Un Donald Trump Plus

Nun momento de grandes tensións en ascenso, que o liderado estadounidense recaia nos sectores de menos apego democrático da dereita republicana multiplica as incertezas e os riscos de consumar crises severas de todo tipo a escala global. É como sintetiza o autor deste artigo, experto en política internacional, o que a vitoria de Trump comporta para o mundo.

Á espera de coñecer os resultados polo miúdo, a vitoria de Donald Trump semella tan irreversible como rotunda. Por tanto, o seu regreso á Casa Branca está garantido, e mesmo en mellores condicións institucionais que durante o seu primeiro mandato, con maior lexitimidade e un control máis amplo dos principais resortes do Estado. Non será un Trump II senón un Trump Plus, practicamente sen freos.

Que podemos esperar deste Trump II? Repetirá as mesmas políticas do Trump I ou cabe imaxinar mudanzas estratéxicas salientables? O demócrata Joe Biden en moitos aspectos esenciais desenvolveu a súa política apoiándose nos aliñamentos establecidos por Trump (2016-2020).Fará agora o mesmo o republicano? É obvio que en diferentes aspectos da política interna, moi especialmente no que atinxe a dereitos civís, haberá retrocesos. Os dereitos das mulleres ou a inmigración destacan como ámbitos referenciais do avance das políticas autoritarias. Esa apelación dos EUA como “faro da democracia” no mundo vai profundar as súas contradicións.

Reafirmación hexemónica

A reafirmación hexemónica representa o corazón das políticas de Trump -como tamén de Biden-. É por iso que asuntos clave como a preservación das capacidades económicas, comerciais, tecnolóxicas, militares, etc., van recibir un apoio aínda máis extenso, mesmo a custe das políticas climáticas, onde os demócratas amosan unha maior sensibilidade. Nestes eidos só cabe agardar unha exacerbación das políticas coñecidas.

A nivel global, un primeiro impacto é indisociable do auxe do pensamento reaccionario en Occidente, moi especialmente en Europa e en América Latina moi probablemente tamén. Mentres a esquerda non é quen de capitalizar o descontento cívico en parte ningunha, o conservadorismo tradicional sobrevive a duras penas ante o risco de que a onda de extrema dereita acabe por consumar o desprazamento da súa posición hexemónica neste segmento do mapa político.

A nivel global, un primeiro impacto é indisociable do auxe do pensamento reaccionario en Occidente, moi especialmente en Europa e en América Latina moi probablemente tamén.

No económico-comercial, Trump xa adiantou a súa preferencia polos aranceis e pola relocalización industrial fronte aos principais competidores dos EUA. O balance desta política no seu primeiro mandato foi un fracaso total; non obstante,o discurso manterase para colmar as expectativas dese sector da opinión pública estadounidense ao que prometeu mudanzas radicais. Aínda así, ninguén confía en que o seu aliado Elon Musk traslade as súas xigantescas factorías de China a territorio estadounidense….

Incertezas na política exterior

Na política exterior, as incertezas son de gran calibre. Trump aseverou en campaña que acabaría coa guerra en Ucraína tomando distancias claras de Zelenski e desmarcándose da estratexia seguida pola Administración Biden. Cabe imaxinar que ese guiño a Putin aspire a abrir unha fenda no entendemento sino-ruso. China espera un endurecemento comercial e tecnolóxico substancial que vai complicar o relanzamento da súa economía, pero está á expectativa dos seus pronunciamentos estratéxicos fundamentais. Algo dixo Trump a propósito de Taiwán (requerimento de “pago” pola súa defensa, relocalización industrial dos semiconductores, etc), apuntando non tanto a un xiro respecto ao seu primeiro mandato como a unha volta de rosca máis esixente coas autoridades taiwanesas.

Se o Israel de Netaniahu pode sentirse máis avalado aínda con esta victoria de Trump, en Europa, a pesar da maioría conservadora nas súas institucións principais e en boa parte dos gobernos continentais, un arranxo con Putin de costas a Bruxelas pode sentar como unha “traizón”. As relacións de Bruxelas con Trump foron difíciles no pasado e volverán selo. Se isto é así, China ten unha oportunidade para recuperar e ampliar pontes nunha Europa sen norte político claro.

As relacións de Bruxelas con Trump foron difíciles no pasado e volverán selo. Se isto é así, China ten unha oportunidade para recuperar e ampliar pontes nunha Europa sen norte político claro.

O risco de que a ultradereita en Europa siga avanzando posicións ao abrigo da vitoria de Trump é un problema moi serio que ameaza a debilitada calidade dos sistemas liberais. A actual febleza do proxecto europeo dificilmente vai ser superada como reacción ante Trump e todo apunta a que UE, cun liderado frouxo, agudizará a súa perda de identidade, entre o incremento da submisión tradicional a Washington e a mera disgregación. As posibilidades de que acentúe a reafirmación dun proxecto europeo xenuino cotizan á baixa.

O escepticismo non é menor respecto ás alianzas dos EUA cos países de Asia, cos que os demócratas lograron trabar vínculos especiais nos últimos catro anos conformando unha tenace estratéxica de gran calibre para conter a China. Obxectivamente, esta política debera manterse no esencial, pero propostas como o Marco Económico para o Indo Pacífico xa foron descualificadas por Trump. Acontecerá o mesmo co QUAD ou o AUKUS? O complexo militar industrial estadounidense bregará polo seu mantemento.

A actual febleza do proxecto europeo dificilmente vai ser superada como reacción ante Trump e todo apunta a que UE, cun liderado frouxo, agudizará a súa perda de identidade.

Nun momento de grandes tensións en ascenso, que o liderado estadounidense recaia nos sectores de menos apego democrático da dereita republicana multiplica as incertezas e os riscos de consumar crises severas de todo tipo a escala global. Con todo, o dramático dilema que suxire na propia sociedade estadounidense pode aínda alentar unha resposta cívica activa. A día de hoxe, o único freo que resta para conter a marea autoritaria.

Xulio Ríos é presidente de honra do IGADI