Un dos cambios mais significativos que está traendo consigo a crise do neoliberalismo é o de que o centro do sistema mundial capitalista está trasladándose dende o Atlántico ao Pacífico: un fito histórico. Un traslado que pode acelerarse logo da chegada ao poder nos Estados Unidos do neofascista Donald Trump quen se viu favorecido nese logro polo apoio dos oligarcas estadounidenses.
Entre as razóns que xustifican este traslado está a evidencia de que o peso económico e comercial dos países que baña o océano Pacífico é, hoxe por hoxe, claramente superior ao dos que baña o océano Atlántico debido maiormente, aínda que non exclusivamente, ao enorme crecemento económico experimentado por China nas últimas décadas. Unha China que aparece como unha crecente ameaza para os Estados Unidos no liderado da economía mundo: mentres China presenta un saldo comercial mundial altamente positivo (+132,2%) Estados Unidos presenta un grande déficit (-63,7%), ao tempo que as distancias en PÎB vanse estreitando (USA: 27 billóns de dólares, China: 16,5) pois mentres nas últimas décadas (2008-2023) a riqueza (PIB) en Estados Unidos multiplicouse, en termos nominais, por tres (3) en China facíao por cinco (5).
Pero non é so o caso de China, senón que no marco das relacións económicas e comerciais están aparecendo dous polos, a un lado os Estados Unidos a outro os BRICS sen que Europa atope o seu lugar e apareza perdida entre outras razóns polo crecente rexeitamento que está atopando entre os países do Sur global. Un relación ao segundo polo (BRICS) cabe subliñar que a pesares do seu indiscutible pluralismo xira en torno a China, polo que podemos resumir que no escenario internacional un dos polos está liderado polos Estados Unidos (no que a Unión Europa parece cada vez más dependente) e outro por China (cunha Rusia tamén mais dependente). Unha bipolarización (Estados Unidos-China) que irá avanzando consonte transcorran os anos tal e como estamos vendo. Bipolarización que explica a crecente importancia da área do Pacifico e a loita entre ambas potencias por incrementar a súa influencia nesa zona.
No escenario internacional, un dos polos está liderado polos Estados Unidos (no que a Unión Europa parece cada vez más dependente) e outro por China (cunha Rusia tamén mais dependente).
A pesar diso, e fronte a algunhas opinións pouco rigorosas, non se pode afirmar que esteamos asistindo a cambios decisivos na economía mundo, fundamentalmente por que a nova orde mundial seguirá sendo capitalista pois rexerase polas súas leis. Neste marco xorden unha serie de interrogantes cuxa resolución será decisiva para o futuro.
Así, en primeiro lugar, cabe preguntarse se o dólar seguirá sendo a divisa internacional de referencia ou aparecerá outra, ou outras, que lle fagan competencia. Un dilema que afecta especialmente a China pola súa hexemonía comercial e que non terá fácil saída, entre outras razóns, polo nivel de reservas que esta posúe en dólares. Na actualidade calcúlase que as reservas en divisas de China superan os 3,2 billóns. Unha situación que, contra o que se pode pensar e logo do sucedido coas reservas rusas co gallo da guerra en Ucraína -Estados Unidos conxelou 300.000 millóns de dólares en reservas de divisas do Banco Central Ruso- entraña indiscutibles riscos financeiros para a propia China e, de rebote, para o sistema financeiro internacional. Pensemos en que sucedería se Estados Unidos decide conxelar as reservas chinas. Pode facelo por ser quen domina o dólar, aínda que provocaría grandes perdas a ambos imperios, pero maiores a China. Velaí que o xigante asiático se enfronte ao reto da desdolarización da súa economía se realmente quere competir con Estados Unidos en igualdade de condicións. Algo que non lle vai resulta tan fácil, se é que realmente está no seu horizonte. Por que? Porque China necesitaría que os grandes países cos que mantén acordos comerciais (BRIC) aceptaran a nova divisa, algo que está por ver no mellor dos casos. En segundo lugar os BRIC precisarían de dotarse de institucións financeiras propias que poidan competir co FMI e o BM e garantan a viabilidade e a fortaleza da nova divisa: hoxe por hoxe o BDN (o Banco de Desenvolvemento Novo) non está en condicións de competir co FMI e o BM. Unha nova divisa que teña a fortaleza suficiente para facer fronte aos ataques especulativos que sen dúbidas sufrirá.
