Agora que a maioría do vento eólico dos nosos montes está vendido a multinacionais do IBEX (Naturgy, Iberdrola, Endesa…) ou do capitalismo global, e cando a Xunta de Galicia vén de montar “Recursos de Galicia” para dicir que agora si vai facer o que non fixo cando se podía facer, paga a pena pór o foco en dous grandes consumidores anunciados desa electricidade verde (o que debía ser o noso ouro enerxético do século XXI). Que de certo vano ser se ninguén o remedia.
Pois se temos (INEGA) case 4000 MW eólicos xa instalados e aprobados outros 3.000 máis estariamos a producir moito máis que a demanda eléctrica doméstica e de servizos de Galicia. E sería cousa de cavilar dúas veces en que utilizala. Para non andar desnortados.
No meu recente libro “Galicia. Un país desnortado e minguante” (Universidade de Vigo, 2024) pódese ler na páxina 59 algo sobre estes protagonistas: a eólica, o hidróxeno verde, Alcoa e Maerks. Xa o Faro de Vigo puido titular que o hidróxeno verde galego podería papar toda a enerxía eólica que se ten programado instalar. E pode que por iso a navieira Maerks mire para Galicia coa mesma filosofía enerxética que mirou no seu día –e aínda mira- Alcoa-Alúmina, ou antes o capitalismo de amiguetes hidroeléctricos do franquismo.
Pois, segundo informacións recentes da prensa, o futuro de Alcoa (ademais de en subir 5 metros máis a balsa da foto que xa ten 100 metros de profundidade) pasa por utilizar 900 MW directamente eólicos que lle subministrará Endesa e outros tantos de Greenalia, sendo así que chegaría a cubrir o 75% do seu consumo de electricidade. E para o caso de Maerks a cousa é que o hidróxeno verde producido con novos parque eólicos galegos poderían chegar a ser a metade dos 4000 MW que teiman precisar en Galicia e en Andalucía.
Este conto da leiteira eólica ten un resumo doado: dos 7000 MW eólicos cos que contarían a medio prazo as empresas xeradoras localizadas en Galicia, máis da metade poderían papalos Alcoa e Maerks. Dúas bestas éolicas.
Para non andar desnortados mellor nos sería cubrir todo o consumo doméstico dos fogares (4000 MW) con esa potencia eólica do país (7000 MW eólicos) a prezos decentes e que o resto, por vez de papalos Alcoa e Maerks, alimentaran progresivamente unha rede interna de transporte ferroviario (pasaxeiros e mercadorías, nas redes interurbanas e metropolitanas) que a día de hoxe nos fan depender por terra totalmente de combustibles fósiles (o INEGA chámalles “convencionais”) que non temos, que pagamos ao prezo que se nos marca e que provocan colapso climático.
E ¿que facer cos empregados do aluminio?. Pois ocupalos na produción de infraestruturas e material móbil daquela rede de transporte verde para Galicia e para o mundo fora. Algo con máis futuro que empeñarse en seguir facendo automóbiles que outros farán máis baratos (Marrocos) e/ou mesmo mellor (eléctricos chineses). E con Maerks?. Pois eles saberán cuanto lles dura o vicio globalista de traer dunha punta a outra do mundo -e barato- cousas que habería que facer e consumir en proximidade. Para ser máis resilientes como nos deixou claro a pandemia co lío das “mascarillas” e outro material sanitario que tiña que vir da outra punta do mundo.
Porque estamos diante de dous exemplos dunha industrialización desnortada, e porque por vez de inflar co vento galego estes despropósitos faríamos ben en, con ese vento, inflar de entrada as velas enerxéticas das duascentas empresas que, cunha boa agulla de marear, se cartografan no recente libro “Galicia, distrito industrial” (entre as páxinas 153 a 172).
Imaxe de apertura: Balsa de lodos vermellos de Alcoa na Mariña de Lugo (Fotografía: ADEGA)