Defensa: OTAN ou Unión Europea?

| As claves, Global

 

A estas alturas, é un feito que a sorprendente resurreción da OTAN está directamente relacionada co provocado avance da mesma cara Ucraína e ao parello desencadeamento da guerra nas fronteiras de Rusia. As sucesivas ampliacións da mesma cara esas fronteiras e o actual reforzamento do gasto militar dos seus membros (para España pasar de apenas o 1% a máis do 3% do PIB), fanse por causa da total subordinación ás estratexias globais dos Estados Unidos (mesmo da súa industria militar). Sendo así que, como país membro, teríamos que acudir na súa axuda de seren atacados por calquera dos Estados cos que practican o seu unilateralismo hexemónico (por caso, nestes intres, Irán).

Como teño argumentado polo miúdo recentemente, a Unión Europea non pinta nada neste esquema de subordinación aos Estados Unidos. Non existe, o que quere dicir que mentres isto sexa así non hai unha política de defensa da Unión. Si temos unha política comercial e arancelaria, que pode ou non subordinarse á guerra comercial declarada por Trump, pero no defensivo, nin iso.

Para que exista tal política os membros da UE -de entrada un núcleo duro dos mesmos- deberan federalizar as súas estruturas defensivas á marxe da OTAN, dos Estados Unidos ou de Gran Bretaña. E facelo suporía grandes vantaxes tanto polo lado dos gastos como dos fondos necesarios.

Polo lado dos gastos, porque un exército unificado e federal (como por certo teñen Rusia ou os Estados Unidos) supón que con  menos recursos humanos e materiais se conseguen máis efectos defensivos, de entrada porque se superan as numerosas barreiras e incompatibilidades tecnolóxicas do presente. E polo lado dos ingresos, porque só unha estrutura federal permitiría dispor dun financiamento mutualizado con cargo a débeda pública supranacional, e non con cargo directo ás contas públicas de cada país.

Un enfoque europeo e federal da defensa faríanos conscientes de que xa hoxe facemos no conxunto da UE un gasto militar por habitante (tamén por soldado) superior ao de Rusia, e facemos un esforzo medio en defensa sobre o PIB semellante ao de China. Penso que se queremos ser un axente relevante nun mundo multipolar, o grande reto para a Unión Europea non pasa por que cada Estado gaste máis en defensa, senón en facelo de xeito federal e non subordinado a ningunha grande potencia.