Non caben dúbidas de que nas últimas décadas China, grazas á división internacional do traballo, adquiriu unha gran vantaxe na produción que parece querer conservar, e incluso ampliar coa súa aposta decidida polas novas tecnoloxías e a intelixencia artificial.
Unha serie de incógnitas que se irán despexando no tempo, que parten dunha evidencia como que se os BRICS (China) queren consolidarse como un polo alternativo deberán crear o seu propio sistema monetario e financeiro. Só entón poderá falarse do alborecer dunha nova orde internacional. Hai evidencias a favor do mesmo, a ter en conta como por caso que o renminbi chino vai gañando protagonismo nos intercambios comerciais dos BRIC, pero está moi lonxe de poder ser, no curto prazo, un substituto alternativo do dólar, aínda que tamén é certo que esta divisa está perdendo peso nas transaccións internacionais.
En segundo lugar, se temos en conta a historia do capitalismo, toda nova orde trouxo consigo un reequilibrio nas relacións de poder, polo que cabe preguntarse se na actualidade a hexemonía dos Estados Unidos está en risco serio de minguar e ser substituída por outra hexemonía. Unha cuestión que nos retrotrae ao epígrafe anterior, pois trátase dunha hexemonía de carácter económico, non político-militar. Cabe entón facer a pregunta de se hai na actualidade algunha potencia capaz de competir con vantaxe cos Estados Unidos nas esferas das produción, o comercio e as finanzas. Pode China (con ou sen o apoio dos BRICS) ser esa potencia? En relación a estes tres campos, parece evidente que a capacidade para competir con vantaxe entre ambos imperios é variable. Pois se, tal e como sinalamos anteriormente, nas finanzas a hexemonía estadounidense é indiscutible, a día de hoxe non sucede o mesmo no comercio internacional e incluso na produción. Non caben dúbidas de que nas últimas décadas China, grazas á división internacional do traballo, adquiriu unha gran vantaxe na produción que parece querer conservar, e incluso ampliar coa súa aposta decidida polas novas tecnoloxías e a intelixencia artificial. A pregunta é se China conseguirá manterse como “a fabrica do mundo”, para a que non hai unha clara resposta, pois esta potencia, para manter e ampliar a produción, terá que facer fronte a unhas crecentes demandas salariais internas que lle restarán concorrencia. Por outra parte, para consolidar esta hexemonía, China terá que incrementa-lo seu potencial militar. O que, inevitablemente, suporán cargas económicas que irán en prexuízo da actividade produtiva.
O océano Pacífico será testemuña e tamén escenario deste conflito inevitable.
En relación á hexemonía comercial, hai que ter en conta as relacións comerciais de China co resto do mundo: a UE na actualidade é o principal socio comercial de China, con cada vez maiores contidos. O mesmo sucede co Sur global cunhas exportacións que practicamente se duplicaron nos últimos anos. Finalmente, en relación cos Estados Unido, China é o cuarto maior socio comercial. Todo isto converteu a China na maior potencia comercial a nivel mundial. Neste marco a hexemonía discutirase a nivel financeiro e tamén tecnolóxico (NTIC e Intelixencia artificial). Se no primeiro dos campos a hexemonía estadounidense é clara, non así no segundo onde a realidade china e moi pouco coñecida pero hai signos firmes dun enorme avance tamén nese campo. Avance que parece ser a principal causa de preocupación das autoridades e os oligarcas estadounidenses.
Polas razóns apuntadas, aínda que China está moi solidamente asentada na economía mundo actual, ocupando posicións de liderado na produción e a comercialización, a hexemonía militar dos Estados Unidos é indiscutible. Queda por ver que pasa tanto a nivel tecnolóxico como financeiro. De momento a economía mundo camiña cara a un certo equilibrio bipolar crecentemente inestable agora pola presenza de Donald Trump e os oligarcas na presidencia dos Estados Unidos. O océano Pacífico será testemuña e tamén escenario deste conflito inevitable.
Dada a relevancia e a dimensión dos cambios que se están producindo seguiremos debullando argumentos sobre os mesmos e o seu posible impacto mundial.