“Podería ser unha toma de control amigable, podería non ser unha toma de control amigable. Non importa, porque están, como digo, en ruínas. Non teñen enerxía, non teñen diñeiro. Teñen profundos problemas a nivel humanitario”. (Declaracións de Donald Trump sobre Cuba).
Cuba enfronta as ameazas do megalómano da Casa Branca -Donald Trump- e o seu equipo anticastrista. A administración trumpista conta no seu seo con catro destacados cubanos anticastristas ocupando postos relevantes: Marco Rubio como Secretario de Estado; Mauricio Claver-Carone como encargado de Asuntos Latinoamericanos no Departamento de Estado; Peter Lamas como embaixador na Arxentina e Kevin Marino Cabrera como embaixador en Panamá. Todo isto nunha situación interna extremadamente difícil e unha conxuntura internacional nada favorable.
A nivel interno, Cuba atravesa unha crise económica que non é de agora, senón que vén de lonxe. Como moi ben declarara Raúl Castro no seu día: “A principal ameaza que pesa sobre nós non son os canóns estadounidenses, senón os feixóns. Os que os cubanos non comen”. Unha crise económica que deriva da insuficiencia das reformas iniciadas no ano 2011, algo que as propias autoridades cubanas recoñeceron no seu momento. Insuficiencia que deriva non só das sancións económicas que impoñen os Estados Unidos e dos cambios habidos no escenario internacional que afectaron directamente ás relacións comerciais e financeiras, senón tamén a fallos internos que convén poñer en valor. Estes fallos veríanse ampliados inicialmente polos efectos da pandemia e, posteriormente, pola intensificación do bloqueo estadounidense.
Existen problemas sistémicos que afectan ao mercado laboral: o 70% dos empregos están no sector público, a maioría dos empregados privados son traballadores por conta propia -os contapropistas- e o 40% da poboación en idade laboral declárase como poboación inactiva. A nivel financeiro, Cuba mantíñase grazas a unha entrada de divisas que tiña tres fontes principais: a chegada de turistas, as remesas dos emigrantes e a venda de servizos -médicos maiormente-. Estas foron as principais vías de entrada de capitais, pero nos últimos anos, por mor da pandemia e o bloqueo, víronse afectadas moi negativamente. As medidas de política monetaria adoptadas para compensar esta caída de divisas e a imposibilidade de acceder aos mercados financeiros exteriores non deron os froitos esperados.
Todo o contrario: a existencia de varias moedas levou a que, como sempre sucede nestes casos, a moeda forte -o dólar- desprazase á moeda débil -os sucesivos pesos-, producindo unha crecente dolarización da economía cubana. Isto debilitou ata o extremo a soberanía monetaria e disparou a inflación e as desigualdades (estas últimas en función do grao de disposición de dólares por parte dos cubanos). Sumouse a esta crise interna a recesión no sector exterior, froito da caída tanto no comercio co socio preferente (Venezuela) -co secuestro de Maduro, as importacións subvencionadas de petróleo venezolano desapareceron- como nas exportacións de servizos e no turismo. Este último, nun momento no que experimenta un auténtico agromar a nivel internacional, sofre un colapso en Cuba: se no 2018 recibira 4,7 millóns de visitantes, no 2025 apenas chegarían a 1,8 millóns. A crise enerxética e a acentuación do bloqueo contribuíron fortemente a esta caída. Esta recesión provocaría un deterioro aínda maior da balanza de pagos e un disparar da inflación, obrigando ao réxime cubano a implantar políticas procíclicas para resolver os problemas de solvencia.
Unha recesión económica que está desarticulando un Estado de benestar que, durante décadas, fora modélico en América Latina por ser quen de garantirlle aos seus cidadáns -incluso nos momentos máis difíciles- ensino, atención sanitaria, alimentación, traballo, cultura e deportes de xeito gratuíto. Pero hoxe a pobreza, que dende 2010 non para de medrar, está acadando cifras descoñecidas: algunhas fontes nada sospeitosas sitúan entre o 40-45% da poboación cubana en situación de pobreza. Unha realidade que sería aínda máis grave se non fose pola emigración: Cuba, que chegou a contar con 11,5 millóns de habitantes en 2010, hoxe calcúlase que está por baixo dos 10 millóns e en caída.
Unha situación explosiva que se ve acentuada polos déficits democráticos do réxime castrista. Así, consonte pasan os anos, medra a diverxencia entre unha sociedade que é plural e a ausencia de canles políticas que permitan manifestarse a ese pluralismo. Do mesmo xeito, medran as críticas tanto ao monopolio do poder político do que goza o Partido Comunista (PCC) como ao protagonismo dos Comités de Defensa da Revolución (CDR). Se durante décadas estes últimos foran unha eficaz correa de transmisión entre o Estado e a poboación, hoxe son fortemente cuestionados pola súa rixidez e por representar a cara máis represiva do réxime.
Se no seu día Fidel Castro recoñecera que “o modelo cubano xa non funciona”, hoxe pódese dicir que non estamos ante unha crise terminal, senón ante o final dun ciclo que durou máis de cincuenta anos e que fixo historia. Pero un final que pode ser dramático para o pobo cubano e moi negativo para toda Latinoamérica dadas as inxerencias e ameazas reais da administración trumpista. Porque, á marxe dos graves erros do réxime, non se pode ocultar que dende hai máis de seis décadas Cuba vén soportando un bloqueo criminal. Dicir que co bloqueo se busca promover a democracia na illa non ten credibilidade porque, ademais de non ser efectivo, se fose coherente tería que aplicarse a toda Centroamérica, o que non é o caso. Tampouco é crible o argumento de que o réxime castrista supón un perigo para a liberdade cando as maiores ameazas nesta rexión viñeron de Washington. O bloqueo ten un carácter criminal pois afecta ao subministración de alimentos, medicamentos e combustibles, castigando duramente as familias cubanas e as infraestruturas básicas.
Neste escenario, se real e sinceramente se quixese axudar ao pobo cubano para que avance en democracia e progreso, o primeiro que hai que esixir é que os Estados Unidos levanten o embargo e respecten o dereito internacional. Algo que as administracións estadounidenses demostran reiteradamente non estar dispostas a facer. Semella que Donald Trump está intentando unha operación similar á realizada en Venezuela, o que provocaría unha situación terrible: Cuba non é Venezuela.
Para rematar, cómpre lamentar que unha vez máis Europa pareza durmir o sono dos incompetentes e servís, a pesar dos loables intentos de Pedro Sánchez por que se respecte o dereito internacional. Unha posición política que suporía situarse na defensa da soberanía dos pobos, a liberdade, a democracia e a convivencia pacífica.





