Vén de publicarse un libro útil para clarexar a evolución do capitalismo financeiro español dende o final da guerra civil ata a actualidade [1]. No caso de Galiza reitérase nel o protagonismo de Fenosa e do Banco Pastor no capitalismo español, como comparsa e beneficiario da ditadura franquista, ata a súa final abdución pola gran banca española (Santander e Popular) (2026: 41, 256).
Tamén destaca o chamado “Clan de Ribadeo” (2026: 149-152) por ser a orixe e lugar de veraneo dos Calvo-Sotelo (Renfe, Rio Tinto, Urquijo) ou Del Pino (Ferrovial). Que se fusionará coa rede social de La Dehesilla (2026: 151 e ss.), de moi amplo espectro empresarial (Entrecanales – Acciona) e político-tecnocrático tanto do PP como do PSOE. Persoeiros e empresarios dun capitalismo centrípeto español sempre subordinado aos sete grandes bancos do país (Santander, BBV, Hispano Americano, Central, Banesto, Popular e Urquijo) (2026: 222).
É rechamante que non figure nesta documentada crónica do capitalismo español nin Inditex nin Amancio Ortega, unha anomalía sintomática dada a xigantesca dimensión da ausencia (falamos da empresa hoxe de maior peso dun IBEX35 posto a andar no ano 1992).
Certo é que na primeira edición do libro que cito -de hai sete anos- aínda se anotaba que Inditex contaba dende 1997 con Carlos Espinosa de los Monteros (Iberia, Mercedes) no seu consello (2019: 151). Reforzando en 2005 a súa ancoraxe coas redes capitalistas de poder españolas coa fichaxe de Pablo Isla, que sería CEO, vicepresidente e presidente do grupo (entre 2005-2022), relevando a José María Castellano. Mesmo hoxe mantendo dous conselleiros vinculados ao Banco de Santander.
Un Pablo Isla que antes fora, non por casualidade, Director Xeral de Patrimonio do Ministro Rodrigo Rato (todo un padriño como se foi vendo) e logo presidente de Logista (empresa resultado da privatización de Tabacalera por ese mesmo Ministro en 1999). Só será grazas a Pablo Isla que se cite Inditex unha única vez nesta segunda edición do ensaio (2026: 291), confirmando así que Isla e Espinosa concretan a ancoraxe funcional de Inditex nas redes de poder do castizo capitalismo español.
É a mesma lóxica que lle permite figurar ao galego Mario Conde na crónica das guerras bancarias celtibéricas ata en dez páxinas deste ensaio, ou mesmo a un Eduardo Barreiros -un perdedor na capital centrípeta- “de origen gallego” (2026:111 e 150). Perdedor fronte ao imparable ata hoxe imperio norteamericano. Volverei ao final sobre isto do imperio e os motores de combustión.
Toda unha abraiante desfeita do potencial control dos recursos naturais, enerxéticos e financeiros de Galicia por un desnortado capitalismo autóctono (nada que ver co chinés).
Nin de Amancio Ortega nin de José María Castellano hai rastro nesta crónica. Nin por Inditex nin tampouco polo seu papel crucial en apostas que, non por casualidade, serán resoltas en favor do sistema español: a absorción de Fenosa por Gas Natural (agora Naturgy-Caixabank) previo paso polo Santander, e a compra das Caixas galegas (por Escotet – Abanca) ou do Banco Pastor (polo Banco Popular e logo polo Santander).
Toda unha abraiante desfeita do potencial control dos recursos naturais, enerxéticos e financeiros de Galicia por un desnortado capitalismo autóctono (nada que ver co chinés). Por iso é sintomático que ningún destes procesos ocupe espazo de seu na crónica de Villena. Desfeita na que o Banco de España será crucial para a lóxica deste proceso de concentración financeira (BSCH, Santander, Caixabank), xunto con Pedro Solbes, Mariano Rubio e outros tecnócratas do coñecido como “Clan de la Dehesilla”. Abdución neoliberal subordinada ao capitalismo financeiro español, mesmo con xestores de gobernos presuntamente de esquerdas. O que o noso autor describe como “influencia bancaria preponderante en la política” (2026: 340-342).
Tamén é certo que “dominamos como galegos”: pois Fraga e Rajoy suman nada menos que trinta entradas no índice analítico deste libro. Unha parella de simpáticos e chocalleiros serenos galegos do IBEX35.
É así que aparecen con normalidade nas súa páxinas Convergencia i Unió, Esquerra Republicana ou o Partido Nacionalista Vasco … pero non o Bloque Nacionalista Galego. Vese que Galiza é un espazo provinciano funcional do capitalismo IBEX35 español, mentres que Catalunya i Euskadi son tratadas como nacionalidades capitalistas de seu (2026: 126-134).
Así se tecen as elites internas que dominan España e de rebote -comprobado que queda fora do relato Inditex (e Abanca)- confírmase por omisión que as elites que dominan Galicia son as do conxunto de España (mesmo coas vascas e catalás dende Iberdrola-Kutxa a Naturgy-Caixabank). As veces con executivos “de origen gallego”.
