Eleccións xerais e vivenda

| As claves

02/10/2026. As dereitas (PP, Vox, JxCat e UPN) tomban os dous decretos sobre vivenda presentados polo goberno de progreso (PSOE+Sumar) e que contaban co apoio dos partidos progresistas (BNG, ERC, Bildu, Compromis, Más Madrid). Un resultado que non debera sorprender se atendemos ás declaracións feitas o día anterior por organizacións empresariais que representan a oligarquía financeiro-inmobiliaria española. Por unha parte, Antonio Garamendi, presidente da CEOE -organización maioritaria entre os empresarios-, preguntado directamente polos dous reais decretos de vivenda aseguraba que el “votaría non a ambos decretos” e pedía aos partidos do Congreso que votaran en contra. Pola súa parte, o Banco de España, sempre tan preocupado polos intereses da grande banca, alertaba sobre “os efectos indesexados” dos citados decretos, mentres a grande banca, non directamente senón por medio da prensa que subvenciona, levaba días cargando contra os decretos “por ser totalmente irresponsables”. Pola súa parte, o presidente de Foment del Treball, o señor Sánchez Llibre, tamén cargaba contra os decretos porque, segundo el, “perseguen de xeito encuberto socializar a propiedade privada”, e advertía de que “non aportarían unha solución real ao problema habitacional”. Logo destas declaracións xa non quedaba ningunha dubida de cal ía ser o voto no Parlamento español tanto de PP e Vox como de JxCat.

Se facemos caso a estas enquisas, os decretos do goberno sobre a vivenda non só contaban con un amplísimo respaldo entre o electorado de esquerdas e os inquilinos, senón tamén entre as dereitas e os caseiros.

En defensa dos decretos gobernamentais non só estaban as forzas políticas progresistas do Congreso senón que, se facemos caso a moitas das enquisas feitas nestes días, unha maioría da poboación tamén o estaba. Así “o 67,5% dos enquisados -incluíndo a maioría dos votantes non so do PSOE (82,6%), Sumar (95,8%) e Podemos (85,4%), pero tamén do PP (56,5%) e Vox (55,2%)- están a favor das políticas de limitación de prezos. Ademais, os que pensan que só o mercado debe establecer os prezos sen que o Estado interveña, aínda que isto limite o acceso a vivenda, quédanse nun 21,7%”. Entre un “70 e un 75% está de acordo ou moi de acordo en aprazar os desafiuzamentos a persoas vulnerables, regular os prezos dos alugueres e poñerlles topes anuais”. Se facemos caso a estas enquisas, os decretos do goberno sobre a vivenda non só contaban con un amplísimo respaldo entre o electorado de esquerdas e os inquilinos, senón tamén entre as dereitas e os caseiros.

Evidencias que nos indican que un sector do Parlamento español (PP, Vox, JxCAt, UPN) non respectou un sentir amplamente maioritario da poboación, especialmente da máis afectada pola situación da vivenda. Que optou por seguir as consignas da oligarquía financeiro-inmobiliaria (bancos, fondos de inversión, grandes construtoras).

Que vai pasar agora no mercado da vivenda? Que as cousas seguirán mais ou menos igual: continuarán os desafiuzamentos, a especulación e a inflación de prezos, a parálise na promoción pública de vivenda, e os fondos voitres seguirán voando con total liberdade porque a vivenda continuará sendo un activo especulativo mentres moitos/as mozos/as terán que, no mellor dos casos, seguir vivindo cos seus pais por non poder pagar unha vivenda. Máis concretamente, que “cinco millóns de españois deixarán de estar protexidos pola prórroga de dous anos dos seus alugueres”, que “8,4 millóns de inquilinos verán incrementados os prezos” e que “aos fogares españois lle custará 626 millóns de euros”.

Que supón isto para o goberno de progreso? Os partidos do goberno (PSOE e Sumar) non deberían flaxelarse. É certo que veñen de sufrir unha derrota parlamentaria moi dolorosa e politicamente importante, pero tamén non é menos certo que é unha derrota doce pois foi defendendo un dereito fundamental da cidadanía (o dereito á vivenda) e que na derrota o goberno non estivo só, pois tivo socios políticos relevantes (BNG. Bildu, ERC, Compromis…).

05/10/2026. Pedro Sánchez vén de convocar eleccións xerais para o 29 de novembro. As razóns parecen claras: “para facer máis precisamos ampliar o apoio da xente, debemos mobilizarnos e lograr que o Parlamento nos dote dunha maioría máis ampla progresista”. Difícil rebater este argumento. Pedro Sánchez cédelle agora a voz a cidadanía e esta debe decidir se quere que un novo goberno, pero agora con mais forza política, siga avanzando en progreso social, benestar e igualdade ou lle dá o poder a aqueles que nos queren meter nun negro túnel no que aniñan o odio, o enfrontamento, a falta de liberdades, a desigualdade, e o retroceso social. Que, por caso, a oligarquía financeira-inmobiliaria e os fondos voitres sigan controlando o mercado da vivenda en España.