Efemérides democráticas

Tal día coma hoxe -20 de novembro- pero hai cincuenta anos morría -na súa cama- un dos ditadores mais crueis e sanguinarios do século XX: Francisco Franco. Tal día coma hoxe -pero hai cincuenta anos- millóns de cidadáns dos pobos de España oscilabamos entre unha inmensa alegría e un gran temor.

Un temor a que a pesar da morte do ditador as forzas escuras que alimentaron e defenderon ese réxime de terror -o exército, as forzas de seguridade, a Igrexa católica, as grandes fortunas, a maioría dos medios de información privados e públicos- conspiraran para impedir que, por fin, chegara a democracia e puidéramos ser libres.

Unha grande alegría porque a figura -Francisco Franco- que mantivera unida a esas forzas escuras durante case corenta anos por fin morrera e cabía esperar que esa morte permitiría que en España se abriran por fin as grandes alamedas da liberdade como pasara en moitos outros estados europeos.

Temor e alegría que camiñaban da man dunha gran desconfianza cara ás reais intencións do monarca que impuxera o franquismo como Xefe de estado: Juan Carlos de Borbón. Non cabía outra sensación dados os precedentes, pois estabamos diante dun aristócrata que se educara na escola franquista, que mostraba un claro espírito militar, que nunca dera sinais de ter un pensamento democrático pero si de ser dunha grande fidelidade a o ditador. Un aristócrata do que se rumoreaba, como logo se comprobaría, que era moi amante da boa vida e o luxo e sobre cuxas auténticas ideas democráticas cabían serías dúbidas, como logo se comprobaría co intento de golpe de estado militar do 23 de febreiro de 1.981 no que o papel do monarca está cada ano que pasa mais en cuestión.

O tempo daríanos a razón ás nosas desconfianzas. Pronto se comprobaría que a garantía dunha saída democrática á ditadura franquista só era posible mediante unhas grandes mobilizacións populares que deran forza social ás ansías de liberdade e democracia da maioría dos cidadáns. Como así o poden demostrar as hemerotecas durante a década dos anos setenta, antes e despois da morte do ditador, foron continuas as mobilizacións populares impulsadas polos partidos e sindicatos democráticos, polas organizacións estudantís e as diferentes asociacións civís. Mobilizacións populares que serían a auténtica e segura garantía dunha transición á democracia e de que non se produciría unha continuación do réxime franquista.

Non se pode entender a gran vitoria do PSOE nas eleccións xerais do ano 1982, que axudaría a consolidar definitivamente a democracia, sen estas mobilizacións froito das grandes ansías de liberdade e democracia que a maioría dos cidadáns dos pobos de España tiñamos neses anos. Tampouco sen elas sería posible que a democracia española, a pesar dos déficits que aínda permanecen, fora a democracia consolidada que é hoxe en día e que, grazas especialmente ao actual goberno de progreso, avance en benestar social e en liberdades democráticas.

Un apunte final. O tempo e os acontecementos transcorridos deberan servirnos á maioría dos cidadáns dos pobos de España para ter claro que só a través da mobilización e a conciencia cidadás poderemos seguir avanzando. Unhas mobilizacións, hoxe por hoxe, imprescindibles porque as forzas escuras que nos queren retrotraer ao pasado seguen aí, coas forzas renovadas e en practicamente toda Europa. A democracia e a liberdade non as regalan senón que hai que conquistalas e día a día. Por todo iso e ao tempo que celebramos esta efemérides non debemos adormecer porque a besta, da que falaba Bertolt Brecht, segue aí ao asexo.