Tamén é certo que “dominamos como galegos”: pois Fraga e Rajoy suman nada menos que trinta entradas no índice analítico deste libro. Unha parella de simpáticos e chocalleiros serenos galegos do IBEX35.
*
Pero as elites que dominan España que veñen de ser relatadas quedarían incompletas se non as integramos na súa crecente subordinación (dende hai décadas) aos grupos dominantes do capitalismo financeiro global, hoxe comandadas polos Blackrock e Vanguard Group norteamericanos e dos emiratos fósiles. Sendo así que nos eidos enerxéticos, financeiros ou do dixital -entre outros- a nosa dependencia exterior é case absoluta. E non digamos no do automóbil no que vou centrar agora a miña atención. Falamos dunha galopante globalización.
Sucede que dende a Grande Depresión ou crise financeira do ano 2008 -e máis dende a pandemia de 2019- a crecente presencia comercial e produtiva do capitalismo de estado chinés supón un desafío global ao vello orde mundial.
Sucede que dende a Grande Depresión ou crise financeira do ano 2008 -e máis dende a pandemia de 2019- a crecente presencia comercial e produtiva do capitalismo de estado chinés supón un desafío global á vella orde mundial [2]. Un desafío que está a provocar como reacción defensiva unha ruptura -con fortes barreiras arancelarias e tecnolóxicas- dende a banda norteamericana, provocando unha crecente inestabilidade comercial e enerxética global.
O crucial sector do automóbil en España non vai ser alleo a esta dinámica ao coincidir co cambio da combustión en favor da electricidade (non sempre renovable).
E así que estes días asistimos ao inicio da aterraxe dun investimento estatal chinés para a ensamblaxe de vehículos eléctricos para os mercados europeos no Ferrol. Nunha planta que se sumaría en Galiza á de capital europeo (franco-italiano) en Vigo para vehículos de combustión, que ven operando dende 1958, tamén para os mercados europeos e globais. A súa dimensión inicial semella vai estar nos 120 mil vehículos ao ano con dous mil traballadores, moi por baixo dos 550 mil que hoxe saen da planta de Vigo con seis mil traballadores. Cifras que non se explican pola demanda española ou galega, e sobre as que poucas dúbidas hai de quen vai ser emerxente e quen minguante.
Sobra dicir que de non haber unha guerra aberta defensiva dos vellos globalizadores estes produtos seguirían a facerse na China, onde xa viñan fabricándose os máis de 300 mil vehículos MG vendidos na UE no ano 2025.
Se no seu momento (a vella globalización) a posición portuaria de Vigo explicou a chegada de Citroen -xunto coa dispoñibilidade de enerxía eléctrica- non o vai ser menos agora para a planta de SAIC-MG no Ferrol. Xa non tanto pola distribución na UE dos coches senón polo aprovisionamento de compoñentes e software que neste sector superan o setenta por cento do valor do producido [3].
Sobra dicir que de non haber unha guerra aberta defensiva dos vellos globalizadores estes produtos seguirían a facerse na China, onde xa viñan fabricándose os máis de 300 mil vehículos MG vendidos na UE no ano 2025. Pois os automóbiles eran unha excepción sectorial -de momento- a hexemonía manufactureira chinesa no mundo.
Sucede que o capitalismo de Estado chinés xa é moito maior, dinámico e estratéxico que o capitalismo financiero occidental. Porque nas decisións das empresas non mandan os bancos, e porque -por riba- nos bancos manda o Estado. E non digamos se a empresa é pública.
Claro que SAIC-MG non é máis que un primeiro exemplo, pois derivados do cumio Xi Jinping – Pedro Sánchez do pasado mes de abril están á espera outras plantas: en Aragón de Faw Hongqi, en Madrid de Leapmotor; tamén de Changan, BYD ou Geely en Aragón, Catalunya e València; ou a fábrica de baterías CATL (con Stellantis) en Zaragoza. Toda unha remuda global das oligarquías occidentais do automóbil en España.
Claro que a subordinación das nosa elites ao imperio financeiro-militar global dos EE.UU. pode tirar por terra os proxectos de SAIC-MG no Ferrol e outros chineses -como os citados- que lle poderían seguir. Como xa sucedeu no eido dixital e do big data con Huawei (e moito antes lle pasara a Barreiros).
Se así fose confirmaríase que a lóxica da vella globalización capitalista é hoxe inviable [4] (como xa sucede na IA). Encaixaría nisto o nada casual e recente tsunami-filtrador-dixital-imperial contra o tandem seica “pro-chinés” Zapatero-Sánchez.
______
[1] Andrés Villena “Las elites que dominan España” (Libros del K.O., 2026), cito como (2026: páxina); hai sete anos publicara a primeira edición (Roca, Barcelona) que citarei como (2019: páxina)
[2] Ocúpome deste asunto no meu ensaio “El regreso de China. La globalización imposible” (Universidade de Vigo, 2025).
[3] Ver Prada, A. (coord.) “Globalización, competencia e deslocalización. Perspectivas dende Galicia” (Xunta de Galicia, 2007, ver páxinas 122-133.
[4] Claro que hai outras posibilidades: https://www. sinpermiso.info/textos/guerras-comerciales-y-sociedad-decente








