E agora, que? Quen repara o dano causado?

Que en España hai unhas dereitas políticas, xudiciais e mediáticas que conspiran contra a democracia está fora de toda dúbida, e abonda con analiza-las súas actuacións para ver con claridade que esta ofensiva totalitaria existe. Nestes días tivemos unha nova evidencia cando o maxistrado Juan Jose Escalonilla, logo de tres anos de infrutuosas  investigacións contra Podemos e as súas finanzas, ten que arquiva-lo caso coñecido co nome de Neurona por falta de probas. Pola súa parte a Audiencia Provincial de Madrid rexeita o último recurso co que Vox combatía as decisións do citado maxistrado.

O caso Neurona puxo en evidencia algúns dos métodos que estas dereitas utilizan para acabar cos políticos e os partidos de esquerdas. Métodos que nalgún xeito son parecidos aos que durante a Republica de Weymar empregou o partido nazi na súa campaña de acoso e derribo daquela república con notable éxito. Moitos anos mais tarde sería Donald Trump quen utilizaría uns métodos parecidos durante a súa campaña electoral, sendo Hillary Clinton a rival a bater, cun resultado, como sabemos, tamén favorable. Agora estamos vendo en España un particular formato posto en marcha inicialmente por Vox pero ao que rapidamente se sumou o PP e que está colectando éxitos importantes, como foi a práctica liquidación política de PODEMOS.

Sigamos o percorrido do expediente Neurona para así visualizar o método. En abril do 2020, Podemos entra no goberno español, ocupando cargos tan relevantes como unha Vicepresidencia e 5 ministerios, logo de que nas eleccións xerais de xuño de 2019 obtivera mais de 3 millóns de votos, situándose así como un piar relevante do novo goberno. Poucos meses más tarde (xullo), un antigo empregado de Podemos, que fora despedido por acusacións de acoso sexual a empregadas da organización, denuncia a esta organización por financiamento ilegal. Denuncia que resulta inmediatamente admitida, sen investigacións previas, polo xuíz do Xulgado número 42 de Madrid, Juan Jose Escalonilla, que xa era famoso por casos previos relacionados tanto con CCOO como con Manuela Carmena cando era alcaldesa de Madrid (como se pode ver, do mundo das esquerdas). O xuíz abre dilixencias previas por delitos graves como financiamento irregular, falsidade documental e delito electoral. Dentro do citado expediente o xuíz abre tamén varias liñas de investigación ao tempo que admite ao Vox como acusación popular na causa. Ao tempo que nega a necesaria información aos “acusados” para que estes puideran defenderse, o xuíz cita a declarar a un número elevado de persoas e solicita numerosa documentación que, en moitos casos, non ten nada que ver coa administración de Podemos.

Unha organización apenas coñecida, pero que se presinte ligada á extrema dereita […] lanza unha acusación sen probas pero suficiente para que un xuíz a admita a trámite e abra un expediente […] sen que os acusados saiban moi ben de que se lles acusa, algo que non sucede cos que se suman á acusación que aparecen sempre perfecta e puntualmente informados.

Paralelamente os medios de información e comunicación ligados ás dereitas inician unha campaña de desprestixio de Podemos en base a titulares con acusacións, sen probas, de financiamento irregular desta organización, onde aparecen desde Venezuela ata Irán. Campaña que dura catro anos (2020-2024) dado que o xuíz, como sucede en moitos casos parecidos, mantén o expediente aberto a pesar de non aparecer probas suficientes que confirman as acusacións de “financiamento irregular, falsidade documental e delito electoral”.

A destacar o comportamento que durante todo este tempo de acoso e derribo de Podemos tiveron os seus socios de goberno, tanto o PSOE como o sector ligado a Izquierda Unida, que se dedicaron a mirar para o outro lado cando non a sorrir na infantil crenza de que sairían beneficiados dos problemas dos podemitas. Tremendo erro como estamos vendo agora (“foron polos xudeus e como eu non era xudeu, non fixen nada. Logo…”).

A brutal campaña (mediática, xudicial e política) de acoso e derribo de Podemos, sumada aos indiscutibles erros dos dirixentes desa organización (non maiores que outros), tivo os froitos apetecidos e como é ben sabido, Podemos divídese, aparece Sumar e experimenta unha grande perda de apoio electoral que o retira do goberno e o converte nunha forza política de escasa influencia. A campaña de acoso e derribo de Podemos conseguira os seus obxectivos. Unha vez logrados, o xuíz Juan Jose Escalonilla pecha o expediente (2024) por falta de probas, sen que os medios que foran protagonistas de campaña de difamación recoñeceran os seus erros e loiadas.

Agora tócalle a quenda ao PSOE, visto que Sumar non suma. Pedro Sánchez e o seu entorno pasan a ocupar o lugar que antes ocuparon Pablo Iglesias e os seus nesta campaña de acoso e derribo da “caverna” cuxo auténtico obxectivo é rematar co goberno de progreso e as súas reformas. O método volve ser o mesmo: unha organización apenas coñecida, pero que se presinte ligada á extrema dereita (e financiada non se sabe moi ben por quen) lanza unha acusación sen probas pero suficiente para que un xuíz a admita a trámite e abra un expediente, que se vai ampliando ao tempo que se solicitan multitude de documentacións, o que axuda a prolongar “sine die” o proceso, sen que os acusados saiban moi ben de que se lles acusa, algo que non sucede cos que se suman á acusación que aparecen sempre perfecta e puntualmente informados. Ao tempo, os medios afíns non cesan na súa campaña de desprestixio e trolas que buscan deteriora-la imaxe dos “acusados” porque o obxectivo, o punto de mira, non son as accións do goberno de quenda senón os dirixentes políticos mais relevantes. Campaña que consegue deteriora-la imaxe e o apoio do goberno de quenda no momento no que o xuíz do caso pecha o expediente, una vez que este conseguiu o resultado que se buscaba.

Para rematar, simplemente unha pregunta: e agora, logo de que se demostrara que era falsa a acusación de “financiamento irregular, falsidade documental e delito electoral”  a Podemos, quen asume responsabilidades’, quen repara os danos ocasionados? Quen recoñece os seus erros? Repararan as esquerdas en que cando “a caverna” ataca a unha delas está facéndoo a todas?. Lembremos que este caso non é o único, senón que se amplía a outros/as dirixentes de esquerdas e aí esta o padecido por Ada Colau, Monica Oltra… Por que no seu caso se atreveron a cuestionar os abusos do sistema. Velaí o “delito”.