De xeito esquemático -e sobre todo visual- vou a ocuparme moi brevemente dalgúns asuntos que considero centrais para, na miña opinión, concretar algúns dos puntos e á parte que o Presidente do Goberno prometera pór enriba da mesa despois de pasar uns días considerando a súa eventual renuncia.
Son asuntos que teñen que ver con desequilibrios de fondo do noso sistema económico e que non son os recorrentes de déficit, débedas e axustes nas contas públicas. Todos eles foron seleccionados dos últimos números dun informe clásico sobre a nosa situación económica.
En primeiro lugar sobre a situación da nosa xuventude confírmase que nunca estivo tan cualificada para ocupar un emprego especializado. Pero tamén que os empregos que efectivamente ocupan están por baixo da cualificación que teñen. Nesta sobre cualificación marcamos con Grecia o máximo europeo. Algo que sen dúbida os empurra cara á emigración na procura dun mellor axuste entre o seu traballo e a súa cualificación. E, como non, cara a unha percepción de fracaso e de tomadura de pelo colectivo da que espelidos telepredicadores sacan partido mediático e político.

Taxa de sobrecualificación nas persoas entre 20 e 34 anos. Fonte: FUNCAS – Cuadernos de Información Económica 2024 (n.º 299, página 7) [ampliar gráfica]

Renda real dispoñible para o colectivo 16-29 anos. Fonte: FUNCAS – Cuadernos de Información Económica 2024 (nº 299, página 22) [ampliar gráfica]
Só vinte de cada cen vivendas están alugadas no Reino de España fronte a máis do dobre en Suíza, Alemaña, Dinamarca, Suecia ou Austria. Esa escasa oferta, xunto a aqueles ingresos en declive, explicarían que os mozos que teñen que vivir na casa dos pais multipliquen por cinco a porcentaxe dos que o fan naqueles países, como se observa na gráfica que vai de seguido. Pois os alugueiros van andar polas nubes e máis en certas áreas do país como veremos máis adiante.

Densidade do parque de vivenda en alugueiro e porcentaxe de xoves (25-34 anos) que viven cos seus pais, 2022. Fonte: FUNCAS – Cuadernos de Información Económica 2023 (n.º 296, página 27) [ampliar gráfica]

Vivenda principal en propiedade. Fonte: FUNCAS – Cuadernos de Información Económica 2024 (n.º 298, página 23) [ampliar gráfica]

Chegada de turistas internacionais a España. Fonte: FUNCAS – Cuadernos de Información Económica 2023 (n.º 297, página 54) [ampliar gráfica]
E, ¿como van os outros motores da nosa economía?. Vou a mencionar e concretar só dous factores determinantes de que nas actividades produtivas alleas ao turismo as cousas non corren como deberan. O primeiro a evolución do investimento en bens de equipo, maquinaria e melloras tecnolóxicas que, como observamos noutra gráfica, se move por baixo e de xeito preocupante verbo da media europea. Un factor determinante da produtividade económica. Que a condiciona en moita maior medida que unha cualificación laboral que vimos de ver que non é o problema.

Formación bruta de capital en bens de equipo. Fonte: FUNCAS – Cuadernos de Información Económica 2024 (n.º 298, página 4) [ampliar gráfica]
Un problema de fondo (crecentes beneficios que non se invisten na empresa) que se comproba en especial para un tipo de investimento das nosas empresas que se rotula como en “intanxibles”: os que teñen que ver con hard e soft dixital, I+D, imaxe de marca, deseño, etc.

Ratio de investimento en intanxibles/VAB, 2020. Fonte: FUNCAS – Cadernos de Información Económica 2024 (n.º 298, páxina 37) [ampliar gráfica]
De xeito que perdendo factores de competitividade nas actividades non turísticas, e dependendo máis a cada paso destas, é improbable que poidamos solucionar os graves problemas de emprego cualificado e de acceso á vivenda dos nosos mozos. Un círculo vicioso no que non vai ser doado poñer un punto e á parte. Provocando unha corrosión social que, combinada cunha pulsión publicitaria extrema ao consumismo desaforado, de non corrixirse con rotundos puntos e á parte, pode levarnos a caer nas mans de mesías e tele predicadores… dun capitalismo aínda máis salvaxe.