrificio” (como o título da última novela de Suso de Toro). Inicialmente o concepto de territorio de sacrificio foi definido como aquelas comunidades de baixos ingresos que soportaban unha parte excesiva dos danos ambientais relacionados coa contaminación, os residuos tóxicos e a industria pesada, sendo varias as persoas investigadoras que introducen este concepto naquelas áreas de produción que son sacrificadas, por exemplo, en aras dunha transición enerxética que segue a perpetuar o modelo de xeración de enerxía existente, pero con fontes renovábeis
Fómolo na ditadura coa imposición da construción de centrais enerxéticas (grandes encoros, macrocentrais térmicas e incluso un intento de construción dunha central nuclear) ou coas repoboacións forestais forzosas dos montes veciñais en man común sen contar coa opinión das comunidades usuarias. Mais agora na democracia o despoboamento do rural está ocasionando que Galiza volva a ser territorio de sacrificio coa construción de parques eólicos por todo o territorio, a proliferación de monocultivos (como o eucalipto), ou a extracción de minerais tecnolóxicos, e todo baixo a xustificación das enerxías renovábeis, a economía circular (como no caso de ALTRI) ou a seguridade estratéxica. Só cunha poboación mínima, activa e crítica se pode poñer couto a esas proxectos que, a maiores, pouco ou nada enriquecen o territorio en forma de impostos ou postos de traballo.
A última das preguntas iniciais é, sen dúbida, unha cuestión que a todos nos rolda pola cabeza cando vemos que os responsábeis políticos a nivel galego toman decisións que finalmente son negativas para o noso rural, por moita publicidade que se pague nos medios de comunicación para promocionar este medio. Non teño resposta a nivel científico do mesmo xeito que non se demostrou nunca unha intencionalidade na relación xeográfica entre os incendios do verán de 2025 e posíbeis intereses de extracción mineira. Mais este artigo tamén convida ás persoas lectoras a reflexionar sobre o que se fixo e tamén o que se propón para o rural galego nos distintos programas electorais de cara a unhas eleccións galegas que están á volta da esquina.
Que se está a facer para dar solucións? Tendo en conta a magnitude do problema, por que se obvia o ensino? Que pasou para que os aproveitamentos do medio desapareceran do currículo?
Dende hai anos son comúns foros de expertos/as co fin de analizar o presente e o futuro do rural. Moitos deles son promovidos por empresas privadas, fundacións, administracións públicas ou por institucións académicas, faltando na maioría deles os verdadeiros protagonistas da historia: os habitantes do rural organizados.
Os debates deses encontros falan do problema da vivenda, da mobilidade, da ausencia de servizos públicos de calidade, da diversificación económica máis aló do sector primario, da innovación tecnolóxica (como a conectividade dixital) ou o relevo xeracional. Pero como podemos apostar polo futuro, é dicir, a incorporación da mocidade, sen ter en conta o ensino como unha solución (sabendo que historicamente foi un factor desruralizador de primeira magnitude)?
Sen ter tampouco unha resposta científica á segunda das preguntas deste segundo apartado aventurareime a dar a miña humilde opinión. Porque se para chegar coa fibra óptica á última das casas do rural se moven cantidades inxentes de millóns de euros que benefician ás grandes empresas de comunicación do Estado, se para construír estradas e edificios fan falla grandes cantidades de diñeiro que rematarán nas grandes construtoras, no ensino, sobre todo no público, nada diso fai falla. A segunda das posibilidades pode ser que verdadeiramente interese manter o rural na UCI, nun estado crítico que sexa útil para seguir extraendo recursos sen oposición veciñal e, se arde, pois seguir facendo negocio coa extinción e a reforestación-reconstrución oportuna. Paranoia, conspiracionismo… quen sabe?
Se durante décadas, ata a chegada da democracia, a agronomía entrou nos currículos do ensino obrigatorio co fin último de levar ás casas do rural, a través dos nenos e non das nenas, unha agronomía moderna e industrializada que remataría derivando na denominada “Revolución verde”, a ausencia actual do aproveitamento dos recursos do rural pode ir na liña das elucubracións anteriores, do simple descoñecemento, ou de non sermos conscientes aínda de que o despoboamento e a falta de xestión territorial é hoxe na Galiza o maior dos problemas que temos enriba da mesa, para o que sería preciso un pacto de todas as forzas políticas con representación no Parlamento.
Como afrontar estas competencias no ensino secundario foi o detonante dun traballo investigador que remataría coa defensa dunha tese de doutoramento o pasado mes de xullo na Facultade de Ciencias de Educación de Santiago, da autoría do que escribe e dirixida polo profesor Felipe Trillo.
Que competencias habería que incorporar? De que maneira se introducirían no currículo? Como se incorporarían ás aulas?
A investigación, presentada no marco do programa de doutoramento en Equidade e Innovación en Educación, estudou durante seis anos a maneira de introducir no currículo do ensino secundario galego unhas competencias relacionadas co aproveitamento sostible do medio que previamente houbo que delimitar. Para iso empregouse unha técnica Delphi que consistiu en dialogar con preto de cen persoas expertas, relacionadas cos eidos educativo e rural, mediante cuestionarios reiterados anónimos, para tratar de chegar a certos consensos.
A técnica desvelou o baleiro curricular existente na actualidade, seleccionou un conxunto de 113 contidos culturais relevantes que deberían ser incorporados nas etapas de ESO e Bacharelato, a maneira de introducilos no currículo e incluso as directrices para traballalos nas aulas. Coñecementos como a contorna xeográfica do alumnado, educación ambiental, agronomía (horticultura, fruticultura…), gandaría (apicultura…), turismo e actividades de lecer no rural, alimentación e industria alimentaria, aproveitamento multifuncional do monte ou ferramentas para o medio rural (TIC…), conviven con actitudes e valores e competencias de inserción social, de relación interpersoal, de equilibrio emocional e cognitivas e metacognitivas.

María e Andrea, na Ganadería Fontixón (Castro de Rei), compatibilizan a formación universitaria co traballo na explotación familiar / Arquivo do autor
As persoas expertas optaron por introducir aquelas competencias máis básicas nos currículos das materias existentes, para seren traballadas de maneira conxunta con proxectos interdisciplinarios, mentres que aquelas máis avanzadas deberan de ser traballadas con materias específicas obrigatorias e optativas.
Os mellores cursos para a introdución das anteriores competencias foron por orde de preferencia: 4º da ESO, 3º da ESO e 1º de Bacharelato, optando por metodoloxías activas baixo un modelo de aprendizaxe baseado en competencias e ligado á contorna que rodea ao alumnado. A maiores, o estudo tamén recolleu unha serie de boas prácticas relacionadas co aproveitamento dos recursos dun xeito sostíbel no ensino, tanto no pasado como no futuro.
Se nun pasado a incorporación ao ensino dos aproveitamentos do medio estaban ligados case en exclusiva á agronomía para modernizar e industrializar o sector, a proposta que se recolle no estudo pasa por introducir unhas competencias máis amplas, derivadas dun rural que na actualidade é economicamente máis diverso, dende un punto de vista sostíbel, aliñado coas directrices ambientais internacionais como a Axenda 2030 ou incluso o decrecemento.
Mario Outeiro é director do IES Pedregal de Irimia e profesor da USC





