Sobre as idas e voltas do chamado gravame temporal enerxético conta a prensa española: “El Gobierno apostó por mantenerlo y modificarlo, entre otras cosas con un cambio en su naturaleza —no entró en vigor como un tributo, sino como una prestación patrimonial de carácter no tributario, que es una especie de compensación— y la introducción de deducciones por inversiones en renovables. El objetivo: convencer a sus socios más escépticos, en particular el PNV —grandes compañías como Iberdrola o Repsol tienen vinculación con el País Vasco—, y despues Junts”. Semella que electricidade, renovable, eléctricas e nacionalidades xogan aquí unha partida de póker.
Da ascendencia das empresas enerxéticas sobre os Gobernos da Moncloa sabemos polas cadeiras xiratorias. Tamén sabemos que Iberdrola, Repsol ou Naturgy contan moito en Euskadi e non menos en Catalunya. Con moitos beneficios caídos do ceo (da auga dos ríos ou do vento dos montes) e moi asociados á descarbonización. E son quen de facer que PNV ou Junts tapen o nariz e voten xunto cos que din querer ilegalizalos (Vox): contra do imposto eléctrico. Ao facelo practican o patriotismo eléctrico versión 1.0 “a la madrileña”: os ricos non pagan impostos. E súmanse ao PP.
Pero supoñamos que o imposto sae adiante (de momento está no BOE só cos votos de Bildu, ERC, BNG, Podemos máis a coalición PSOE-Sumar). Interésame discutir como distribuír os miles de millóns recadados pois sabemos que o PNV forzaría reter o seu cento por cen das empresas eli domiciliadas (concerto dixit, disposición adicional segunda do BOE) e Junts non pasaría por menos diso ou dunha ordinalidade -que se di agora- segundo o PIB (ou co truco dos investimentos en hidróxeno “renovable”, artículo 7..a). Sería o patriotismo eléctrico versión 2.0.: é a nosa riqueza empresarial, son os nosos impostos.
Como queira que ultimamente semella de caixón que non se pode modificar a ordinalidade ou posición e peso que cada quen ocupa en termos de PIB dentro do Reino de España (para ceder recursos a outros territorios, ou para recibir investimentos públicos) podería suceder que do recadado por este imposto rematase así chegando a Madrid un 20 % do total, a Catalunya un 19 % e a Euskadi un 10 % do total. Co que as tres CC.AA. máis ricas quedarían con 50 % do total. Para así respectar a ordinalidade e o peso do seu PIB.
Por tal motivo creo que ten moito interese comparar dende Galicia a “ordinalidade” de cada nacionalidade ou rexión española en termos de PIB coa resultante da súa cota as achegas a renovables (e polo tanto á descarbonización) do conxunto do Reino de España. Recollo os casos extremos no seguinte recadro.
Porque se a ordinalidade na distribución territorial do recadado por este imposto viñese definida pola achega que cada nacionalidade ou rexión fai (non á riqueza ou PIB) senón a electricidade renovable e á descarbonización as cousas deberan ser moi de outro xeito. E non me parece de tolos facelo así.Aquelas tres máis ricas deberan pasar a recibir só o 6 % (e non o 50 % en función do PIB). Cinco veces menos. Mentres que as cinco da parte inferior (as dúas Castelas, Estremadura, Aragón e Galicia) deberan recibir o 67 % do recadado e non o 20 % que será o que suceda coa ordinalidade do PIB. Máis do triple. Para Andalucía tanto conta un como outro criterio.
Galicia duplicaría o recibido de ter en conta o peso do PIB a ter en conta a achega eléctrica renovable, mentres Madrid de ser o máximo perceptor pasaría a non recibir nada, e Catalunya a cuarta parte. Sen comentarios.
Remato. O patriotismo eléctrico v 1.0 de Junts e PNV procura un primeiro óptimo dándolle unha amnistía fiscal as súas eléctricas (o PP e Vox, of course, a todas as eléctricas), pero moito me temo que, de non conseguilo, farán que sexa indiscutible que o reparto do imposto sobre esas empresas se faga segundo a orde no PIB e as súas bases fiscais en cada territorio, e non pola achega de cada territorio aos chamados beneficios caídos do ceo das enerxías verdes. Patriotismo eléctrico v 2.0. Dende Galicia: unha estafa impresionante.